Cruceiro de San Lázaro

Cruceiro de San Lázaro - Pontecesures - San Xulián de Requeixo

Imaxe: José Carminatti

Cruceiro do tipo de crucifixo con plataforma cuadrangular de dous chanzos e pedestal cuadrangular con gran chafrán. O varal ten un arranque cuadrangular e recadrado con desenvolvemento octogonal. Ten distintas figuras como a de San Lázaro sobre unha peaña, unha persoa en actitude orante (posiblemente un enfermo), e os elementos da paixón: escada, coroa de espiñas, unha man, un martelo e tenaces. Ademais hai unha espada e unha vieira. O capitel é troncopiramidal invertido moi ornamentado con catro anxos, un por cada lado e volutas esquemáticas. A súa cruz é cuadrangular cos brazos chafranados, presentando no seu anverso a Cristo crucificado con tres cravos e as mans abertas. Inclina a cabeza cara á dereita cunha coroa de espiñas e un pergamiño coas siglas INRI. O seu pano de pureza vai anoado cunha corda. Polo reverso da cruz fica a Virxe da Piedade co Cristo en brazos.

Este cruceiro do século XIV, formaba parte do conxunto do Lazareto de San Lois. A peza foi realizada baixo a advocación de San Lázaro. A comezos de abril do ano 2008, este cruceiro é trasladado ao actual emprazamento polo risco que corría ao estar o carón da estrada N-550. A Comisión Territorial do Patrimonio Histórico autorizaría o seu traslado no mes de xaneiro ao novo emprazamento deste monumento que é a entrada do cemiterio de San Xulián, moi preto da Capela de San Xulián de Requeixo. Parece ser que pasou por varios emprazamentos até que, coincidindo co Ano Santo de 1964 colocárono a beira da citada estrada. Agora polo menos está a salvo de accidentes e máis preto do seu lugar orixinal, á beira do Camiño de Santiago.

  • INFORMACIÓN
  • Código: PO-ER002
  • Outras denominacións: Cruceiro da Obra Pía de San Lázaro ou Cruceiro de San Lois
  • Tipoloxía: Elementos relixiosos
  • Cronoloxía: Século XIV
  • Concello: Pontecesures
  • Parroquia: San Xulián de Requeixo
  • Lugar: San Xulián
  • Acceso a pé: Bo
  • Galería de imaxes: Acceder
  • Conservación:

    O cruceiro é todo de granito cun estado bo de conservación a pesares de faltarlle un anaco no brazo dereito da cruz pola parte do reverso.

  • Protección:

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Pontecesures (PO I)

    Rexistro de Bens de Interese Cultural (BIC)

    Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

    Decreto 571/1963, de 14 de marzo, sobre protección de los escudos, emblemas, piedras heráldicas, rollos de justicia, cruces de término y piezas similares de interés histórico-artístico

  • Referencias:

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Pontecesures, aprobado o 27 de xuño de 2003

    Patrimonio Galego

    Cruceiros de Galicia

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Cruz Nº 1 de Infesta

Cruz de Porto de Arriba

Cruz de Grobas

Cruceiro da Igrexa Parroquial de Pontecesures