Casa de Macías O Namorado

Imaxe: Camilo Agrasar
Macías O Namorado foi un trobador e poeta medieval, nado Padrón en 1340, de familia nobre e educado nas letras e nas ciencias. O seu lugar de nacemento é Sande (Carcacía), segundo o franciscano Juan Rodríguez del Padrón (Padrón, 1390-1450), tamén padronés e trobador, que ao relatar a historia de Ardalier y Liesa na súa primeira obra El Siervo libre de amor (1439) escribe: “El buen Maçias gadisan de águila nasçido en las faldas dessa agra montana”. Do mesmo xeito, confirmouno o beneditino P. Martín Sarmiento: “Fernan Cascacio, aquel enamorado Macías”, frase que levou a que o xesuíta catalán P. Fidel Fita e outros investigadores interpretaran que naceu na parroquia de Carcacía.
Deixou moi novo Carcacía, a súa terra natal, para converterse en doncel de don Enrique de Aragón, momento no que coñeceu á que sería a súa amada. Viviu para un só amor e morreu dunha soa ferida, traxicamente, en Arjonilla (Xaén). Outorgáronselle, 21 poemas do Cancionero de Baena e unha lenda de namorado atrevido da que existen actualmente diversas crónicas coincidentes no seu desenlace.
Sendo Macías escudeiro de don Enrique de Aragón, Marqués de Villena, namorouse dunha doncela de clase alta que estaba ao servizo daquel, dona Elvira, coa que mantivo un segredo romance. Neste intre, o trobador padronés foi chamado á batalla, integrándose nas forzas que ían a loitar a Granada, en tanto que don Enrique casou a súa dama Elvira cun fidalgo moi rico de Porcuna, Hernán Pérez de Vadillo.
Á súa volta e a pesares do compromiso de Elvira, ambos seguiron a súa relación sentimental, polo que don Enrique amoestou ao poeta galego severamente. Facendo este caso omiso das súas advertencias, Macías foi prisioneiro na Torre de Arjonilla, tempo que dedicou a cantar os seus amores con dona Elvira. Esta imprudencia acabou co seu sacrificio por parte do esposo ofendido, Hernán Pérez, quen, segundo a versión desta historia, matou ao trobador cunha lanza mentres clamaba os seus amores en poemas.
Cativo!, de miña tristura
xa todos prenden espanto
e preguntan qué ventura
foi que me tormenta tanto.
Máis non sei no mundo amigo
a quen máis de meu quebranto
diga desto que vos digo:
Quen ben see, nunca debía
al pensar, que faz folia […].
Don Enrique de Aragón estaba casado por cuestións de interese con María de Albornoz. Macías atopábase ao servizo da casa do matrimonio e namorado de María. Pola súa parte, don Enrique ansiaba conseguir o maestrazgo da Orde de Calatrava para o que debía ser solteiro ou viúvo. Que pensou facer ante isto? Encargarlle a Macías, quen cría da súa confianza, o asasinato da súa muller, ao que este se negou. A solución consistiu en contratar a uns sicarios que a secuestraron e espallaron a súa roupa entre a maleza, dando a entender a súa morte. A realidade, é que Don Enrique encerrouna no Castelo de Arjonilla.
Macías, como pertencía ao seu namoramento, tamén foi prisioneiro. Ambos pagaban o seu castigo no Castelo de Arjonilla. Cando Don Enrique volveu a Arjonilla para confirmar as condenas, decatouse de que Macías e María seguían amándose, motivo polo que a axustizou a Macías cunha lanza. Dise que despois do suceso, María, atormentada, deambulaba polo castelo e incluso a veces desfalecía largas xornadas sobre a tumba do seu amado. Sobre ela, anos mais tarde atopouse unha muller morta, cos beizos pegados, bicando unha inscrición na que podía lerse: “Aquí yace Macías el Enamorado”.
Rendyme a su altesa
desque fuy desbaratado,
e priso me con cruesa
onde vivo encarcelado;
las mis guardas son Tristesa
e Cuydado en que beví,
después que vy
la su muy gran rrealesa
Outra antiga tradición conta que Macías, tendo salvado a unha dama que caera a un río, invocouna para que acudise a un encontro, ao que esta obedeceu. Tras esta cita, Macías que dou bicando as súas pegadas, mais inesperadamente apareceu o home da dama e interrogou ao poeta. Decidido e alimentado por un arriscado sentimento de amor, Macías replicou que non pensaba deixar á súa amada. O home, enfurecido e ofendido por tal desaire, atravesouno cunha lanza e deulle morte.
Con tan alto poder yo
Amor nunca fue juntado,
ni con tal orgullo e brío
qual yo vy por mi pecado
contra mí que fui sandío […].
O certo é que, sendo por un motivo ou outro, Macías recibiu sepultura na Igrexa de Santa Catalina, situada no interior do Castelo de Arjonilla. A súa vida recorda unha curta mais intensa historia de amor, protagonista de varios guións cun final común, a morte por amor.
A lenda xira aínda ao carón da figura do trobador. Así, algún cronista suxire que na noite de ánimas, unha brillante luz branca retrátase no interior do Castelo de Arjonilla. Quizais sexan as almas de Macías e Elvira que recordan que o seu amor aínda perdura.
- INFORMACIÓN
- Código: PA-AC042
- Outras denominacións:
- Tipoloxía: Arquitectura civil
- Cronoloxía: -
- Concello: Padrón
- Parroquia: San Pedro de Carcacía
- Lugar: Sande
- Acceso a pé: Bo
- Galería de imaxes: Acceder
- Conservación:
-
- Protección:
Non
- Referencias:
- XEOLOCALIZACIÓN
- Coordenadas: 42.758627762142 , -8.5848814009364
-
Como chegar desde ...
- ...a Casa do Concello de A Estrada
- ...a Casa do Concello de Catoira
- ...a Casa do Concello de Dodro
- ...a Casa do Concello de Padrón
- ...a Casa do Concello de Pontecesures
- ...a Casa do Concello de Rianxo
- ...a Casa do Concello de Teo
- ...a Casa do Concello de Valga
- ...a Casa do Concello de Vilagarcía de Arousa
-
- COLABORA
-
Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?
ATOPACHES ALGÚN ERRO?
Se atopaches algún na ficha do elemento ou en calquera funcionalidade do sitio non dubides en notificar a incidencia empregando o formulario de contacto do sitio.