Convento de Santo Antonio de Herbón

Convento de Santo Antonio de Herbón - Padrón - Santa María de Herbón

O conxunto comprende unha vasta finca á beira do río Ulla, abranguendo a igrexa e o edificio conventual, que rodean o claustro e un patio menor, máis unha carballeira. Fora dos muros da finca, a horta, vinculada cunha rampla e escalinata.

A nivel arquitectónico destaca o claustro, a dependencia do Arcebispo, a Fonte de Santo Antonio, así como o fermoso retablo autoría de Jacinto Barrios (1708), con obras de Benito Collazo, José Gambino, José Ferreiro, escultores do século XVIII, e Ponte, do século XX.

O edificio conventual é de estilo barroco. Ten unha planta irregular formada pola unión de corpos que rodean ao claustro e ao patio de mortos. As construcións son heteroxéneas, destacando a portería, con soportal de tres arcos, de grande relevo. As construcións resólvense en perpiaños de granito e cantaría rústica.

O claustro é do século XIII, de estilo barroco. A planta é cadrada de perpiaños de granito. Está formado por dous corredores, o inferior con arcos de medio punto sobre esteos cadrados, con afondados, basa e capitel. O superior, pechado, con fiestras de oco sen encarar.

Foi fundado en 1396 grazas ás doazóns de Fernando Bermúdez de Castro e aos cóengos de Iria Flavia. Nesta primeira etapa, 1396-1701, destaca a figura do monxe Juan Rodríguez de Padrón ou de la Cámara. Desde 1701 a 1835 foi colexio de misioneiros que exerceron en Chile, México, Perú e Venezuela. En 1808 foi saqueado polas tropas francesas. En 1809 converteuse en cárcere para os liberais. Entre 1845 e 1865 é administrado polo Concello de Padrón. De 1865 a 1884 foi seminario menor rexido polo Arcebispo de Santiago. De 1931 a 1995 foi convento e colexio, entrando en decadencia vocacional a partires de entón. Destacar tamén que nel viviu o poeta medieval Juan Rodríguez de Padrón.

O Convento de Santo Antonio de Herbón é o punto orixinario de onde saíron un dos recursos máis prezados de Padrón, os pementos de Herbón, traídos desde América por un dos franciscanos que percorreu aquelas terras no século XVI-XVII.

Unha palmeira datileira (Phoenix dactylifera), que medra nos xardíns do convento, está incluída no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras co código 66A. Segundo se cita nalgún documento antigo, esta palmeira segue a tradición iniciada no século XV por Juan Rodríguez de Padrón. Destaca tamén unha grande masa de árbores frondosas, principalmente carballos (Quercus robur) e sobreiras (Quercus suber), que medra perimetralmente á propiedade.

  • INFORMACIÓN
  • Código: PA-AR003
  • Outras denominacións: Convento de Herbón
  • Tipoloxía: Arquitectura relixiosa
  • Cronoloxía: 1396
  • Concello: Padrón
  • Parroquia: Santa María de Herbón
  • Lugar: Herbón
  • Acceso a pé: Bo
  • Galería de imaxes: Acceder
  • Conservación:

    -

  • Protección:

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Padrón

    Rexistro de Bens de Interese Cultural (BIC)

    Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

    Decreto 67/2007, do 22 de marzo, polo que se regula o Catálogo Galego de Árbores Senlleiras

  • Referencias:

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Padrón, aprobado o 27 de xullo de 1994

    Guía de árbores senlleiras de Padrón

    Urbipedia

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Igrexa de Santa María de Cruces

Ermida do Santiaguiño do Monte

Igrexa de Santiago de Padrón

Igrexa da Nosa Señora da Mercé