Petróglifo Nº 2 do Monte Lomba

Petróglifo Nº 2 do Monte Lomba - Padrón - Santa María de Iria Flavia

Imaxe: Colectivo A Rula

Este petróglifo, xunto co Petróglifo Nº 1 do Porteliño, o Petróglifo Nº 2 do Porteliño, o Petróglifo da Chanciña e o Petróglifo Nº 1 do Monte Lomba, forman un conxunto de cinco gravados prehistóricos no Monte Lomba localizados no ano 2021 polo Colectivo A Rula, a partir dos traballos de investigación de Xoán Guitián e o seu fillo Jorge hai máis de 20 anos.

As superficies gravadas localízanse no tramo baixo da ladeira sur-sur leste do Monte Lomba ou Monte Castrelo, que protexe polo norte a poboación de Herbón e, a Iria polo leste. O Monte Castrelo, na parroquia de Santa María de Iria Flavia, é unha modesta elevación que acada os 174 metros de altitude. Na súa cima localízase un recinto fortificado coñecido como Castro do Castelo. A superficie protexida polo recinto ten un diámetro de 110 metros no seu eixo norte-sur e uns 35 metros no leste-oeste, e está delimitado por un parapeto e un foxo. A ficha do catálogo dálle unha cronoloxía xenérica da Idade do Ferro e/ou medieval. A poucos metros ao norte consérvase a Mámoa do Castelo, un enterramento neolítico de boas dimensións.

Os petróglifos concéntranse no tramo inferior da pedregosa aba que descende cara a chaira aluvial que conforma o río Sar. Multitude de pequenas rochas de granito fino espalladas por toda a ladeira presentan numerosas evidencias de actividades extractivas, proba do intenso traballo dos canteiros no pasado.

O Petróglifo Nº 2 do Monte Lomba sitúase a uns 10 metros ao norte da estación do Monte Lomba Nº 1. É unha rocha de morfoloxía similar a anterior cunha superficie superior un tanto máis irregular. Mide 265 centímetros de longo por 155 de ancho. Nesa superficie superior, nunha estreita zona intermedia inclinada consérvase unha forma rectangular de esquinas redondeadas con un total de 15 coviñas no seu interior. Ten un diámetro de 25 centímetros. Por debaixo deste motivo, nunha superficie máis horizontal obsérvase unha coviña illada de 10 centímetros de diámetro e 2 de profundidade.

Chama a atención a inclinación do lugar escollido para gravar o motivo principal, dispoñendo na mesma laxe de superficies horizontais inmediatas a elixida, quizais a escolla foi procurando unha determinada orientación. Se se observa o horizonte visible desde a laxe os elementos xeográficos máis destacados son o Monte Xesteiras nun primeiro plano, e o Castrove e Xiabre nun segundo plano.

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Castro Valente

Mámoa Nº 3 do Castelo do Medio

Marco do Couto de Lampai

Xacemento da Chansa