Estación de Pontecesures
Imaxe: José Alberto Solla Barreiro
A primeira liña de tren do estado inaugurouse no ano 1848, cubrindo a distancia entre Barcelona e Mataró. Unha década despois, a fidalguía e a burguesía influínte galega comezaron a barallar a necesidade dunha vía férrea en Galicia, considerándose varias opcións, mais a que venceu finalmente foi a de Santiago a Carril. Foron varios os motivos; o primeiro, que a Sociedade de Amigos do País presidida por Montero Ríos e conformada por empresarios de Santiago, tiñan lazos tanto comerciais como persoais con Carril. O segundo motivo foi a importancia que estaba adquirindo o porto de Carril, onde a mediados do século XIX arribaban 22 vapores ao mes.
Foi en 1861 cando comezaron as obras, que non finalizaron até 1873. A liña inaugurouse o 15 de setembro con grandes celebracións, sendo lanzado un globo ao ceo e repartíronse mil libras de pan entre os máis necesitados.
A xestión deste primeiro ferrocarril galego, correu a cargo da compañía Ferro-Carril Compostelano da Infanta Doña Isabel, mais por distintos problemas, maioritariamente de índole económica, quedou en mans da compañía inglesa The West Galicia Railway Company, rexentada por John Trulock, avó de Camilo José Cela. Demasiado complicado o nome, incluso para un pobo acostumado a relacionarse con ingleses, de aí que acabara triunfando o alcume da Debés.
Nos seus 42 quilómetros de percorrido, a liña bordea a ría de Arousa, e os ríos Ulla e Sar. As infraestruturas máis destacadas son os túneles do Faramello e Conxo e dúas pontes metálicas en Conxo e entre Pontecesures e Padrón (Ponte de Ferro) sobre o Ulla. Tiña seis estacións intermedias: Catoira, Pontecesures, Padrón, A Escravitude, Osebe e O Casal.
Esta liña, ademais de servir de conexión de Santiago co seu "porto de mar", foi determinante no desenrolo comercial e industrial dos concellos do seu percorrido. Estes viviron unha grande explosión económica, sendo determinante na creación e incremento da industria, xa relativamente importante no desembarco de mercadorías e o seu transporte por estrada.
O texto que segue a continuación foi extraído do blogue Pontevedra nos anos do medo de Xosé Álvarez Castro, onde conta como o xefe local da Falange denunciaba, o 19 de febreiro de 1939, a un grupo de mulleres de Cesures que se desprazaran a esta estación para dar comida aos presos políticos que levaban nun tren.
O sistema de información e control articulado polo réxime franquista chegaba a calquera recuncho; dentro del, a achega proporcionada pola Falange era significativa. Desde as xefaturas locais enviábanse variados informes sobre a poboación (incluídos militantes da propia organización), situación económica, con especial fincapé no relacionado co abastecemento, estado de ánimo da veciñanza e denuncias de todo tipo.
Un aspecto a destacar deste tipo de informacións é o de que se trata dunha fonte valiosa para estudar diversas manifestacións de resistencia contra o réxime, que non tiñan reflexo nos censurados medios de información.
Nesta entrada, a través dunha denuncia dirixida ao xefe provincial (19-2-1939) efectuada polo xefe local de F.E.T. y de las J.O.N.S de Pontecesures, coñecemos uns incidentes sucedidos na estación do tren ao paso dun convoi transportando prisioneiros de guerra. Neles destacamos o protagonismo dun grupo de mulleres que, unha vez máis, están na vangarda nas protestas:
“Lo esperaba en la Estación la flor y nata de las bolchibiques (sic) de este pueblo, haciendo alarde de su izquierdismo acendrado y ofreciendo a los prisioneros chocolate, pan, tabaco, etc, [...] a voz en grito vociferaban en la Estación, diciendo que “los pobrecitos prisioneros iban como el ganado desnudos, hambrientos, hasta el punto de que no habían comido pasaba de cinco días, y a todo trance querían demostrar su simpatía por los prisioneros de la zona roja [...] Fué tal el cúmulo de insidias que las que al final te diré dijeron que, un soldado de los que iban de custodia tuvo que decirles: “Que rojas sois; si fuera un tren de heridos acaso no estaríais en la Estación.” Contestándole alguna. Claro, porque estos son de los nuestros, soy más roja que nunca”.
Continúa relatando o xefe local a chegada ao lugar dalgunhas militantes da Sección Femenina que foron interpeladas polas mulleres presentes: “A que venís aquí, traerle algo a estos pobres prisioneros”.
As autoridades impediron que lles desen calquera cousa aos presos e, cando o tren arrancou cara Padrón, as mulleres foron tras del correndo pola vía.
Na denuncia especifícase o nome e circunstancias dalgunhas daquelas mulleres “de la anti-España, tan diferentes de estas otras que en Auxilio Social, Mujeres al Servicio de España, Frente y Hospitales, etc, todo lo hicieron y hacen por la Patria y estas, de que hablo, ni un botón han cosido, ni un guante hecho para los nuestros”.
Os nomes que facilita son: María, Josefa e outra da que non di o nome [Celia?] Meniño Martínez “as de Meniño”, que “a pesar de su marcado y antiguo comunismo” desfrutaban das “prebendas” da Telefónica na vila e unha delas tiña unha escola particular. Hermitas Carbia, filla do ex-alcalde de Valga Celestino Carbia Campaña, sentenciado e fusilado en Pontevedra. Concha Vázquez Potel, filla dun mestre destituído, preso e fuxido a Arxentina; Concha deixara de traballar na fábrica de cerámica por negarse a afiliarse á C.N.S. de Falange. Outras eran Carmen Fernández Carlés, María Gómez, Josefina Cascallar, Trinidad Sánchez, “Las del Carabinero”, etc, “todas de significación marxista”.
O apaixonamento do xefe local queda manifesto nas significativas consideracións que lle fai ao xefe provincial:
“No podemos transigir. Son enemigos que nos quedan en casa y si al principio le tivimos (sic) Misericordia, al ver su actuación les tenemos odio. Son hipócritas que disfrazados parecían acatar las nuevas normas del Nuevo Estado Español, pero que cuando ven la ocasión de mostrarse al desnudo, presentan las mismas lacras de los tiempos idos. No pedimos una sanción que ponga fuera de España a estas malévolas, pero sí un castigo que les haga ver que en España empieza a amanecer”.
Nun escrito datado ao día seguinte insiste en manifestar que xa chegou o momento de proceder sen tardanza nin escusas para desenmascarar algúns esquerdistas que, lonxe de arrepentirse e emendar erros pasados, persisten nas súas ideas antiespañolas. Céntrase nas persoas contrarias ao Glorioso Alzamiento Nacional que seguen desempeñando postos en organismos públicos; é o caso das irmás Meniño Martínez, telefonistas, para as que pide a destitución ou o traslado. Baséase no seu marcado esquerdismo, falla de colaboración co Movimiento, propalar noticias falsas e significarse en todo acto antinacional.
- INFORMACIÓN
- Código: PO-AC010
- Outras denominacións:
- Tipoloxía: Arquitectura civil
- Cronoloxía: 1861
- Concello: Pontecesures
- Parroquia: San Xulián de Requeixo
- Lugar: Pontecesures
- Acceso a pé: Bo
- Galería de imaxes: Acceder
- Conservación:
-
- Protección:
Non
- Referencias:
- XEOLOCALIZACIÓN
- Coordenadas: 42.722942584163 , -8.6521498103134
-
Como chegar desde ...
- ...a Casa do Concello de A Estrada
- ...a Casa do Concello de Catoira
- ...a Casa do Concello de Dodro
- ...a Casa do Concello de Padrón
- ...a Casa do Concello de Pontecesures
- ...a Casa do Concello de Rianxo
- ...a Casa do Concello de Teo
- ...a Casa do Concello de Valga
- ...a Casa do Concello de Vilagarcía de Arousa
-
- COLABORA
-
Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?
ATOPACHES ALGÚN ERRO?
Se atopaches algún na ficha do elemento ou en calquera funcionalidade do sitio non dubides en notificar a incidencia empregando o formulario de contacto do sitio.