Lazareto de San Lois
Imaxe: O Pontecesures Antigo
Antes da construción da rúa principal de Pontecesures, o núcleo de poboación non estaba establecido na chaira da ribeira do río Ulla, posto que era terreo moi inundable. Afastado do núcleo, nunha das antigas baixadas desde Infesta ao porto, na actual rúa Nova, atopamos o edificio máis antigo de Pontecesures, o Lazareto de San Lois.
Establecido e construído xa no século XIV preto da Ermida de San Lázaro, situada onde hoxe se atopa a igrexa parroquial e derrubada en 1893. A comezos do século XVIII chegou a ocupar sete casas de planta baixa unidas entre si. Ao lazareto chegaban as augas do río Ulla, cando este se desbordaba. Desde San Lois até a ponte, o camiño real tiña uns arcos que facían doado o paso das augas dunha beira á outra do mesmo. Estes arcos oxivais aínda se poden ver ao longo da rúa Sagasta.
O Lazareto de San Lois da Idade Media dependía do Arcebispado de Santiago, e estaba rexentado pola Obra Pía de San Lázaro. Estaba organizado polo médico do pobo de Padrón, e por unha hospitaleira-enfermeira, que se encargaba de atender aos enfermos.
O Cardeal Jerónimo del Hoyo, que visitou San Xulián de Requeixo en 1607 nas súas memorias di: "en esta feligresía está la hermita de los lacerados que es la que está pasando la Puente Cesures, hacia Pontevedra. Llámase Sant Luis". A pesar de ser San Lázaro o patrón dos leprosos e ser a parroquia a de San Xulián, o nome de San Lois consolidouse a raíz de que aparecese no Lazareto de San Lois unha imaxe de San Luís Rei de Francia, imaxe seguramente doada por algún peregrino francés dos que viñan a Compostela ou por algún enfermo de lepra. Hai que ter en conta que o mal da lepra estaba estendidísimo na Idade Media e o movemento de xentes que peregrinaban a Santiago foi a causa de que os leprosos acudisen a Galicia en maior número, de santuario en santuario buscando a curación milagrosa. Até tal punto se consolidou o nome de San Lois, que cando Alfonso XII outorgou o título de vila a Cesures, o 19 de decembro de 1881, coa denominación de "Villa de San Luis de Cesures". No Arquivo Histórico Nacional en Madrid consérvase un libro de contas e inventario titulado "Libro Segundo de la Obra Pía y Capilla que se haya sita en el lugar nombrado de la Malatería y S. Luís, términos de la feligresía de S. Julián de Requeixo...".
A leprosería constaba de sete casas de andar baixo unidas entre si e sitas no Camiño Real (cando en 1966 se iniciaron as obras da rede de sumidoiros na rúa de San Lois puido verse como a certa profundidade quedaba ao descuberto a cementación e obra de cantaría do Camiño Real que ía desde o lazareto até a ponte). O coidado do hospital e os seus bens estaba a cargo dun Administrador que nomeaba o Arcebispo de Santiago. Estes bens consistían, ademais das casas, nalgunhas rendas que posuían nos arredores, aínda que moi escasas, as esmolas que recadaban no petitorio e coas "cancións" o día de San Lázaro e as contribucións que acostumaban a facer nos testamentos os veciños da bisbarra. A primeira referencia documental dánola o historiador valgués Xesús Ferro Couselo, e é precisamente un destes testamentos, do ano 1473. Nos anos que van desde o 1762 ao 1828, o número de enfermos é xa escaso e no primeiro terzo do século XIX o socorro aso leprosos faise nos propios domicilios, polo que as casas do lazareto son consideradas como "propias" e pasan a ser da veciñanza.
Segundo consta no Catastro de Ensenada (1749-1756): “A la trigesima dijeron que en la feligresia de requeijo anejo de la de hervon hay el ospital de Lazaros o leprosos fundacion de D. Ygnacio Pardinas: cura administracion tiene D. Domingo Sanchez canonigo de la villa de el Padron y se remiten a la relacion que este diere de su renta y responden".
- INFORMACIÓN
- Código: PO-AC005
- Outras denominacións: Leprosería, hospital de leprosos ou malatería de San Lois
- Tipoloxía: Arquitectura civil
- Cronoloxía: Século XIV
- Concello: Pontecesures
- Parroquia: San Xulián de Requeixo
- Lugar: Rúa Nova
- Acceso a pé: Bo
- Galería de imaxes: Acceder
- Conservación:
Aínda tratándose do edificio máis antigo de Pontecesures, o seu estado de conservación é de abandono e ruinoso.
- Protección:
Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Pontecesures (PO E)
Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia
- Referencias:
Os nomes de lugar en Pontecesures | Concello de Pontecesures
Libro de la obra pía del hospital de lázaros de San Julián de Requeijo (1714-1760)
Libro segundo de la obra pía y hospital de lázaros de San Julián de Requeijo (1762-1828)
- XEOLOCALIZACIÓN
- Coordenadas: 42.720144038973 , -8.6521816226892
-
Como chegar desde ...
- ...a Casa do Concello de A Estrada
- ...a Casa do Concello de Catoira
- ...a Casa do Concello de Dodro
- ...a Casa do Concello de Padrón
- ...a Casa do Concello de Pontecesures
- ...a Casa do Concello de Rianxo
- ...a Casa do Concello de Teo
- ...a Casa do Concello de Valga
- ...a Casa do Concello de Vilagarcía de Arousa
-
- COLABORA
-
Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?
ATOPACHES ALGÚN ERRO?
Se atopaches algún na ficha do elemento ou en calquera funcionalidade do sitio non dubides en notificar a incidencia empregando o formulario de contacto do sitio.