Igrexa de Santa Comba de Rianxo

Igrexa de Santa Comba de Rianxo - Rianxo - Santa Comba de Rianxo

Imaxe: Óscar Franco

Datar esta igrexa é complexo. O seu trazado gótico, con reminiscencias románicas, leva a pensar que sería construída entre os séculos XIII e XIV. O século que si está documentado é o XV. No edificio houbo grandes reformas en datas posteriores: a finais do XVI realizouse a sancristía e no XVIII (1727) o campanario barroco, aproveitando a pedra do derruído Castelo da Lúa.

Construción de planta rectangular coa sancristía na fachada posterior acaroada ao presbiterio e capelas nas fachadas laterais que foron construídas nos séculos XVI-XVII. Está resolta con muros de cantaría de granito e cuberta a dúas, tres e catro augas de tella. Portada en arco de medio punto sobre pilastras rematadas en pináculos a ambos lados da porta de acceso, con tímpano decorado con relevos e arquivoltas. Pequeno rosetón na parte superior e torre-campanario nun lateral. A torre data do século XVIII, de planta cadrada e tres corpos, con remate en cúpula e decoración barroca. Na contorna da praza destacan o Cruceiro da Cubeliña e o Pazo do Martelo.

No seu interior destacan as súas capelas laterais. Á esquerda do terceiro tramo da nave principal ábrese unha capela lateral construída en 1675 por un membro da familia Bastón. Presenta sepulcro e escudo e cúpula esférica. Nesta capela atópase a imaxe do Nazareno. Á dereita do cuarto tramo ábrese outra capela lateral con bóveda de aresta na que se atopa un retablo posiblemente neoclásico coa imaxe da Virxe das Dores, quizais a máis destacada das que se conservan na Igrexa. Desde o altar maior accédese á sancristía vella, con bóveda de crucería e porta exterior. Entre a capela lateral do terceiro tramo e esta sancristía está a antiga capela lateral esquerda, que presenta un escudo no frontal, e que carece de uso público actualmente. Outros elementos destacados son o altar maior, construído posiblemente no primeiro cuarto do século XVIII e que posúe unha imaxe do Cristo en madeira a modo de furna, unha imaxe gótica da Virxe co Neno e unha pía bautismal. Ten dous reloxos de sol.

Castelao, que naceu na casa do seu avó José Ramón Castelao, foi bautizado nesta igrexa o 30 de xaneiro de 1886, cos nomes de Alfonso Daniel Manuel. Era o crego, José Magariños Oliveira. Aquí fixo a primeira comuñón e a confirmación, e tamén exerceu de acólito. A raíz da súa morte, as súas irmáns Josefina e Teresa organizaron un funeral neste templo, o 20 de xaneiro de 1950. A asistencia foi numerosa por parte do pobo e escasa por parte de representantes académicos, apenas unha ducia de persoeiros do mundo das artes e das letras, e nula en canto a presenza de autoridades municipais e provinciais. O goberno franquista déralle instrucións moi precisas á prensa para que non resaltara con titulares a noticia da morte e menos a súa faceta de republicano galeguista. Unha viñeta do campanario da igrexa parroquial de Santa Comba de Rianxo ilustra un entrañable relato de Cousas titulado Aínda eu non nascera.

  • INFORMACIÓN
  • Código: RI-AR012
  • Outras denominacións:
  • Tipoloxía: Arquitectura relixiosa
  • Cronoloxía: Século XV
  • Concello: Rianxo
  • Parroquia: Santa Comba de Rianxo
  • Lugar: Praza Rafael Dieste
  • Acceso a pé: Bo
  • Galería de imaxes: Acceder
  • Conservación:

    -

  • Protección:

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Rianxo (A-015)

    Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

  • Referencias:

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Rianxo - Aprobación inicial de maio 2014

    Patrimonio Galego

    Roteiro Castelao

    Xenealoxías do Barbanza

    Reloxos de sol de Galicia

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Capela de San Mamede

Igrexa de Santa María de Leiro

Igrexa de Santa María de Asados

Igrexa de Santa Comba de Rianxo