Cerámica de Campaña (Novo y Sierra)
Imaxe: Alejandro Fernández Palicio
Corría o ano 1921 cando o Concello de Valga concedía ao empresario vigués Manuel Posada Fernández, asociado a Manuel Otero Bárcenas, tamén de Vigo, permiso para “edificar una casa de labranza baja, destinada a cocer teja y ladrillo, contigua a un galpón para depósito de maquinaria” no lugar da Torre, na parroquia de Campaña.
As primitivas instalacións van completarse no paraxe chamado Gándara de Campaña cunha eira de secado e un secadoiro aberto, un motor de gas pobre para o funcionamento da maquinaria para fabricar tella e ladrillo, e as oficinas da dirección e administración da industria. Como na meirande parte dos casos, as instalacións construiríanse nas proximidades das barreiras das que ían servirse, e que xa atenderan a antigas telleiras artesanais, documentadas desde 1750 no Catastro de Ensenada.
A nova empresa xa figuraría rexistrada na Matrícula Industrial de 1922 como unha fábrica de ladrillos de 300 m3, aínda que, sen rematar as obras, en 1923 os vigueses cederían a industria á mercantil cesureña Escuredo y Cía. Constituída por Eugenio Escuredo Lastra asociado aos empresarios José Novo Nuñez, Salvador Sierra Trasande e José Sierra Martínez, socios da compañía Novo y Sierra, de Pontecesures. Esta foi creada en 1875 dedicada ao comercio de ultramarinos e coloniais en grande escala, principalmente con América, e que a comezos do século XX introduciuse na fabricación de licores e augardentes, a explotación de muíños e a adquisición dunha fábrica de curtidos en Padrón que máis tarde daría lugar á fundación da Picusa.
A fábrica de ladrillos de Escuredo y Cía., contará coas dúas innovacións básicas que distinguirán a industria moderna das pequenas telleiras de fornos descontinuas: o emprego de enerxía mecánica (vapor, gas pobre ou electricidade) na preparación das masas cerámicas, e a cocción en fornos continuos tipo Hoffman. Disporá tamén de túneles de secado a vapor das pezas verdes e chegará a estar entre as máis importantes industrias galegas de fabricación de materiais para construción, como As Cachadas, de José Antonio Lomba (A Guarda, 1900), Caleras de Valdeorras (O Barco, 1902), Cucurny y Cía. (Burela, 1904), Cerámica de Dena, de Guisasola y Cía. (Vilalonga-Sanxenxo, 1909), La Galaica, de Pardo y Cía. (Canabal-Sober, 1909), Cerámica Santa Ana (Mera-Oleiros, 1925), Manuel Loureiro (Outeiro de Rei, 1925), Cerámica Rubián, de Ramón Ferreirós (Rubián, 1926), Pérez García Rey (Canabal-Sober, 1926), La Sequiña, de Emilio Viqueira (Sanxenxo, 1929), ou Severino Gómez (Guillarei-Tui).
As boas condicións de transporte son esenciais nunha industria que produce unha mercadoría voluminosa e pesada, polo que as cerámicas localízanse sempre en lugares que, ademais de próximos ás barreiras das que obteñen as arxilas, estean nas inmediacións dunha estación ferroviaria ou onde poda construírse un embarcadoiro para empregar a vía marítima. A fábrica de Campaña, ademais de contar en Pontecesures co embarcadoiro e coa estación do ferrocarril de Santiago a Pontevedra, en 1927 vai construír nas Caneiras un embarcadoiro de formigón e unha liña de transporte aéreo de vagonetas de algo máis de oitocentos metros até a fábrica, para non ter que carretar o ladrillo os case tres quilómetros que a separan da vila cesureña.
O 27 de novembro de 1927, Eugenio Escuredo vendeu a súa parte na empresa a Salvador Sierra, quen vai ser o novo xerente da fábrica, agora rexistrada como Novo y Sierra y Cía.
A materia prima, o barro, extraíase principalmente das barreiras explotadas polas vellas telleiras artesanais a carón da fábrica, na concesión mineira que dende 1928 vai coñecerse como Mina Mercedes e que, coa a ampliación dos traballos extractivos e da capacidade do forno a 352’90 m3, vai esgotarse ben cedo, comezando a explotación dunha ampla zona (hoxe dúas lagoas) ao sur da estrada de Pontecesures a Vilagarcía. Máis adiante, o grupo mineiro nomeado Minas Cerámicas de Campaña vai explotar tamén as barreiras da Mina Cristina, no Cocello de Pontecesures, e as barreiras de Louro.
Pola cativa calidade das arxilas de Campaña, o barro vai mesturarse co chegado das barreiras de Dena, transportado en galeóns, desembarcado nas Caneiras e carrexado até a fábrica polo cable aéreo. Desembarcábase tamén o combustible para o forno, leña, que xuntábase coa que chegaba en carros dos montes veciñais da contorna.
A innovación técnica na cerámica de Novo y Sierra y Cía. vai continuar coa instalación en 1930 dun muíño a vapor de dúas rodas (dous pares de pedras) para o amasado das mesturas cerámicas.
En 1941 a empresa vai aumentar o número de cámaras do seu forno co que a capacidade de cocción sube até 558 m3.
No ano 1963 a empresa acomete unha fonda modernización de todo o proceso produtivo, complementado as cámaras de secado coa instalación dun secadoiro automático Moccia, de 120 metros de longo, e substituíndo o forno Hoffmann por un forno túnel Gibbons que emprega o fuel óleo da CAMPSA como combustible. A súa capacidade produtiva vai subir nesta volta até os 700 m3.
Complétase deste xeito a automatización da fábrica, que dispón de escavadoras para a extracción do barro, pas cargadoras para o alimentador lineal, muíño de bolas (chamado muíño chileno) para trituración e homoxeneización das masas cerámicas, cilindros laminadores, mesturadora, extrusora (chamada galletera) ao baleiro para preparación das pezas, secadoiro automático, elevador-cargador de carros, tren de vagonetas, forno túnel, e pinza cargadora para descarga das vagonetas e amoreado das pezas cocidas.
En 1964, xa transformada en Novo y Sierra, S.A., a empresa construirá un novo secadoiro para as pezas crúas, e vai clausurar as pequenas chemineas existentes na fábrica, fonte dunha importante contaminación nos cultivos locais, deixando unha soa cheminea de ladrillo de 49 metros de altura para a evacuación dos gases de combustión. Esta cheminea chamaba a atención pola súa notable inclinación cara as oficinas da empresa, inclinación que ía aumentando e que faría que fora desmontada e substituída por unha sinxela cheminea de aceiro cara ao ano 2000, cando tamén substituirase o fuel óleo empregado no forno por gas natural.
Desde o ano 1972, veciños das parroquias de Campaña e Cordeiro, fartos da contaminación, comezaron a denunciar á fábrica de ladrillos polos danos ocasionados nos cultivos, especialmente nos viñedos, no millo e nas árbores, tanto froiteiras como forestais. Reivindicaban que a fábrica instalara sistemas de anticontaminación que paliaran os efectos negativos que xurdiron coa instalación de motores de fuel óleo, os cales desprendían continuamente materiais contaminantes polas chemineas, especialmente as máis baixas.
A modernización das instalacións acadará o seu derradeiro chanzo nos comezos da década de 1990, coa recuperación dos gases do forno para o seu emprego no secadoiro e a instalación dunha moderna central de xeración combinada de calor e electricidade, proceso coñecido como coxeración).
Malia as continuas innovacións técnicas (mestura de chamotas na masa cerámica, fabricación de bovedillas de termoarxilas para a construción...), os altos custos de fabricación derivados do gran consumo de combustible polo elevado contido en alúmina dos barros empregados (que obriga a cocer a máis de 1.000 ºC, fronte aos 800 ºC doutras terras), xunto á forte competencia que supuñan os produtos cerámicos chegados do Bierzo e mesmo de Xaén, levarán ao peche definitivo da fábrica no mes de maio do ano 2009.
- INFORMACIÓN
- Código: VA-AI001
- Outras denominacións: Fábrica de Ladrillos de Campaña ou Novo y Sierra
- Tipoloxía: Arquitectura industrial
- Cronoloxía: 1921
- Concello: Valga
- Parroquia: Santa Cristina de Campaña
- Lugar: A Torre
- Acceso a pé: Bo
- Galería de imaxes: Acceder
- Conservación:
Cesou a súa actividade no ano 2009. As instalacións existentes foron desmanteladas e construíuse no seu lugar unhas novas naves industriais, perdéndose definitivamente un dos elementos do patrimonio industrial máis salientables de Valga.
- Protección:
Non
- Referencias:
Ruta das telleiras e da cerámica do Baixo Ulla
Buxa (Asociación Galega do Patrimonio Industrial)
Laboratorio de Tecnoloxías Apropiadas
Fernández Palicio, A. As Telleiras de Valga e comarca e as fábricas de cerámica (1850-1965)
- XEOLOCALIZACIÓN
- Coordenadas: 42.7061428167 , -8.6695629464
-
Como chegar desde ...
- ...a Casa do Concello de A Estrada
- ...a Casa do Concello de Catoira
- ...a Casa do Concello de Dodro
- ...a Casa do Concello de Padrón
- ...a Casa do Concello de Pontecesures
- ...a Casa do Concello de Rianxo
- ...a Casa do Concello de Teo
- ...a Casa do Concello de Valga
- ...a Casa do Concello de Vilagarcía de Arousa
-
- COLABORA
-
Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?
ATOPACHES ALGÚN ERRO?
Se atopaches algún na ficha do elemento ou en calquera funcionalidade do sitio non dubides en notificar a incidencia empregando o formulario de contacto do sitio.