Rúa Moncho Reboiras

Rúa Moncho Reboiras - Dodro - San Xoán de Laíño

Imaxe: Concello de Dodro

Nesta vivenda, situada na Estrada de Imo (AC-305) e denominada rúa Moncho Reboiras desde o ano 2022, foi onde se velou a Xosé Ramón Reboiras Noia, Pepe de Loureiro, o fillo da señora Generosa e do señor José. De aquí saíu o seu cadáver para ser soterrado no cemiterio da Igrexa de San Xoán de Laíño, tras ser asasinado pola policía franquista en Ferrol o 12 de agosto de 1975.

O texto que segue a continuación foi extraído da web da UPG (Unión do Pobo Galego).

Xosé Ramón Reboiras Noia naceu o 19 de xaneiro de 1950 en Imo, parroquia de San Xoán de Laíño, nunha familia labrega que como tantas na nosa Patria, tivo que trasladarse á cidade na procura de mellores condicións de vida.

En Vigo, mentres o pai traballaba embarcado, Moncho estudaba o bacharelato e atendía o bar que a súa familia puxera cos seus aforros, cun breve período de traballo na construción cando tiña 15 anos. Pouco a pouco vai sentindo no seu propio corpo a opresión nacional de Galiza: o baixo nivel de vida do agro, a superexplotación, o conflito lingüístico… tomando conciencia do asoballamento colonial do noso pobo.

Posteriormente matricúlase na Escola de Enxeñaría Industrial de Vigo, onde se titula con moi boa cualificación. Xosé Ramón, que contaba con grandes simpatías no ambiente estudantil pola súa seriedade profesional e o seu compañeirismo, desempeñando un papel moi activo nas reivindicacións do estudantado naqueles anos e na defensa da cultura e dos intereses do pobo galego. Daquela é un dos fundadores da revista “Des…tornillo” que desempeñou un grande papel de concienciación; formando parte do grupo cultural “O Castro” que aborda, dentro das dificuldades daquel tempo, o problema nacional galego; e no ano 1969 ingresa como militante na UPG (Unión do Pobo Galego).

Rematada a carreira, consegue unha bolsa de estudos pola escola para facer un traballo de especialización nos Estaleiros Barreras. Alí convive coas masas obreiras e ten ocasión de coñecer a explotación capitalista, situación que aproveita para estudar a fondo os mecanismos utilizados pola patronal (xefes, confidentes..), así como o xeito de combatelos. Neste tempo, 1972, ten lugar a Folga de Setembro e Moncho xoga nela un grande papel revolucionario, tanto de combate como de organizador.

Perdida a bolsa de estudos por esta causa, e entregado de cheo á loita pola liberación de Galiza, traballa en Ávarez de Vigo, tendo que deixalo por razóns de saúde xa que ao estar operado de pleuresía o ambiente da fabrica éralle moi prexudicial. Trasladase entón a Ferrol onde traballa en Astano e posteriormente á Coruña entrando como obreiro en Intelsa.

Moncho procede por este tempo, por encargo da UPG a organizar o Frente Cultural Galego. É en grande maneira o responsable do que o Frente Cultural foi naquel entón e do importantísimo papel que desempeñou no panorama cultural de Galiza. Por primeira vez existiu unha coordinadora efectiva entre a maioría das asociacións culturais de Galiza e o voceiro do Frente Cultural.

Polas mesmas datas, anos 73 e 74 é un dos organizadores dos grupos sindicais (as reunións de traballadores) que orixinarían no ano 75 o SOG (Sindicato Obreiro Galego), logo integrado na ING (Intersindical Nacional Galega) e antecesor da actual CIG (Confederación Intersindical Galega). É a alma do grupo da Coruña que arredor do voceiro “Xerme” desempeña naquel entón un papel fundamental no camiño cara un sindicalismo especificamente galego. O “Xerme”, dunha extraordinaria calidade, crea un novo estilo dentro da prensa obreira en Galiza.

Tamén é Moncho, membro do Comité Central e do Comité Executivo da UPG, un dos artífices do que a UPG comeza a ser desde o 1972: unha organización proletaria que tendo como guía da súa acción o marxismo-leninismo, é o motor do movemento nacionalista galego. A realidade actual do nacionalismo é froito do traballo heroico destes anos.

Participou, dentro da liña política acordada pola UPG, nun grupo dedicado a dotar de infraestrutura loxística ao partido, con accións propias da clandestinidade e fronte a un estado fascista. Atopándose en Ferrol, onde se estaba organizando a UPG, a BPS (Brigada Político Social) estabelece na noite do 11 de agosto de 1975 un control na zona de Canido. Ás 2 da mañá numerosos efectivos da BPS, acompañados de máis de 300 axentes da Policía Armada acordoaron o edificio onde se atopaba con 2 militantes máis, que grazas á intervención de Reboiras (o único que estaba armado) lograron fuxir.

Reboiras logra zafarse da policía durante máis de dúas horas, conseguindo finalmente esta darlle alcance no portal da rúa da Terra, disparándoo sen opción a outras saídas. A partir dese momento desátase un amplo operativo en toda Galiza coa detención de varios militantes nacionalistas e o exilio a Portugal, onde xa trunfara a Revolución dos Cravos en Abril de 1974, dun nutrido grupo de membros da UPG.

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Pontella do Muíño de Riba

Reloxo de sol Nº 1 de Bustelo

Pontella do Muíño Tellado

Muíño de vento de Chenlo