Casa do Padre Isorna

Casa do Padre Isorna - Valga - Santa Comba de Cordeiro

Imaxe: Conchi Isorna Santiago

Un 29 de maio de 1921, nacía neste lugar da aldea de Barcia (Cordeiro), Xosé Manuel Isorna Ferreirós, o padre Isorna, frade franciscano da Orde dos Freires Menores. Desempeñou diversas responsabilidades nos conventos franciscanos de Santiago de Compostela, Pontevedra, Ourense e máis en Madrid.

Cursou estudos de Humanidades no seminario franciscano do Convento de Santo Antonio de Herbón, onde exerceu máis adiante como profesor, e de Filosofía e Teoloxía non centro compostelán da orde á que pertencía. Foi vicerreitor do Convento de San Francisco de Santiago, representante de Radio Vaticana en Galicia, delegado diocesano de Medios de Comunicación Social e director da revista “El Eco Franciscano”, ademais de ser promotor de numerosas publicacións.

Era membro correspondente da Real Academia Galega desde 1967, estando moi comprometido coa galeguización da igrexa en tempos difíciles para o idioma, sobre todo durante a ditadura franquista. Tratou con intelectuais da talla de Castelao, Otero Pedrayo, López Cuevillas ou Álvaro Cunqueiro.

A súa relación co galego quedou patente nos enterros que oficiou, por exemplo, nos funerais do tamén valgués Xesús Ferro Couselo e Sebastián Martínez-Risco, que faleceu en 1977 sendo o presidente da Real Academia Galega. O padre Isorna chegou a todos os televisores nas misas dominicais retransmitidas pola TVG.

Faleceu o 26 de abril de 2016 en Santiago de Compostela aos 94 anos de idade. Está soterrado no cemiterio parroquial da Igrexa de Santa Comba de Louro, debaixo dun ciprés que plantara o seu pai, ciprés que foi tallado no ano 2023.

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Casa da Torre

Escola de Setecoros

Escola de Campaña

Casa de Xesús Ferro Couselo