Igrexa de Santa María de Dodro
Imaxe: Xenealoxías do Barbanza
A actual igrexa data do ano 1738, aínda que xa existía un templo a principios do século XVII (1606), segundo Jerónimo del Hoyo. Este primitivo edificio foi mandado derrubar e reedificar en 1718 polo arcebispo de Santiago debido á súa insuficiencia, reedificación que foi proxectada, en 1719, polo senlleiro arquitecto Simón Rodríguez, un dos mellores da centuria, encargándose da súa fábrica un ano despois o mestre de obras Pedro Blanco. A finais da década de 1760 sufriu unha nova reforma co fin de ampliar o cruceiro, o que supuxo unha redución da lonxitude da nave e tamén na capela maior. Foi reconstruída en parte en 1918.
Esta igrexa ten un grande interese como exemplo de parroquial rural proxectada por Simón Rodríguez, por mor da peculiar solución de cuberta en forma de vieira ou cuncha nas dependencias laterais da capela maior e, tamén, polo retablo principal (de 1740) de deseño e talla compostelán, o cal tamén pode atribuírse con toda seguridade a Simón Rodríguez.
Ten planta en cruz latina, con nave única de dous tramos, situándose sobre o último a tribuna. Cruceiro cun tramo e capela maior rectangular. Detrás do presbiterio atópase a sancristía, tamén de planta rectangular. A nave da igrexa e o presbiterio cóbrese cunha bóveda de canón, ao igual que os brazos do cruceiro, onde se emprega a bóveda de aresta. Os nichos da capela maior se pechan con bóveda de cascarón en forma de grandes vieiras. En canto á fachada principal, responde ao mesmo criterio de sinxeleza que o interior. A porta ten unha grande riqueza de molduración e está coroada por un frontón triangular interrompido por unha fornela en forma de vieira que preside a imaxe da Asunción. No lado norte levántase a torre-campanario, de base cuadrangular e triplo corpo, pechándose en planta octogonal rematado nunha pequena cúpula con nervios sobresaíntes. Todo elo responde a unha libre interpretación do deseño de Simón Rodríguez. Nun dos muros exteriores ten integrado un pombal. A igrexa foi restaurada no ano 1992, co arranxo da bóveda e do tellado e a colocación dun novo piso de pedra.
No 2021 recuperouse a pía bautismal do século XVIII na que en 1871 recibiron o primeiro sacramento os fillos xemelgos de Rosalía de Castro, Ovidio e Gala, nados nas Torres de Hermida de Lestrobe. A pía permaneceu no exterior do adro da igrexa durante máis de 70 anos.
No 2022 o Colectivo A Rula descubriu unha inscrición medieval nunha parede da igrexa, na que aparece unha data (26 de xullo do ano 1102) e que podería estar relacionada coa fundación do templo.
- INFORMACIÓN
- Código: DO-AR004
- Outras denominacións:
- Tipoloxía: Arquitectura relixiosa
- Cronoloxía: 1738
- Concello: Dodro
- Parroquia: Santa María de Dodro
- Lugar: A Igrexa
- Acceso a pé: Bo
- Galería de imaxes: Acceder
- Conservación:
-
- Protección:
Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Dodro (AR-04)
Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia
- Referencias:
- XEOLOCALIZACIÓN
- Coordenadas: 42.717275065889 , -8.6882090574172
-
Como chegar desde ...
- ...a Casa do Concello de A Estrada
- ...a Casa do Concello de Catoira
- ...a Casa do Concello de Dodro
- ...a Casa do Concello de Padrón
- ...a Casa do Concello de Pontecesures
- ...a Casa do Concello de Rianxo
- ...a Casa do Concello de Teo
- ...a Casa do Concello de Valga
- ...a Casa do Concello de Vilagarcía de Arousa
-
- COLABORA
-
Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?
ATOPACHES ALGÚN ERRO?
Se atopaches algún na ficha do elemento ou en calquera funcionalidade do sitio non dubides en notificar a incidencia empregando o formulario de contacto do sitio.