Telleira do Camiño Real

Telleira do Camiño Real - Valga - Santa Comba de Cordeiro

Imaxe: Alejandro Fernández Palicio

Telleira hoxe desaparecida que se localizaba preto do Cruceiro do Forno.

Esta telleira é unha das primeiras das que existe constancia, tanto física como documental. Hoxe o forno non se dá atopado, aínda que poida que aínda estea soterrado na parcela que ocupaba a vella telleira. O terreo onde estaba asentada agora está dividido en dúas partes. Nunha delas pódense observar numerosos fragmentos de tellas e ladrillos. Na outra foi edificada unha vivenda na que os propietarios contan que tamén alí había numerosos anacos de tella cando removeron a terra. Nesta telleira comezou a traballar o telleiro Vicente Padín, que logo tería a derradeira telleira artesanal da bisbarra (Telleira de Padín), cando chegou a Valga procedente de Dena nos anos finais do seu funcionamento. Moi posiblemente traballara baixo as ordes de Andrés Gómez Bouzas, quen levou esta telleira desde 1881, segundo reza a matrícula industrial, aínda que é posible que fora moito máis antiga, pudendo ser algunha das referenciadas no Catastro de Ensenada. Funcionou até 1914, sempre segundo a matrícula industrial. A propiedade da finca onde estaba a telleira era da familia da muller coa que logo casaría Vicente Padín, asentándose deste xeito definitivamente no Forno.

Esta telleira tivo varias protestas veciñais, xa que o seu fume provocaba danos nas árbores das Gándaras de Cordeiro. As queixas chegaron a discutirse no pleno do concello do 12 de agosto de 1905 por parte do médico Benito Seárez Vazquez: “Se dio cuenta de una instancia producida por D. Benito Seárez Vazquez vecino de la parroquia de Louro, manifestando que el humo producido por la fábrica de teja y ladrillo propiedad de Andrés Gómez Bouzas ocasiona daños en una finca de Don Benito destinada a tojal, pinos y robles denominada Gandra del Forno en la indicada parroquia y limítrofe con el terreno en que se halla enclavada la citada fábrica y como resultaron inútiles las gestiones practicadas en el terreno particular para conseguir del Andrés Gómez la indemnización de perjuicios y la clausura de la indicada fábrica no obteniendo mejor resultado en el acto conciliatorio intentando al efecto y del que acompaña testimonio unida a la repetida instancia, así como del acta notarial referente a los daños causados, suplica que previos los informes oportunos se ordene la clausura o cierre de la aludida fábrica y en último término no se permita su funcionamiento hasta que en ella se construya una chimenea en condiciones para evitar los perjuicios que los humos causan con la indemnización de daños y perjuicios al exponente. La corporación enterada acuerda que la referida instancia y documentos que la acompañen pasen a la comisión de policía urbana y rural a fin de que previa oportuna inspección ocular emita el informe que sea justo”.

Tiña un forno de menos de 10 metros cúbicos de capacidade do que non quedan restos, mais é posible que se atope soterrado na parcela que non está edificada, xa que na outra, segundo afirmaron os propietarios, non había nada.

Foi traballada por Andrés Gómez Bouzas, desde o ano 1881 até 1914, sendo o máis lonxevo dos telleiros dos que se ten referencia documentada. Traballou ás súas ordes Vicente Padín nos últimos anos.

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Barreira do Monte Leveiró

Mina Mercedes

Telleira da Torre

Embarcadoiro de Caneiras