Embarcadoiro de Caneiras

Embarcadoiro de Caneiras - Valga - Santa Cristina de Campaña

Imaxe: Manuel Lara

Servía para o tráfico de materiais e mercadorías da Cerámica de Campaña (Novo y Sierra). Aínda se conservan as ruínas dun pequeno peirao no que antigamente se cagaban embarcacións con arxila e pezas de cerámica. Actualmente do vello porto só quedan parte dos cimentos e a rede de vagonetas que unía o peirao coa Mina Mercedes.

As boas condicións de transporte son esenciais nunha industria que produce unha mercadoría voluminosa e pesada, polo que as cerámicas localízanse sempre en lugares que, ademais de próximos ás barreiras das que obteñen as arxilas, estean nas inmediacións dunha estación ferroviaria ou onde poda construírse un embarcadoiro para empregar a vía marítima. A fábrica de Campaña, ademais de contar en Pontecesures co embarcadoiro e coa estación do ferrocarril de Santiago a Pontevedra, en 1927 vai construír este embarcadoiro de formigón e unha transporte funicular aéreo de algo máis de oitocentos metros até a fábrica, para non ter que carretar o ladrillo os case tres quilómetros que a separan da vila cesureña.

A recente instalación dun embarcadoiro para o amarre de catamaráns e embarcacións turísticas soterrou os restos do embarcadoiro orixinal. No proceso de execución das obras non se cumpriu o exposto na Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural de Galicia, posto que a data de incoación do procedemento para declaralo Ben de Interese Cultural foi anterior a ditas obras que supuxeron a súa destrución, polo que non se aplicou “de forma inmediata e provisional o réxime de protección que establece a Lei”.

Existe un proxecto para a construción (que non rehabilitación!) dun "teleférico" co obxectivo de ofrecer unha “vista aérea” da zona. Ademais de que o orzamento de execución sexa duns catro millóns de euros e que unha vez conseguida a declaración de BIC (Ben de Interese Cultural), se pretenda transformar estes elementos do patrimonio industrial nun "teleférico". Segundo o Comité Internacional para a Conservación do Patrimonio Industrial pertencente á ICOMOS, o patrimonio industrial "debe protexerse completamente e non se debe permitir ningunha intervención que comprometa a súa integridade histórica ou a autenticidade da súa armazón".

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Telleira do Ferrocarril

Telleira do Forno

Barreira das Gándaras do Forno

Telleira do Camiño Real