O proxecto

1845 Domingo Fontán [Carta Xeométrica de Galicia]

Que é obaixoulla.gal?

A Asociación Cultural Os Penoucos impulsa o proxecto colaborativo obaixoulla.gal | patrimonio + territorio + paisaxe. Preténdese recoller nun mapa a totalidade do patrimonio cultural, natural e paisaxístico do territorio polo que discorre o río Ulla no seu treito baixo, antes de deixar de ser río e converterse en ría. Na actualidade están catalogados elementos dos concellos de Catoira (San Mamede de Abalo, San Miguel de Catoira, San Pedro de Dimo e Santa Baia de Oeste), Dodro (Santa María de Dodro, San Xián de Laíño e San Xoán de Laíño), Padrón (San Pedro de Carcacía, Santiago de Padrón, Santa María de Iria Flavia, Santa María de Cruces e Santa María de Herbón), Pontecesures (San Xulián de Requeixo), Rianxo (Santa María de Asados, Santa Baia do Araño, Santa María de Isorna e Santa María de Leiro) e Valga (Santa Cristina de Campaña, San Miguel de Valga, Santa María de Xanza, San Salvador de Setecoros e Santa Comba de Cordeiro).

O río Ulla

O curso baixo do río Ulla é a vía máis importante de penetración no territorio desde os máis antigos períodos históricos. Existen multitude de achados patrimoniais ao longo do Ulla que datan desde a Idade de Bronce até épocas máis recentes, con importantes restos da época romana e continuidade dos mesmos na época medieval.

O Ulla, ademais de amosarnos o dinamismo social e humano na antigüidade, tamén nos deixa testemuñas das épocas máis recentes. A Galicia contemporánea neste recuncho tamén se deixa ver a través de diferentes mostras patrimoniais que se foron plasmando na paisaxe. 

1812 Benito Méndez [Corpo de Enxeñeiros do Exército]

Proxecto colaborativo

Con todo, no proxecto obaixoulla.gal queremos construír un relato territorial baixo unha metodoloxía participativa. Deste xeito, todas e todos podemos incorporar os diferentes elementos a este mapa e así comprender, reflexionar e sinalar aspectos da nosa realidade cotián, histórica e colectiva. Ademais de poñer en valor o patrimonio, facemos eco das relacións emocionais co espazo e dos diferentes significados que o territorio e a paisaxe poidan ter para os seus habitantes. 

Por outra banda, ao poder recoller os elementos tanxibles —e en certa medida intanxibles— do patrimonio nun mapa, contribuímos a poñer ao alcance todas e todos o patrimonio; sen dúbida é unha forma de coñecer, saber, difundir e socializar co noso territorio. Así, este proxecto está aberto á colaboración de entidades e persoas do Baixo Ulla. Calquera que o desexe pode enviar a súa aportación, sexan comentarios, suxestións, textos, fotos... usando o formulario de contacto desta páxina web. Ti tamén podes facer parte do proxecto e así, entre todas e todos darémoslle unha perspectiva máis funcional e social ao patrimonio que nos rodea!

Este proxecto, realizado sen ningún tipo de subvención oficial, aspira a seguir medrando, mais como até o de agora o fixo, co traballo voluntario e desinteresado de persoas que creen no territorio no que viven.