Pazo de Arretén

Pazo de Arretén - Padrón - Santa María de Iria Flavia

Imaxe: Pablen Compostela Teo

O pazo é de estilo renacentista construído no século XVI pola familia fidalga Bermúdez de Castro. Planta rectangular, con extremos angulados para comunicar por paso elevado coa capela. Fábrica de cantaría de granito. Fachada principal sobria, con solemne escalinata de balaústres, que comunica cun alongadísimo patín (ao longo de toda a fronte), formado por arcos de medio punto con columnas toscanas e balaustrada de traza compostelá. A distribución actual corresponde ao século XVII. Conta cunha ampla horta, na que destaca a fonte.

Aquí viviron desde tempo inmemorial os antepasados de Rosalía de Castro. Era por tanto de familia fidalga, mais vinda a menos naqueles días. Aínda que reformado, o pazo conserva as trazas doutro tempo, a capela e a fermosa fonte na parte posterior, o espazoso balcón coa balaustrada sobre as grandes arcadas de pedra e a ampla escaleira. Está nos versos dela:

 

Deserta a escalinata,
soio o paterno niño,
e enriba del caendo misteriosas,
coas sombras do crepúsculo as do olvido.

 

No poema “Como chove miudiño” escrito nas Torres de Lestrobe, seguindo o curso caprichoso dunha nube, Rosalía vai describindo os lugares familiares: as Brañas de Laíño, Valga, San Lois, Padrón e a Adina, até regresar ao fin ao útero materno, a Casa Grande da Arretén, na ladeira do “Miranda altivo”.

Contempla a ruína do edificio comesto polas hedras e as silveiras e lembra os cantos na capela, as risas, as danzas e as festas no terreiro do pazo, a memoria do avó, a quen non chegou a coñecer.

 

E tamén vexo enloitada
da Arretén a casa nobre,
donde a miña nai foi nada
(…)
Mes tras mes, pedra tras pedra,
ti te irás desmoronando,
ceñida por sintas de hedra,
mentras que outra forte medra,
que así o mundo vai rolando.

 

A vista é magnífica. Diante nosa asentouse o palacio arcebispal da Rocha Branca, o lugar onde morren os amantes do Siervo Libre de Amor de Xoán Rodríguez do Padrón, a quen Murguía fai nacer no pazo. Algúns autores atribúenlle tamén o “Romance do Conde Arnaldos”. Sería fermoso imaxinar a escena alá no mar da Arousa. O conde, co falcón na luva, e a galera, coma no verso rosaliano, vogando pola ría coas brancas velas inchadas e enxarcia de ouro torzal.

En xullo de 1936, no contexto do alzamento franquista, foi o escenario dun asalto por parte de sindicalistas.

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Escola de Iria

Escola de Morono

Escola de Pazos

Escola de Cruces