Petróglifo Nº 1 do Monte Lomba
Imaxe: Colectivo A Rula
Este petróglifo, xunto co Petróglifo Nº 1 do Porteliño, o Petróglifo Nº 2 do Porteliño, o Petróglifo da Chanciña e o Petróglifo Nº 2 do Monte Lomba, forman un conxunto de cinco gravados prehistóricos no Monte Lomba localizados no ano 2021 polo Colectivo A Rula, a partir dos traballos de investigación de Xoán Guitián e o seu fillo Jorge hai máis de 20 anos.
As superficies gravadas localízanse no tramo baixo da ladeira sur-sur leste do Monte Lomba ou Monte Castrelo, que protexe polo norte a poboación de Herbón e, a Iria polo leste. O Monte Castrelo, na parroquia de Santa María de Iria Flavia, é unha modesta elevación que acada os 174 metros de altitude. Na súa cima localízase un recinto fortificado coñecido como Castro do Castelo. A superficie protexida polo recinto ten un diámetro de 110 metros no seu eixo norte-sur e uns 35 metros no leste-oeste, e está delimitado por un parapeto e un foxo. A ficha do catálogo dálle unha cronoloxía xenérica da Idade do Ferro e/ou medieval. A poucos metros ao norte consérvase a Mámoa do Castelo, un enterramento neolítico de boas dimensións.
Os petróglifos concéntranse no tramo inferior da pedregosa aba que descende cara a chaira aluvial que conforma o río Sar. Multitude de pequenas rochas de granito fino espalladas por toda a ladeira presentan numerosas evidencias de actividades extractivas, proba do intenso traballo dos canteiros no pasado.
O Petróglifo Nº 1 do Monte Lomba localízase nunha laxe de medianas dimensións situada a un cento de metros dos petróglifos do Porteliño, en dirección noroeste, na parte media da pendente da ladeira sur do Monte Lomba. Ten unhas dimensións de 390 centímetros de ancho por 350 de longo e 150 de alto no seu extremo inferior. Presenta unha superficie horizontal regular, a escollida polo gravador.
O motivo conservado é unha complexa combinación circular de 35 centímetros de diámetro, composta por un pequeno círculo no centro da composición. Este está parcialmente dividido en dúas metades por un suco que se prolonga recto polo exterior do círculo. Un círculo alongado incompleto con microcoviñas no interior rodea este suco parcialmente. Rodea todo este conxunto dous círculos concéntricos incompletos.
- INFORMACIÓN
- Código: PA-AQ029
- Outras denominacións:
- Tipoloxía: Arqueoloxía
- Cronoloxía: Idade do Ferro
- Concello: Padrón
- Parroquia: Santa María de Iria Flavia
- Lugar: Monte Lomba
- Acceso a pé: Regular
- Galería de imaxes: Acceder
- Conservación:
-
- Protección:
Non
- Referencias:
- XEOLOCALIZACIÓN
- Coordenadas: 42.73987771897 , -8.6415761499573
-
Como chegar desde ...
- ...a Casa do Concello de A Estrada
- ...a Casa do Concello de Catoira
- ...a Casa do Concello de Dodro
- ...a Casa do Concello de Padrón
- ...a Casa do Concello de Pontecesures
- ...a Casa do Concello de Rianxo
- ...a Casa do Concello de Teo
- ...a Casa do Concello de Valga
- ...a Casa do Concello de Vilagarcía de Arousa
-
- COLABORA
-
Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?
ATOPACHES ALGÚN ERRO?
Se atopaches algún na ficha do elemento ou en calquera funcionalidade do sitio non dubides en notificar a incidencia empregando o formulario de contacto do sitio.