Casa-Museo de Rosalía de Castro

Casa-Museo de Rosalía de Castro - Padrón - Santa María de Iria Flavia

A familia de Rosalía de Castro trasladouse a esta vivenda da Matanza en 1883. Conservamos unha fotografía na horta, de 1884. Ela está rodeada polos seus, ten unha flor nunha man e acariña un cadeliño pinto que se agocha, como se non quixese saír na foto. Cando no mes de abril dese mesmo ano publica En las orillas del Sar está gravemente enferma. “Ya que de la esperanza, para la vida mía, / triste y descolorido ha llegado el ocaso, / a mi morada oscura, desmantelada y fría / tornemos paso a paso, / porque con su alegría no aumente mi amargura/ la blanca luz del día”.

Rosalía morreu o mediodía do 15 de xullo de 1885. Entrou na morte coa mesma humildade coa que viviu, cun ramallo de pensamentos na man. “Abride a fiestra que quero ver o mar”. O mar que quixo ver no momento final era o da ría de Padrón.

A Casa Museo de Rosalía é froito da vontade e do esforzo de moitas xentes boas e xenerosas. Singularizámolas na figura do filántropo Xosé Mosquera, “O Vello dos Contos”, que botou a andar este proxecto nos anos 40 do pasado século. A recente intervención museográfica quere abrir portas e ventás para amosarlle a todos a complexidade e a riqueza da súa vida e da súa obra universais.

Rosalía non tivo nunca casa propia. Quizais por iso escribiu “Quen casa ten de seu, ten media vida”. A esta, que agora é un símbolo onde as demais cobran sentido, acaeríalle ben sen dúbida a canción de Lucilla Galeazzi “Voglio una casa”. Unha casa para todos, acolledora e forte, humilde. Onde teña acubillo a poesía. Unha casa chea de luz coma unha estrela…

No outono de 1947 créase o Padroado Rosalía de Castro, co fin de arranxar a Casa da Matanza, na que Rosalía de Castro viviu os derradeiros anos da súa vida. Restaurouse en 1971, converténdose en Casa-Museo no 1972. A Fundación, que continúa o labor do Padroado, é a actual propietaria.

Pouco despois da morte de Rosalía a Casa da Matanza fica baldeira. Despois de varios intentos, é mercada en 1946 por Xosé Villar Granjel e Xosé Mosquera. Até 1951 non se realizou a primeira restauración, segundo planos de Gómez Román. Mais foi a partir da presidencia de Sixto Seco cando en 1971, baixo a dirección de Fernández-Albalat, se puido inaugurar como Casa-Museo o 15 de xullo dese ano. Da montaxe e dirección do Museo encargouse Xosé Fernando Filgueira Valverde, con tres liñas moi claras: a didáctica, a expositiva e a evocativa. En 1977 fíxose unha remodelación xeral discreta.

Desde 1970 fóronse adquirindo outras propiedades ademais da casa e da horta, onde se mantén a figueira, incluída no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras (50A), que a propia Rosalía plantou e cita nun dos seus poemas de Cantares Gallegos. En 1975 inaugúrase unha vivenda para a encargada da Casa-Museo (Maruxa Villanueva), unha Sala de Xuntas, un Arquivo da Fundación e servizos públicos e almacéns. En 1985 inaugúrase o Auditorio, con capacidade para 150 persoas, e en 1999 o Centro de Estudos Rosalianos co obxectivo de crear unha biblioteca rosaliana, fomentar a investigación, organizar cursos e seminarios, así como crear unha liña editorial de calidade.

En decembro de 2012 comezaron obras de acondicionamento interior da Casa-Museo Rosalía de Castro. Posteriormente acometeuse a mellora do perfil museográfico da Casa-Museo, ademais de dotala de infraestrutura para a incorporación de novas tecnoloxías audiovisuais e novos servizos para os visitantes. Esta ultima reforma foi inaugurada finalmente en marzo do 2015.

Desde a súa inauguración, a Casa-Museo Rosalía de Castro, converteuse nun dos principais epicentros culturais de Galicia.

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Hospital de Peregrinos de Padrón

Casa dos da Riva

Pazo de Santa Cruz da Granxa

Pazo da Torre do Monte