Igrexa de Santa Comba de Louro

Igrexa de Santa Comba de Louro - Valga - Santa Comba de Cordeiro

Imaxe: José Alberto Solla Barreiro

A igrexa parroquial actual, de estilo barroco, foi construída cara o primeiro terzo do século XVIII. Sen embargo, existen referencias documentais e bibliográficas moi anteriores a ese templo que posúe o título de colexiata. Así, nun documento do ano 1028, figura a doazón que Bermudo III fai da vila de Cordeiro á Catedral de Santiago. Por outra parte, Cordeiro foi inicialmente un convento de monxas, pasando posteriormente a ser de cóengos, que foron “resumidos” no ano 1478 por parte do arcebispo de Santiago Alonso Fonseca, na Colexial de Iria. M. Núñez cualifica á igrexa de Cordeiro dentro do grupo das capelas en antigos enclaves romanos, fundamentándose no descubrimento de tumbas de tellas que G. Álvarez Limeses menciona para o Castro de Balleas, situado a pouca distancia, cara o leste da igrexa actual.

Nun pequeno outeiro situado no lateral norte da igrexa, o illado Cruceiro de Montecelo aínda santifica esta área, podendo estar sinalando o lugar orixinal da igrexa primitiva de Santa Comba. A partir deste conxunto de referencias sobre un dilatado pasado histórico desta igrexa, onde o propio haxiotopónimo, de reminiscencias moi antigas, ven incidir, xunto coa proximidade ao propio Castro de Balleas, pode darse como moi probable que o subsolo garde vestixios relevantes sobre épocas pasadas.

A igrexa parroquial de Cordeiro, está formada por unha nave única sen cruceiro e campanario único a un lado da fachada. Ten un reloxo de sol. Porta alintelada con xambas e lintel moldurados, cunha furna decorada con volutas sobre ela. Primeiramente foi unha igrexa monacal. A actual construíuna o mestre de obras Juán Fontenla, seguindo os plans trazados polo mestre Antonio Barros de Rianxo. Alejandro Nogueira realizou o retablo maior. No seu cemiterio están soterrados Xesús Ferro Couselo, o padre Isorna e Celestino Carbia Campaña, alcalde republicano de Valga fusilado tras o golpe de estado do 1936.

Todos os 2 de febreiro, coincidindo co Día da Candeloria, a Procesión dos Lacóns percorre varios lugares da parroquia de Cordeiro (Vilar, Vilarello, Moldes, As Eiras, Outerio, Ferreirós e Beiro), partindo da Capela de San Paio de Vilar e chegando a esta igrexa, onde unha vez aquí os lacóns son poxados. A orixe desta procesión remóntase ao século XIX, cando unha epidemia afectou ao gando, momento este que provocou que os veciños  comezaran a ofrecer lacóns aos santos. O 25 de xaneiro, festividade de San Paio, as imaxes de Santo Antonio e San Roque trasládanse desde a igrexa parroquial até a capela de Vilar, permanecendo algo máis dunha semana, até que, coincidindo coa Candeloria, ambos santos, acompañados de San Paio regresan en procesión.

  • INFORMACIÓN
  • Código: VA-AR004
  • Outras denominacións:
  • Tipoloxía: Arquitectura relixiosa
  • Cronoloxía: Século XVIII
  • Concello: Valga
  • Parroquia: Santa Comba de Cordeiro
  • Lugar: Beiro
  • Acceso a pé: Bo
  • Galería de imaxes: Acceder
  • Conservación:

    Na parte oeste da igrexa construíuse o novo cemiterio e edificacións anexas, para o cal se realizou unha explanación considerable da zona, afectando ao pé do outeiro no que se empraza o cruceiro. Un ramal da estrada Valga-Catoira bordea este espazo polo leste, sur e suroeste.

  • Protección:

    PXOM de Ordenación Municipal do Concello de Valga (AR-03: GA36056011)

    PXOM de Ordenación Municipal do Concello de Valga (AR-225)

    Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

  • Referencias:

    PXOM de Ordenación Municipal do Concello de Valga, aprobado o 15 de outubro do 2010 pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

    Reloxos de sol de Galicia

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Capela do Pazo da Bouza

Igrexa de Santa María de Xanza

Capela de San Paio

Igrexa de Santa Cristina de Campaña