Marco do Porto Lampai

Marco do Porto Lampai - Padrón - Santa María de Cruces

Imaxe: Megaliticia

O rei Afonso VII doou un enorme terreo no ano 1156 a un descoñecido plebeo, non nobre, de nome Sancho Eanes. O terreo tiña 22 hectáreas nunha das zonas máis ricas e poboadas do Reino de Galicia, limitado por unha serie de marcos (Marco do Porto Lampai, Marco do Couto de Lampai, Marco dos Coutos e Marco da Pena das Cruces) que conforman unha finca medieval. O Marco do Porto Lampai delimita polo oeste dita finca, coa función de marco da antiga vila medieval do Pedrouso (Teo). É de forma triangular e está gravado nas tres caras, aínda que o musgo está a facer o seu implacable traballo desgastándoa. Na súa inscrición pódese ler o seguinte: “Era MCXCIV et quotum I kalendas septemberis cum auctoritatem imperatoris et omnibus intervinientibus patronim statuit”. Que quere dicir: “Ano 1156 no primeiro día das calendas de setembro coa autoridade do Emperador e de tódolos asistentes poño este pedrón”.

Existen imaxes deste marco medieval nos anos 30 do século pasado, cando se pensaba que era un miliario, publicadas en varios números da revista Unión de Teo y Vedra. No 2001 foi cando F. Alsina e posteriormente os Guitián dan a coñecer a súa verdadeira función como marco da antiga vila medieval do Pedrouso (Teo).

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Petróglifo Nº 2 do Monte Lomba

Petróglifo Nº 1 do Monte Lomba

Mámoa do Castelo Redondo

Petróglifo da Chanciña