Estación da Escravitude

Estación da Escravitude - Padrón - Santa María de Cruces

Esta estación, hoxe desaparecida, era moi semellante á que na actualidade aínda existe en Padrón.

Cando apenas pasaran dezanove días desde a inauguración da liña de ferrocarril, apareceu un anuncio na páxina tres do número 382 do xornal El Diario de Santiago, onde se publicaba que, con motivo da festividade da Virxe do Rosario da Escravitude, se poñía a disposición do público un servizo de trens extraordinarios para o domingo 5 de outubro de 1873. O primeiro tren especial grafado foi o que saíu ás sete da amencida dese domingo desde Carril, pasando pola Escravitude sobre as 8 da mañá e chegando a Cornes ás 8:53, para que logo dese a volta, tamén como tren especial entre as estacións de Cornes-A Escravitude, e logo até a Estación de Padrón, neste caso co fin de achegar os viaxeiros composteláns ao Santuario da Escravitude. A nova da posta en servizo dese primeiro tren extraordinario tivo unha moi boa acollida entre os veciños de Compostela, xa que os moitos devotos da Virxe do Rosario da Escravitude acudiron en masa para aproveitar a ocasión de poder ir ao santuario da súa devoción e, ao mesmo tempo, viaxar naquel novo medio de transporte, no tren. Contan as crónicas da época que en Santiago se venderon todos os billetes dispoñibles. Tan ben se contaba, que a estación de Cornes estaba case tan chea de xente o día sinalado, como na inauguración do camiño de ferro, feito acontecido poucos días antes.

A primeira liña de tren do estado inaugurouse no ano 1848, cubrindo a distancia entre Barcelona e Mataró. Unha década despois, a fidalguía e a burguesía influínte galega comezaron a barallar a necesidade dunha vía férrea en Galicia, considerándose varias opcións, mais a que venceu finalmente foi a de Santiago a Carril. Foron varios os motivos; o primeiro, que a Sociedade de Amigos do País presidida por Montero Ríos e conformada por empresarios de Santiago, tiñan lazos tanto comerciais como persoais con Carril. O segundo motivo foi a importancia que estaba adquirindo o porto de Carril, onde a mediados do século XIX arribaban 22 vapores ao mes.

Foi en 1861 cando comezaron as obras, que non finalizaron até 1873. A liña inaugurouse o 15 de setembro con grandes celebracións, sendo lanzado un globo ao ceo e repartíronse mil libras de pan entre os máis necesitados.

A xestión deste primeiro ferrocarril galego, correu a cargo da compañía Ferro-Carril Compostelano da Infanta Doña Isabel, mais por distintos problemas, maioritariamente de índole económica, quedou en mans da compañía inglesa The West Galicia Railway Company, rexentada por John Trulock, avó de Camilo José Cela. Demasiado complicado o nome, incluso para un pobo acostumado a relacionarse con ingleses, de aí que acabara triunfando o alcume da Debés.

Nos seus 42 quilómetros de percorrido, a liña bordea a ría de Arousa, e os ríos Ulla e Sar. As infraestruturas máis destacadas son os túneles do Faramello e Conxo e dúas pontes metálicas en Conxo e entre Pontecesures e Padrón (Ponte de Ferro) sobre o Ulla. Tiña seis estacións intermedias: Catoira, Pontecesures, Padrón, A Escravitude, Osebe e O Casal.

Esta liña, ademais de servir de conexión de Santiago co seu "porto de mar", foi determinante no desenrolo comercial e industrial dos concellos do seu percorrido. Estes viviron unha grande explosión económica, sendo determinante na creación e incremento da industria, xa relativamente importante no desembarco de mercadorías e o seu transporte por estrada.

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Pazo da Torre do Monte

Praza das Travesas

Casa reitoral de San Pedro de Carcacía

Pazo do Barco