Casa do Concello de Rianxo

Casa do Concello de Rianxo - Rianxo - Santa Comba de Rianxo

Imaxe: Luís Miguel Bugallo Sánchez

Edificación do casco histórico de Rianxo, do século XIX localizado nun extremo do Campo de Arriba. Situado a un nivel superior sobre a rúa, desde a que se accede mediante unha escalinata de pedra.

Construción de planta rectangular e dous andares, de muros de cantaría e cachotaría de granito enfuscados e pintados, e cuberta a catro augas de tella. Fachada principal de composición simétrica de seis vanos de arco rebaixado, dividida por unha imposta perimetral. Acceso e balcón centrais nun corpo de cantaría que remata nun frontís con volutas nos extremos, coroado polo escudo de Rianxo. Fachadas laterais de catro vans dispostos simetricamente. Cornixa moldurada e detalles de cantaría nas esquinas e nos recercados.

Até finais do século XIX, a vida comercial, administrativa e social desenvolvíase toda na zona vella do Cabo da Vila. Practicamente todo estaba ao sur da Igrexa de Santa Comba de Rianxo e do Pazo do Martelo. Alí encontrábanse a praza principal, o mercado, a praza do peixe, o consistorio, a alhóndiga... As tres vías de entrada, hoxe rúa de Arriba, do Medio e de Abaixo, non pasaban de seren camiños en malas condicións, e pola Ribeira o mar chegaba ás casas, o que dificultaba o paso.

Ás portas do século XX, Rianxo necesitaba dar un paso cara ao modernismo, e deuno ao desprazarse o centro administrativo e de servizos da zona da Ribeira para O Campo. Coa situación da nova casa consistorial, foi perdendo protagonismo o conxestionado sur da vila, en beneficio desta urbanización periférica. O funcionariado, os comerciantes acomodados, a pequena burguesía foron facéndose pronto cos mellores soares da rúa de Abaixo, como é o caso da vivenda dos pais de Castelao, dos Dieste ou dos Pérez de Manuel Antonio. Anos máis tarde, tamén se revalorizaría, cun novo trazado, a rúa do Medio.

O airoso edificio do Concello, conseguido polas influencias políticas do ex-alcalde Vázquez Morales Pantuso, comezou a levantarse en 1867. O pai de Castelao, Mariano Rodríguez Dios, que volvera da emigración e exercía de concelleiro desde xaneiro de 1906, collía a alcaldía en maio de 1907 por renuncia do alcalde Pepito Varela e por decisión do amigo Ramón Tojo Pérez, que presidía a Deputación da Coruña. Ocupou o cargo até finais de 1909. En plena ditadura de Primo de Rivera, volveu a coller o mando, en marzo de 1924, e exerceríao até febreiro de 1930.

Na casa consistorial traballaron os tíos de Castelao: Abelardo, de concelleiro e escribinte auxiliar e Manuel, de oficio carpinteiro, que foi o encargado de renovar parte do mobiliario e que tamén ocupou o cargo de depositario municipal. O mesmo Castelao, entrado en quintas, en marzo de 1907, presentouse no edificio para ser tallado (medía 1 metro e 80 centímetros) e recoñecido polo facultativo Varela Lema. Foi conceptuado como inútil para o servizo activo, por padecer problemas de corazón e miopía.

  • INFORMACIÓN
  • Código: RI-AC053
  • Outras denominacións:
  • Tipoloxía: Arquitectura civil
  • Cronoloxía: 1867
  • Concello: Rianxo
  • Parroquia: Santa Comba de Rianxo
  • Lugar: Praza Castelao
  • Acceso a pé: Bo
  • Galería de imaxes: Acceder
  • Conservación:

    -

  • Protección:

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Rianxo (B-031)

    Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

  • Referencias:

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Rianxo - Aprobación inicial de maio 2014

    Roteiro Castelao

    Memorias Vivas

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Pazo de Rianxiño

Casa Cándido

Casa das Miráns

Casa reitoral de Santa María de Leiro