Teleclube de Cordeiro

Teleclube de Cordeiro - Valga - Santa Comba de Cordeiro

Imaxe: Diario de Pontevedra

O edificio é actualmente a sede da Asociación de Veciños, Cultural e Deportiva de Cordeiro, mais o seu nacemento remóntase á época da ditadura de Miguel Primo de Rivera (1923-1930), aínda que sufrise diferentes reformas. Foi sede do Sindicato Agrario de Cordeiro, presidido por Francisco Carbia, e logo polo seu fillo Celestino Carbia, ambos alcaldes republicanos de Valga. Celestino foi fusilado tras o golpe de estado do 1936.

As corporacións municipais de Valga estiveron marcadas polas sucesivas mudanzas na súa composición interna entre 1924 e 1930, que se deberon a dous procesos diferentes: o cambio da elite política local e o acceso dos líderes agrarios á corporación, feito que se produciu na maior parte dos concellos galegos coa instauración da ditadura de Primo de Rivera (Soutelo, R. 2007:339).

Deste xeito, a segregación en 1925 de San Xulián de Reiqueixo (Pontecesures) foi decisiva. Antes da separación, eran os comerciantes e negociantes de Pontecesures que gobernaban en Valga –a situación xeográfica era idónea para o tráfico de mercadorías polo río Ulla– mais logo pasaron a ser os labradores máis acomodados de Valga. En concreto eran dúas familias: os Couselo-Ferro e os Carbia.

Constante Couselo foi alcalde de Valga durante a ditadura de Primo de Rivera (Unión Patriótica) entre 1925 e 1928, mais coa caída da ditadura mudou de novo. Os vellos partidos dinásticos volveron ser protagonistas, con Juan Soneira Rei como alcalde.

Co novo réxime republicano, naceu unha nova corporación composta por líderes agrarios de Valga. Como alcalde, Francisco Carbia Fariña; Manuel Rodríguez Pardal e Francisco Castromán Vázquez de tenentes alcalde; Constantino Campaña Senín, Juanquín Pérez Castro, Cándido Iglesias Gil e Rogelio Touceda Rei como concelleiros (Soutelo R., 2007:347). A nova corporación municipal estaba integrada por nove socialistas, tres republicanos da ORGA e un concelleiro sen definir: Maximino Mosquera Castromán, que foi o alcalde.

Asumiron as tenencias de alcaldía Celestino Carbia Campaña, que formaba parte da primeira corporación municipal da ditadura de Primo de Rivera, xunto co seu pai, e Francisco Vázquez. Maximino Mosquera Castromán deixou a alcaldía, a cal asumiu Celestino Carbia (Soutelo, 2007:349). Nos anos con Celestino Carbia na alcaldía lévase a cabo unha serie de accións dirixidas ao benestar do pobo: desde a abolición de prácticas abusivas por parte do clero, até a mellora das redes de comunicación ou estruturas que facilitasen aos veciños o coidado dos seus animais, pois non hai que esquecer que a agricultura e gandería era a principal economía de Valga. Así mesmo, Celestino Carbia conseguiu financiación para a construción do cuartel para a benemérita, algo que se levaba demandando desde 1910.

Semellz que os curas de Cordeiro e Xanza non estaban de acordo coas medidas e houbo algún que outro pequeno enfrontamento, mais Celestino Carbia era un alcalde querido.

Coa sublevación militar franquista, Celestino Carbia mantivo a calma e estivo no cargo até o 24 de xullo de 1936, mais logo foi detido xunto con outros cargos municipais, empregados do concello e simpatizantes ou militantes das organizacións políticas que formaban parte da Fronte Popular. O 22 de abril de 1937 condénase a morte a Celestino Carbia, e cadea perpetua para o resto: Severiano Dios Busto, José Leoncio Viñas Menéndez, José González Padín, José Mendez Boquete, José Lema Varela Arturo Ferro Eiras, Manuel García Bodaño, Manuel Claudio Iglesias e Jesús García Otero. Pese aos intentos da familia de Carbia, este foi fusilado o 11 de maio de 1937 en Monteporreiro e soterrado no cemiterio de San Mauro en Pontevedra. Anos máis tarde o seu corpo foi trasladado a Cordeiro, onde no 2016 se lle dedicou un acto por parte da Memoria Histórica de Valga e familiares.

O Sindicato Agrario de Cordeiro foi fundado en 1908 por Francisco Carbia, xunto con Constante Couselo Bouzas e Gumersindo Ferro Barreiro, e logo o seu fillo Celestino Carbia, baixo o nome Sindicato Católico Agrícola de Cordeiro bajo la advocación de la Virgen de los Dolores, pasando logo a ser Sindicato Agrario de Cordeiro. Unha das súas principais motivacións para a súa creación foi poder ofrecer unha escola á freguesía.

Gumersindo Ferro e Francisco Carbia estiveron emigrados, fixeron de ponte para que, coa fundación da Sociedad de Residentes de Cordeiro, Instrucción y Protección en Buenos Aires, se puidese en 1913 inaugurar a Escola de Ferreirós. Segundo as investigacións de Raúl Soutelo, a formación do sindicato foi neste contexto sociopolítico unha táctica dos labradores de Cordeiro para oporse á rede liberal de Otero Bárcena e familias comerciantes de Pontecesures (2007:295).

O sindicato chegou ter 225 afiliados e destacaba polo bo funcionamento e rendibilidade. Non se sabe con exactitude cando se fixeron coa sede física do mesmo, mais si que no actual edificio coñecido como Teleclube, en 1926 xa era o edificio oficial do sindicato. Alí gardábase os apeiros de labranza; mesmo chegaron ter dúas malladoras que traballaban desde Catoira e Carracedo. O carácter progresista do sindicato era palpable, desde a modernización nos apeiros e sistemas de compra venda para evitar a estafa aos labradores, até a escola de ferrado de Ferreirós, que chegou a ter 80 rapaces, un número elevado de asistencia naquela altura, polo que en 1927 a sede do sindicato tamén pasaría a ser escola para poder cubrir as necesidades de espazo da de Ferreirós.

O Sindicato Agrario de Cordeiro foi mudando de presidencia. En 1921 estaba Francisco Carbia de presidente. Data na que o volume de negocio do sindicato se multiplicara grazas á simbiose de abastecemento entre os agrarios de Cordeiro e os comerciantes de Pontecesures, como era o famoso comerciante Zabala.

Celestino Carbia tamén foi o sucesor de seu pai como presidente do sindicato até a data da súa detención e posterior asasinato. Gumersindo e os de Novaíño seguirían co sindicato, que fora presidido maiormente por parte dos republicanos. En 1946 converteuse na Cooperativa del Campo de Louro e integrouse na UTECO, adaptándose pois á política imposta polo réxime franquista.

  • INFORMACIÓN
  • Código: VA-AC021
  • Outras denominacións:
  • Tipoloxía: Arquitectura civil
  • Cronoloxía: -
  • Concello: Valga
  • Parroquia: Santa Comba de Cordeiro
  • Lugar: Forno
  • Acceso a pé: Bo
  • Galería de imaxes: Acceder
  • Conservación:

    -

  • Protección:

    Non

  • Referencias:

    Santiago Sanmiguel, L. Memoria, Historia e Identidade - Patrimonialización de espazos, 2019

    Nomes e Voces

    Praza Pública

    Nós Diario

    Faro de Vigo

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Escola do Forno

Casa reitoral de Santa María de Xanza

Escola de Ponte Valga

Casa do Concello