Casa de Xesús Ferro Couselo

Casa de Xesús Ferro Couselo - Valga - Santa Comba de Cordeiro

Imaxe: Conchi Isorna Santiago

Un 30 de xullo de 1906, nacía neste lugar da aldea de Balleas (Cordeiro), Xesús Ferro Couselo,  historiador e investigador ao que se lle dedicou o Día das Letras Galegas do ano 1996. A actual vivenda foi construída sobre as ruínas da casa natal propia onde naceu. Dentro da finca destaca un hórreo construído en predra, madeira e tella do país.

O texto que segue a continuación foi extraído da web da Real Academia Galega.

Xesús Ferro Couselo contribuíu á difusión da nosa cultura a través de numerosas investigacións históricas. Moi especialmente traballou na recuperación do pasado de Ourense e a súa provincia.

Sobriño de Xosé Couselo Bouzas, sacerdote agrarista que participou da fundación do Seminario de Estudos Galegos e foi profesor do seminario de Santiago, Xesús Ignacio Ferro Couselo naceu en Cordeiro (Valga), o 30 de xullo de 1906 e finou en Ourense o 23 de abril de 1975.

A partir de 1918, ingresou no seminario compostelán e, desde 1926, cursou Filosofía e Letras. Xa interesado pola nosa historia, colaborou co Seminario de Estudos Galegos, onde fixo amizade con Xaquín Lorenzo. No ano 1931 trasladouse a Vigo, xa como doutor, para dar clases nun colexio xesuíta e, nese mesmo ano, fundou, por unha parte, a revista Logos e, por outra, participou da constitución do Partido Galeguista. Ao ano seguinte foi elixido vicepresidente das Mocedades Galeguistas. Coa expulsión da orde xesuíta, marchou a Tui en 1933 e alí fundou a revista Tude, en 1934.

Co obxecto de preparar oposicións, Ferro Couselo estableceuse en Madrid, onde o sorprendeu a Guerra Civil. Alí residiu durante o conflito, traballando con diferentes entidades -CNT, Patrimonio, Cruz Vermella- e formando parte das Milicias Populares Galegas da Frente Popular. Rematada a guerra, instalouse en Ourense, primeiro na súa casa natal do Novaíño e, desde 1941, na cidade, onde pasou o resto da súa vida como funcionario do Corpo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos. Iniciou, asemade, un intenso, profundo e rigoroso labor de recuperación da historia da cidade e da provincia: creou o Arquivo Histórico Provincial; no ano 1942, organizou, con Vicente Risco e Florentino López Cuevillas, un equipo de colaboradores do Museo Arqueolóxico; en 1943 publicou o boletín do museo e, en 1951, instalou o Museo Arqueolóxico e o Arquivo Provincial no antigo Palacio Episcopal. Sen esquecer o galeguismo político e cultural, participou en 1943 na xuntanza que se celebrou en Vigo para reorganizar o Partido Galeguista e, en 1950, participou na fundación de Galaxia como vogal do seu Consello de Administración.

O 16 de setembro de 1951 ingresou na Real Academia Galega a proposta de Ramón María Aller Ulloa, Ramón Otero Pedrayo e Paulino Pedret Casado co discurso Personalidad y obra del historiador Mauro Luzón de Castelló y Ferrer; un discurso ao que deu resposta Florentino López Cuevillas. Xa en 1963 entrou a formar parte do consello de redacción da revista Grial e, nese mesmo ano, no seo da institución académica, apoiou a iniciativa de Fernández del Riego e Manuel Gómez Román de instituír o 17 de maio como o Día das Letras Galegas. Ferro Couselo foi presidente da Asociación Cultural Auriense (1969-1973), creou a publicación histórica Boletín Auriense (1971) e recibiu a Encomenda de Afonso X o Sabio en 1972 polo seu labor científico.

A produción galega de Ferro Couselo é escasa: só 14 dos 121 traballos que conforman a súa biografía. Deses 121 cómpre indicar que 5 están escritos en portugués. Con todo, o historiador contribuíu á difusión da nosa cultura e lingua a través doutros medios: a súa participación en Galaxia, as conferencias ditadas en galego nas décadas de 1960 e 1970 ou o seu labor impartindo os primeiros cursos de galego en Ourense, xunto con Blanco Amor, conforman unha personalidade preocupada polo futuro da nosa lingua.

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Escola de Setecoros

Escola dos Vilares

Escola de Chenlo

Escola de Vilarello