Eira da Lavandeira de Imo (11 hórreos)

Eira da Lavandeira de Imo - Dodro - San Xoán de Laíño

Imaxe: Javier Figueroa Iglesias

No lugar coñecido como A Lavandeira, ao pé da comarcal AC-305.

Conxunto de 11 hórreos que na súa maioría datan do século XVIII. Agrúpanse nas inmediacións da AC-305, no lugar coñecido como A Lavandeira. Son hórreos do chamado tipo Mahía, de planta rectangular con soleiras de cantaría e tornarratos corridos, sobre muros transversais a modo de soportes e os claros con balaústres de madeira separados por columnas de pedra. Teñen tellado a dúas augas de tella do país, apoiado nunha cornixa e rematados en pináculos e cruces. Están considerados coma as edificacións deste tipo máis importantes de Galicia. O conxunto o completan unha grande praza onde se realizan as festas patronais, así como un lavadoiro, no extremo NW.

A denominación dos hórreos é a seguinte: hórreo dos de Rey, hórreo do Corral, hórreo de Lago, hórreo de Esclavitude do Viturro, hórreo de Rial, hórreo de Andrea, hórreo de Vitorio, hórreo de Richalda, hórreo de Ardeira, hórreo de Rivelas e hórreo de Xastre.

Os hórreos máis antigos son de 1754/1758, ano (1758) en que foi concluído a igrexa parroquial. Quizais o conxunto máis importante de Galicia no seu xénero. Segundo a maioría dos etnógrafos, trátase dos hórreos de terra máis importantes de Galicia.

A Lavandeira consta dunha camposa na que se sitúan os hórreos e unha segunda na que se sitúa a eira de mallar, de terra batida, sobre a que se mallaba o liño. No mes de xullo mallábase o centeo e a avea, labor autenticamente comunitario. As mulleres estendían o cereal e os homes mallaban con manllos. Despois recollíase o gran e peneirábase-aventábase antes de pasar ás trillas familiares. A xente era convocada ao traballo por un pregueiro que longa e fortemente berraba: “Mulleres (ou homes) á eira!”. As mazurcas eran transportadas desde a leira até o hórreo en grandes cestas que se contaban minuciosamente para saber con canto pan seguro se contaba. Sobre A Lavandeira e os seus hórreos hai numerosas lendas. As máis frecuentes refírense a ladróns, bigardos e roubos. Outras veces son lendas con elementos esotéricos e de ultratumba.

Sendo Ministro de Cultura do Reino de España Íñigo Cavero, e delegado provincial Manuel Vidán, foron catalogados coa finalidade de declaralos Monumento Histórico. Posteriormente, coa transferencia á Xunta de Galicia das competencias de Patrimonio, o asunto quedou parado. No mes de novembro de 1992 chegaba á Mesa do Parlamento de Galicia unha proposición non de lei sobre a protección dos hórreos de Imo, presentada polo grupo parlamentario mixto a iniciativa do deputado do PSG-EG Camilo Nogueira. Esta proposición non de lei instaba ao Goberno galego a tomar as medidas urxentes e necesarias para garantir, dado o seu valor histórico e arquitectónico, a conservación do conxunto monumental dos hórreos de Imo, xa que estes se atopaban en estado semirruinoso con excepción de dous, constituíndo “un valioso legado humano de singular fisionomía, probablemente único en Galicia en su estilo”. A proposición non de lei resulta derrotada por seis votos en contra e cinco a favor. Nese mesmo ano, un equipo nomeado pola Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental da Xunta de Galicia deseñou un proxecto de remodelación, o cal comprendía, non só a intervención no Campo dos Hórreos, senón tamén en espazos próximos, proxectouse quitar o pavimento que cubría o Camiño Real e repavimentar a praza con materiais nobres, xa que antes estaba con cemento. Tamén se proxectou a construción dun novo acceso peonil e desprazar o lavadoiro a outro lugar, así como recuperar o “xogo de bolos”. Para elo contou cunha axuda económica da Xunta de Galicia, sendo o director da obra Plácido Lizancos. Tras varios problemas entre o concello e a Xunta, as obras aínda comezaron a principios do ano 1994, seguindo as pautas do proxecto presentado polo referido arquitecto. A rehabilitación estaba dividida en dúas fases: na primeira fase construiríase un muro de pedra para deslindar o conxunto de hórreos do resto das construcións. Sería un muro de metro e medio de altura, de granito. A segunda fase sería a colocación da pedra en todo o chan da zona da Lavandeira, así como trasladar o lavadoiro. A madeira e estrutura dos hórreos serían restaurados en posteriores fases.

  • INFORMACIÓN
  • Código: DO-HO003
  • Outras denominacións: Hórreos de Imo ou Hórreos da Lavandeira
  • Tipoloxía: Hórreos
  • Cronoloxía: 1758
  • Concello: Dodro
  • Parroquia: San Xoán de Laíño
  • Lugar: Imo
  • Acceso a pé: Bo
  • Galería de imaxes: Acceder
  • Conservación:

    Moi boa, restaurados hai anos.

  • Protección:

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Dodro (CH-02)

    Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

    Rexistro de Bens de Interese Cultural (BIC)

    Decreto 449/1973, de 22 de febrero, por el que se colocan bajo la protección del Estado los «hórreos» o «cabazos» antiguos existentes en Asturias y Galicia

  • Referencias:

    Traballo de inventariado feito por Beatriz Pereiras en 2010 (Nº 229)

    Sendeiros de Dodro

    Patrimonio Galego

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Hórreo de Imo

Hórreo de Castro

Hórreo de Eiró

Hórreo de Manselle