Santuario da Escravitude

Santuario da Escravitude - Padrón - Santa María de Cruces

Imaxe: Xandlinathry

O monumental Santuario da Escravitude, situado a medio camiño entre Santiago e Padrón, de estilo barroco e neoclásico, é obra de José San Martín. As orixes remóntanse ao século XVI, sendo construído maioritariamente no século XVII e rematado definitivamente no 1885.

Planta de cruz latina, dunha soa nave, con cruceiro e presbiterio destacados en planta e alzado. Cantaría de granito. Fachada con porta de orellas, grande fornela para a Virxe, decorada con volutas, dúas torres xémeas dun corpo de campás con pilastras e balconada de balaústres sobre cornixa. Remates de templete octogonal, con cupuliña moi peraltada. Nave dividida por arcos faixóns de medio punto, sobre entaboamento continuo con pilastras. Cruceiro con esteos de duplas pilastras. Cúpula semiesférica con lanterna sobre pendentes. Presbiterio con bóveda de casetóns.

Como elemento salientable na fachada principal, precedida por un atrio cunha grande escalinata de acceso, destacan as dúas torres de grande altura, rematada unha delas no século seguinte ao da construción. Destaca, tanto en altura como en planta, o cruceiro, rematado nunha lanterna ao exterior. No interior destacan os retablos barrocos que posúe. Nas paredes dunha das torres hai dous reloxos de sol.

As escalinatas son de estilo barroco e cantaría de granito. Dous treitos independentes en escaleira imperial. Chanzos con beiril. Peitoril de balaústres composteláns e pilastras nos arrinques e nos relanzos, con pináculos, adornados con volutas, de tipo piramidal.

Segundo a lenda, a finais do século XVI o párroco de Cruces mandou colocar no lugar, enriba da fonte, unha imaxe da Virxe co Neno, en agradecemento aos favores recibidos da santa. Anos despois, xa no século XVIII, un home enfermo que se dirixía a Santiago para pedir curación da súa hidropisía, bebeu da fonte situada baixo a escalinata do adro, curándose ás 72 horas sen tratamento médico algún. O home, agradecido, dixo a seguinte frase que lle dou o nome o santuario: “Grazas, Virxe, que me libraches da escravitude do meu mal”. Máis adiante, a igrexa comezou a construírse cun carro de bois que o agraciado doou para levantar o edificio.

  • INFORMACIÓN
  • Código: PA-AR008
  • Outras denominacións: Santuario da Nosa Señora da Escravitude
  • Tipoloxía: Arquitectura relixiosa
  • Cronoloxía: Século XVI
  • Concello: Padrón
  • Parroquia: Santa María de Cruces
  • Lugar: A Escravitude
  • Acceso a pé: Bo
  • Galería de imaxes: Acceder
  • Conservación:

    Na fachada principal mantense unha inscrición honrando a fascistas, incumprindo a lexislación vixente.

  • Protección:

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Padrón

    Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

  • Referencias:

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Padrón, aprobado o 27 de xullo de 1994

    Patrimonio Galego

    Reloxos de sol de Galicia

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Convento de Santo Antonio de Herbón

Capela do Santo Cristo da Luz de Pazos

Igrexa de San Pedro de Carcacía

Igrexa de Santa María de Cruces