Xardín Histórico-Artístico de Padrón
Imaxe: Manuel Casal Gómez
Xardín do século XIX, construído nun predio da calzada romana pertencente aos Condes de San Xoán. Foi construído seguindo os modelos característicos da época, mesturando estilos italiano, inglés e francés. O 11 de xaneiro de 1946 foi declarado monumento artístico, grazas sobre todo ao labor de Manuel Chamoso Lamas, naqueles tempos Comisario do Servizo da Defensa do Patrimonio Nacional. Pouco despois as distintas especies botánicas presentes no xardín foron clasificadas e inventariadas cientificamente por primeira vez na súa historia polo Inspector Xeral de Montes Rafael Areses Vidal. Ademais levouse a cabo a primeira rotulación das árbores e especies máis salientables.
Conta con numerosas especies arbóreas e exemplares únicos como o carballo fastixiado (Quercus robur Fastigiata), a coroa de Cristo (Cercis siliquastrum), a palmeira do Senegal (Phoenix reclinata), dúas sequoias vermellas (Sequoia sempervirens) dedicadas a Rosalía de Castro e a Macías O Namorado, o castiñeiros de Indias (Aesculus hippocastanum), a árbore do Coral (Erythrina crista-galli), unha árbore drago (Dracaena draco) ou os pradairos (Acer pseudoplatanus) que conforma o paseo central do xardín. Ademais, conta cunha figueira filla doutra orixinaria da Casa-Museo de Rosalía de Castro. Varios destes exemplares están incluídos no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras: o castiñeiro das Indias (4A), a coroa de Cristo (29A), o carballo fastixiado (91A), a palmeira do Senegal (14F) e as dúas sequoias vermellas (97A).
Na entrada, á dereita, o busto de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, agasallo do pobo de Rianxo á vila de Padrón. Seguindo o paseo central, a escultura do trobador medieval Macías O Namorado, fronte á sequoia onde se di que escribía Rosalía de Castro. Preto desta, baixo a Árbore dos Namorados, houbo durante decenas de anos un modesto banco de madeira onde as parellas de namorados dábanse cita para os seus romances e onde se agochaban os rapaces padroneses para axexar ás parellas que alí se daban encontro. Fai moitos anos alguén o retirou e Padrón estivo moito tempo sen este importante símbolo. Mais no ano 2010, baixo unha iniciativa popular liderada polo escultor padronés Fernando Castaño conseguiuse restituír. Tras tres meses de traballo, o escultor esculpiu unha orixinal talla en madeira adornada con motivos relacionados e con ideas aportadas por todo o pobo. O banco foi exposto nun comercio dunha esquina da Praza do Fiado, actual Praza de Macías, até acadar a cantidade necesaria para producilo en bronce, grazas ás aportacións dos veciños. Desde febreiro de 2011 o espazo volveu lucir o mítico Banco dos Namorados.
- INFORMACIÓN
- Código: PA-AC006
- Outras denominacións:
- Tipoloxía: Arquitectura civil
- Cronoloxía: Século XIX
- Concello: Padrón
- Parroquia: Santiago de Padrón
- Lugar: Avenida de Compostela
- Acceso a pé: Bo
- Galería de imaxes: Acceder
- Conservación:
Espazos como o herbario ou o invernadoiro atópanse en desuso, presenza de algunha especie exótica invasora (Cortaderia selloana), así como actuacións moi pouco axeitadas no arboredo, son unha demostración da pouca importancia que se lle dá a este espazo verde polos xestores do público.
- Protección:
Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Padrón
Rexistro de Bens de Interese Cultural (BIC)
Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia
Decreto 67/2007, do 22 de marzo, polo que se regula o Catálogo Galego de Árbores Senlleiras
- Referencias:
- XEOLOCALIZACIÓN
- Coordenadas: 42.738714654711 , -8.6581391372963
-
Como chegar desde ...
- ...a Casa do Concello de A Estrada
- ...a Casa do Concello de Catoira
- ...a Casa do Concello de Dodro
- ...a Casa do Concello de Padrón
- ...a Casa do Concello de Pontecesures
- ...a Casa do Concello de Rianxo
- ...a Casa do Concello de Teo
- ...a Casa do Concello de Valga
- ...a Casa do Concello de Vilagarcía de Arousa
-
- COLABORA
-
Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?
ATOPACHES ALGÚN ERRO?
Se atopaches algún na ficha do elemento ou en calquera funcionalidade do sitio non dubides en notificar a incidencia empregando o formulario de contacto do sitio.