Igrexa de San Xoán de Laíño

Igrexa de San Xoán de Laíño - Dodro - San Xoán de Laíño

Imaxe: Xenealoxías do Barbanza

A igrexa parroquial de San Xoan Bautista de Laíño, no lugar de Padronelo, é produto da escisión da parroquia de San Xián de Laíño. Comezouse a construír en 1754 por canteiros de Cimadevila (Boiro), probablemente baixo a supervisión de Simón Rodríguez e Francisco Núñez.

Nun contexto de finais do Antigo Réxime onde a paisaxe de Galicia estaba moi humanizada, a creación dunha nova parroquia  pode xustificarse polo crecemento do número de veciños na freguesía, o que multiplicaba o valor do diezmo e, por tanto, os ingresos dos reitores.

Contan os veciños que para a segregación dos dous Laíños, botaron a sortes o nome da parroquia, San Xián ou San Xoán, mais remataron por seren os de Laíño de Riba ou os de Laíño de Baixo, sendo os de San Xoán os de abaixo. É ben curioso que esta denominación fai alusión á posición que ocupan as parroquias respecto do Ulla.

Non se coñece con exactitude a data de consagración do templo, mais en 1771 é a data na que comeza o libro da igrexa parroquial de San Xoán Bautista. O exterior do templo amósanos o estilo barroco da época, mentres que o interior presenta a transición ao neoclásico.

A igrexa é de tamaño medio, cunha soa nave e de pedra granítica. Na portada principal apreciamos unha imaxe que, segundo as fontes orais, era probablemente o modelo do que ía ser a Nosa Señora da Cruz, pois os veciños querían que fose a mesma que a que estivo na capela do Cruceiro do Abelán. Finalmente, semella que a vontade dos veciños non tivo o resultado que esperaban e a imaxe acabou sendo a da Inmaculada Concepción. Por outra banda, Avelino Abuín de Tembra recolleu unha cantiga na que mesmo se pode interpretar que é posible que nalgunha altura estivese a imaxe de San Xoán Bautista na portada principal:

Meu señor San Xoán Bautista

que está mirando na porta

como as mociñas de Imo

andan a subir a costa.

O campanario, tamén de estilo barroco e con 22 metros de altura, destaca pola súa elegancia e proporción. Mesmo semella ser unha das imitacións que se fixeron da Berenguela ao longo das comarcas máis próximas a Santiago de Compostela.  Aínda que no comezo da súa construción pretendíase que albergase 4 campás, acabou tendo dúas. Así mesmo non hai constancia de que o campanario fose restaurado, só se sabe que unha das campás foi substituída en 1909, data inscrita na mesma. De se constatar estes datos, o campanario sería a única parte que non sufriu cambios ou reformas. 

O acceso ao campanario é polo coro da igrexa e a través dunhas angostas escadas de pedra, mais só se accedían ás dúas campás para as celebracións especiais. Exemplo é a procesión do Sagrado Corazón de Xesús, a máis longa. Esta procesión atravesa o xardín da igrexa e recorre  o Vía Crucis de cemento, iniciativa do cura Gumersindo Iglesias Arteaga, até chegar ao Montiño. Durante todo o traxecto as dúas campás non paraban de tocar e repenicar! Para as misas ordinarias só se toca a grande desde abaixo mediante unha corda.

Como en todos os templos cristiáns os adros, xunto coas feiras, eran o lugar de encontro e de sociabilidade, onde a comunidade tecía as súas relacións mais alá da vida relixiosa. No mesmo adro documentáronse acacias e oliveiras, mais ao igual que o cinerario parroquial, xa non existen. Así mesmo, o adro foi lugar de enterramento até a década dos oitenta. Na actualidade, podemos apreciar diferentes lápidas que amosan o gran dominio da cantaría, probablemente da zona do Barbanza ou arredores.

O xardín (1958) está rodeado de balaustres de cemento e conta cunha decoración baseada en figuras xeométricas de mirtos. Preside o recinto o Cruceiro da Igrexa de San Xoán de Laíño de incerta procedencia que amosa a imaxe de Cristo mirando cara a igrexa e polo outro lado unha imaxe mariana. No xardín tamén podemos atopar dúas fontes engadidas na época dos 70, unha delas ten a imaxe de San Xoán Bautista.

O retablo do altar maior, de estilo neoclásico, consta dun sagrario que sufriu numerosas modificacións até concluír no actual. Podemos apreciar na parte traseira do altar de esquerda a dereita a San Antonio de Padua (festividade na súa honra o 15 de xullo) e ao Sagrado corazón de Xesús probablemente engadido en 1909 (festividade o 29 de xuño). No centro está o patrón da parroquia, San Xoán Bautista, considerado no cristianismo como “O Precursor” por anunciar a chegada de Cristo e bautizalo. A súa festa celébrase o día do solsticio de verán, o 24 de xuño.

Na dereita do retablo e por esta orde, están San Antón Abade (festividade o 17 de xaneiro) e San Roque (festividade o luns despois do primeiro domingo de setembro). Na parte superior apreciamos as figuras dos catro anxos, dous deles circundan a Virxe da Nosa Señora do Rosario en forma de Virxe Assumpta. O retablo conclúe co triangulo da Santísima Trindade.

A imaxe de San Roque (1,23 metros), xunto co seu can, representa a protección ante as epidemias, como foron a peste ou a lepra. Foi realizado nos Obradoiros Azabachería de Santiago. A imaxe do santo con chapeu, esclavina, dúas cunchas de vieira e unha vara de peregrino simboliza  a súa peregrinación a Roma onde curou aos enfermos da peste. Na súa perna lacerada representa  o contaxio da enfermidade que, de acordo á historia cristiá o levou a illarse para non contaxiar. Foi durante o illamento cando aparece o seu fiel amigo, o can que o coidou e lle levou o pan. Logo, San Roque sería quen axudaría tamén aos animais enfermos, manifestando o respecto a estes.

A festividade a San Roque é o luns despois do primeiro domingo de setembro. Era a aldea de Castro a que corría coa súa función, mais agora a festa celebrase despois da festa da Virxe das Dores na Lavandeira de Imo. Aquí mesmo, podemos atopar a Eira da Lavandeira, un conxunto de 11 hórreos que probablemente foron feitos polos mesmos canteiros cá igrexa.

A imaxe do San Antón Abade (1,44 metros) sorprende polo seu realismo, tanto no seu aspecto de ríxido eremita como na hirsuta cabeleira e barba venerable. O hábito, escapulario, túnica e capucha, representa en maior medida ao monacato oriental. O rostro expresa o dramatismo de anacoreta, de asceta e de sacrificio. O libro que porta nas mans refírese á Regra Monástica; San Antón é considerado como o fundador do monacato. Así mesmo, San Antón é o patrón dos animais o que se representa coa figura do porquiño aos seus pés. Non sabemos quen pode ser o autor, mais é unha obra digna de Ferreiro Suárez, de Xosé Gambino ou de Francisco Núñez de Boiro.

A imaxe da Nosa Señora do Carme (1,11 metros) é a patroa dos mariñeiros, pois non debemos esquecer que estamos nun territorio bañado polas augas do río Ulla, considerado o mar. Ademais, grazas á toponimia recollida por Manuel Lourenzo Baleirón (2011) sabemos que existe entre Tarrío e Rial o topónimo Pelai, unha das formas patrimoniais galegas de Pelaxio, do grefo PELAGIOS, que significa home do mar, mariñeiro.

A imaxe é de madeira policromada, leva un velo de tule e un escapulario colgado das mans, o hábito cunha franxa dourada, unha capa e unha coroa real na cabeza. A ambos lados hai dúas pequenas imaxes: unha de Santa Lucía, a patroa dos cegos, pobres e enfermos; e outra de Santa Tareixa. Contan os veciños que as noivas no seu dia de voda adoitaban ir a este altar a facer a ofrenda do seu ramo nupcial.

A imaxe da Nosa Señora do Carme está nun altar de transición ao barroco que conta con dúas columnas a cada lado con adornos vexetais e capiteis de corintio. Debaixo do altar, está o camarín cun cristo xacente de 1953, donativo da veciña María Viturro Rodríguez. Ademais, neste altar hai un sagrario a onde se traslada o Santísimo Sacramento o Xoves Santo.

No seu cemiterio está soterrado Xosé Ramón Reboiras Noia, Moncho Reboiras, nacido en Imo o 19 de xaneiro de 1950. Foi militante nacionalista e dirixente da UPG (Unión do Povo Galego), asasinado pola policía franquista en Ferrol un 12 de agosto de 1975.

  • INFORMACIÓN
  • Código: DO-AR002
  • Outras denominacións:
  • Tipoloxía: Arquitectura relixiosa
  • Cronoloxía: 1754
  • Concello: Dodro
  • Parroquia: San Xoán de Laíño
  • Lugar: Padronelo
  • Acceso a pé: Bo
  • Galería de imaxes: Acceder
  • Conservación:

    Boa

  • Protección:

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Dodro (AR-03)

    Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

  • Referencias:

    Sendeiros de Dodro

    Asociación de Veciños de San Xoán de Laíño. Inventario do Patrimonio Etnográfico de San Xoán de Laíño, 1993

    Lourenzo Baleirón, M. Toponimia de Dodro e de Laíño. Os nomes na auga, 2011

    Elaboración do texto: Lucía Santiago Sanmiguel

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Capela de San Amaro

Igrexa de Santa María de Dodro

Igrexa de San Xoán de Laíño

Capela de San Xosé