Capela de San Xulián de Requeixo

Capela de San Xulián de Requeixo - Pontecesures - San Xulián de Requeixo

Imaxe: Xosé Troiano

A Igrexa de San Xulián de Requeixo é de orixe románica, mandada construír polo Bispo Diego Xelmírez, sobre a antiga Capela de San Xulián en 1908. Rematouse de construír o 1 de outubro do ano 1116. Segundo a carta arqueolóxica editada polo Museo de Pontevedra, no ano 1918 foi localizada nesta capela unha ara dedicada a Xúpiter, outra ofrecida aos Lares e outras dúas ilexibles; todas elas permanecen actualmente no Museo de Pontevedra.

San Xulián de Requeixo é un templo de difícil interpretación. Así, aínda que aparentemente conserva gran parte da súa primitiva factura románica, óllase a simple vista que sufriu numerosas reformas.

O templo é dunha soa nave, sen ábsida, sendo o seu interior moi sobrio, presentando unha cuberta de madeira a dúas augas. O testeiro atópase moi reformado, mostra un gran van rectangular, e ao seu carón percíbese unha antiga porta rectangular cegada. Sobre o piñón sitúase unha sinxela cruz.

No exterior, o muro meridional da nave, aínda conserva algunhas partes interesantes da obra románica. Nesta fachada ábrense tres vans, aínda que só o central é orixinario. Trátase dunha sinxela saeteira con derrame interno e con remate superior en forma de arquiño de ferradura. O máis oriental é un pequeno van cuadrangular, de evidente factura moderna; e o da parte occidental, unha saeteira rectangular, posiblemente dunha reforma posterior. Destacan os doce canzorriños entre os que se atopan dúas cabezas de monstros, un coa boca aberta e unha gran lingua, e o outro que semella coller un obxecto cuadrangular, ademais dunha figura humana sentada, tapando as súas partes coas mans. Neste muro tamén se ve un arco de gran tamaño, sen sabermos ben cal sería a súa función.

No muro setentrional non conserva ningún van orixinal nin canzorriños. Presenta unha sinxela porta alintelada e dous vans, un cuadrangular e outro en forma de saeteira rectangular.

A fachada principal non é orixinal, polo que presenta modificacións. Ábrese no centro unha porta de arco de medio punto e, enriba desta, un pequeno óculo que dá luz ao seu interior. No vértice da fachada, emprázase unha pequena fornela coa imaxe de San Xulián no seu interior. Coroando o vértice, unha sinxela cruz de pedra e flanqueando o lado norte, un pináculo con bóla. No lado sur, álzase unha robusta torre-campanario cuadrangular formado por catro machóns unidos por arcos de medio punto onde levan as campás, e rematadas cunha cornixa e unha cupuliña.

Como noutras igrexas do rural galego, aparece o cemiterio dentro do recinto do adro, formando un conxunto onde conviven a parroquia dos mortos e a parroquia dos vivos.

Sinalar que a partir do ano 1968, San Xulián de Requeixo, quedou desligado da parroquia de Santa Mariña de Herbón (Padrón) por mandato do Arcebispo de Compostela, Miguel García Cuesta. Até entón o culto víñase celebrando na antiga Capela de San Xulián e na desaparecida Ermida de San Lázaro, vinculada ao Lazareto de San Lois. No ano 1875, unha xunta parroquial acordara construír un novo templo en Requeixo. A nova Igrexa Parroquial de Pontecesures construíuse co esforzo de todos os veciños, quedando inaugurada o 8 de outubro de 1893. Desde entón, San Xulián quedou como capela.

A partires do ano 1925 constituíase o novo concello independente de Pontecesures, e a freguesía de San Xulián de Requeixo, mediante providencia do Provisor do Arcebispo de Compostela.

  • INFORMACIÓN
  • Código: PO-AR001
  • Outras denominacións:
  • Tipoloxía: Arquitectura relixiosa
  • Cronoloxía: Época Baixomedieval-Idade Moderna (Séculos XVI-XVIII)
  • Concello: Pontecesures
  • Parroquia: San Xulián de Requeixo
  • Lugar: San Xulián
  • Acceso a pé: Bo
  • Galería de imaxes: Acceder
  • Conservación:

    -

  • Protección:

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Pontecesures (4 e PO F)

    Rexistro de Bens de Interese Cultural (BIC)

    Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

  • Referencias:

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Pontecesures, aprobado o 27 de xuño de 2003

    Patrimonio Galego

    Fernando Cabezas Quiles

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Igrexa Parroquial de Pontecesures

Capela da Virxe do Carme

Capela de San Xulián de Requeixo