Paseo da Ribeira

Paseo da Ribeira - Rianxo - Santa Comba de Rianxo

Imaxe: istock

A fachada marítima de Rianxo, A Ribeira, está presidida en terra, pola liña de xardíns onde se atopan os monumentos na honra da Manuela, de Castelao, Rafael Dieste, Manuel Antonio, A Rianxeira, Rosalía de Castro e Brea Segade, desembocado no Peirao de Setefogas.

A Ribeira, que non contou cun peirao axeitado até finais dos anos 30, era o lugar preferido por Castelao á hora de tomar apuntamentos dos mariñeiros. Alí chegara acompañado de Suárez Picallo, Paz Andrade e unha numerosa comisión de veciños que foran esperalo ao porto de Vilagarcía para celebrar a Gran Diada Galeguista o 18 de setembro de 1932. Foi aclamado mentres soaban multitude de bombas de palenque, aos sons da banda de música. Partindo do pequeno Peirao da Rabaleira, a comitiva percorreu as rúas até a Casa Rañó, desde cuxo balcón “hubieron de dirigir la palabra al público”. No banquete de rigor, o seu amigo Arcos Moldes pronunciou un “sentidísimo brindis”, acto no que entoaron o seu himno a Rianxo. Así o recorda nunha posterior publicación:

Cando se proclamou a República lanceime á política e saín Diputado das Constituíntes. A miña vila quixo agasallarme e alá fun eu. Desembarquei baixo o estrondo das bombas e o entusiasmo dos vellos amigos, que acugulaban o peirán e a ribeira. O azougamento non me deixaban camiñar, e se sodes sentimentaes comprenderedes a miña emoción, porque a vila natal non é coma todal-as vilas. Cheguei á casa de meus pais e na veira da porta vin a unha muller… Era gorda de ventre, de pernas e de brazos; a cara inflada e bermella, a boca sen dentes, a postura de regateira. Miroume fite a fite, cos ollos mergullados en bágoas, e ô pasar acarón d’ela sioume con voz estremecida estas verbas: ¡Meu bailador!” (Sabela, Retrincos, 1934).

  • INFORMACIÓN
  • Código: RI-AC069
  • Outras denominacións:
  • Tipoloxía: Arquitectura civil
  • Cronoloxía: -
  • Concello: Rianxo
  • Parroquia: Santa Comba de Rianxo
  • Lugar: A Ribeira
  • Acceso a pé: Bo
  • Galería de imaxes: Acceder
  • Conservación:

    -

  • Protección:

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Rianxo (CH-1)

    Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

  • Referencias:

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Rianxo - Aprobación inicial de maio 2014

    Roteiro Castelao

    Patrimonio Galego

    Rianxo | O mar feito tradición

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Casa das Miráns

A Aldea Maldita de Abuín

Escola da Vacariza

Casa Cándido