Capela dos Martores
Templo construído sobre outro orixinal anterior á cristianización. O edificio actual, do século XVII, consta de planta rectangular e muros de cachotería, agás o da portada, que é de perpiaños e posúe un campanario.
Segundo a teoría do bispo Don José Guerra Campos, natural de Ames, no seu traballo Exploraciones arqueológicas en torno al sepulcro del Apóstol Santiago de 1982, sinala o lugar dos Martores, como a localización máis posible para o enterramento de Prisciliano. A existencia duns sarcófagos antropomorfos que poden datar do século IV, e a toponimia do lugar, Os Martores, que pode ser unha reminiscencia da toponimia dos Mártires, co que se coñecía aos mortos en Tréveris. En apoio de esta teoría engádese un aporte documental: na sentencia definitiva do concilio de Toledo celebrado no ano 400 dise: “Na cidade de Toledo pertencente á provincia Carthaginensis, os bispos reúnense en Sínodo: segundo as actas, Simposio e Dictinio xunto a outros bispos galegos, seguidores de Prisciliano, asinaron unha declaración na que condenaban a súa nefasta herexía, así coma ao seu autor. Ademais tomáronse diversas medidas que concernían á disciplina eclesiástica. Neste mesmo concilio participou o bispo Ortigio, que fora ordenado en Celenis, sendo exiliado a causa da súa fe católica, baixo a presión dos priscilianistas”. Estas actas son interesantes xa que lembran a importancia do priscilianismo durante os séculos IV e V en Aquis Celenis, a actual Caldas de Reis, da que seguramente dependía Valga naquel tempo.
Guerra Campos menciona o lugar dos Martores como unha posibilidade que debe ser investigada, posiblemente para afastar a teoría de que os restos que se atopan na Catedral de Santiago sexan os do propio Prisciliano, mais non deixa de lembrar que non existe un topónimo como Martores en toda Galicia, aínda que si existe presenza similar como Os Martices en varios concellos.
Sulpicio Severo, na súa crónica Chronicorum Libri Duo que é unha fonte de información moi importante para entender a controversia prisciliana na Galia, di que cando os corpos dos mártires foron traídos ás Hispanias, eran cinco os executados en Tréveris: Prisciliano, Felicísimo, Armenio, Latroniano e Eucrocia. Estes foron traídos entre os anos 385 d.C. e o 400 d.C., celebrándose as exequias con grande esplendor, e incluso comezaron a venerarse como mártires, considerándose relixioso en extremo xurar no nome de Prisciliano. Segundo o bispo Hidacio (c. 400 – c. 469) despois da execución do mártir “a herexía priscinialista invadiu Galicia”.
Na última restauración da Capela dos Martores atopouse unha ara romana dedicada ao deus Mercurio (século I d.C.). Descuberta en 1950 no pavimento da propia Capela dos Martores, a ara, colocada coa inscrición cara abaixo, estaba aproveitada como chanzo ante o altar. Actualmente consérvase unha reproducción no interior da capela, posto que a orixinal atópase no Museo de Historia Local de Valga. Trátase dunha inscrición votiva dedicada ao deus Mercurio, realizada nun bloque de granito de forma rectangular, coa parte superior un tanto máis estreita que a inferior. A súa transcrición, segundo o C.I.R.G., II: Mer/curio / Seve/rus / pro / vo/to. Esta dedicación que Severo fai ao deus Mercurio está realizada sobre unha ara das clasificadas no terceiro grupo, ao que pertencen aquelas que manteñen un gusto indíxena e unha técnica pouco elaborada. Esta categoría de aras votivas non soen estar traballadas pola parte traseira, sendo concibidas para estar pegadas a unha parede ou cravadas no chan. Neste caso, fíxose aproveitando a forma da propia pedra, que presenta unha superficie irregular. Aínda que descuberta fóra de contexto, é moi probable que esta inscrición proveña da mesma zona na que se atopou, e poida estar en certa relación cos restos romanos recuperados na contorna da Capela dos Martores.
Ao seu carón emprázanse dúas sobreiras (Quercus suber) de grandes dimensións que, grazas ao traballo da Asociación Cultural Os Penoucos, foron incluídas no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras en novembro de 2023.
- INFORMACIÓN
- Código: VA-AR009
- Outras denominacións: Capela de San Mamede
- Tipoloxía: Arquitectura relixiosa
- Cronoloxía: Época Altomedieval-Idade Moderna (Séculos XVI-XVIII)
- Concello: Valga
- Parroquia: San Miguel de Valga
- Lugar: Martores
- Acceso a pé: Bo
- Galería de imaxes: Acceder
- Conservación:
Posiblemente por mor da súa reutilización como material construtivo, a ara foi recortada pola parte superior, contendo ademais na cara onde aparece a inscrición romana, símbolos máis tardíos, como unha cruz, ou algo máis abaixo, uns sucos curvilíneos.
- Protección:
PXOM de Ordenación Municipal do Concello de Valga (AR-418)
PXOM de Ordenación Municipal do Concello de Valga (AR-16: GA36056-ACH002)
Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia
- Referencias:
Os Penoucos e Os Martores, xoias de Valga | CRTVG
PXOM de Ordenación Municipal do Concello de Valga, aprobado o 15 de outubro do 2010 pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas
- XEOLOCALIZACIÓN
- Coordenadas: 42.689651452016 , -8.6155117198097
-
Como chegar desde ...
- ...a Casa do Concello de A Estrada
- ...a Casa do Concello de Catoira
- ...a Casa do Concello de Dodro
- ...a Casa do Concello de Padrón
- ...a Casa do Concello de Pontecesures
- ...a Casa do Concello de Rianxo
- ...a Casa do Concello de Teo
- ...a Casa do Concello de Valga
- ...a Casa do Concello de Vilagarcía de Arousa
-
- COLABORA
-
Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?
ATOPACHES ALGÚN ERRO?
Se atopaches algún na ficha do elemento ou en calquera funcionalidade do sitio non dubides en notificar a incidencia empregando o formulario de contacto do sitio.