Telleira de Padín
Imaxe: Dubardu Hughes
Localízase ao pé do Monte da Cabreira, fronte á Vacariza, a poucos metros da Telleira de Roeiro, cara o leste.
A Telleira de Padín foi o derradeiro forno que funcionou na comarca do Baixo Ulla. Tamén foi a derradeira en ser construída e a única da comarca da que hai constancia da súa data de edificación. Foi no ano 1942 cando os Padín deixaron a Telleira das Rañas para construír unha propia. A telleira foi construída pola familia coa axuda de canteiros profesionais, os cales fixeron os muros exteriores. Os telleiros ocupáronse dos arcos da caldeira e da vestidura de ladrillo no interior do forno. A masa de unión para levantar arcos e vestidura era a propia terra que se usaba para facer os ladrillos. A telleira estivo funcionando ininterrompidamente até polo menos o ano 1960. Tras a morte do pai, Vicente Padín, os fillos foron buscando traballos noutras empresas (José traballaría en Cedonosa ou emigrando a Bilbao e Brasil), xa que consideraban moi duro o traballo de telleiro.
O barro viña na súa maioría de Dena, transportado en barcos. Era mesturado para facer os ladrillos con barro do Monte da Cabreira. As tellas facíanse con barro de Dena en exclusiva.
O forno ten forma rectangular, con vestidura de ladrillo. Pallete con muros de pedra acaroado na cara oeste. Tiña un tanque como embarcadoiro para a entrada dos barcos.
A man de obra proviña principalmente da familia Padín. O pai cos fillos, os cales foron mudando os seus postos de traballo a medida que foron abandonado o oficio pola emigración ou a xubilación do pai. Tamén contrataban a traballadores de Dena para axudarlles. As mulleres quedaban na casa do Forno e facían a comida. Unha das fillas, Rosa, era quen lla levaba todos os días “dúas latas de empanada así cadradas, de millo. Cunhas saudiiñiñas ou cun ghurelos partidos e 4 litros de viño”. A nai tamén axudaba nas labores de encanado.
Producíase ladrillo, tella grande e tella pequena. Nun primeiro momento tamén se facían canais, máis grandes, mais deixaron de facelos unha vez comezaron a facer a tella grande.
A venda era realizada principalmente por Vicente Padín. Levaba tella a Pontecesures nun barco arredando. Alí cargábase en camións “cara a Martelo, a beira de Augasantas, por Rois, aos Chenlo de Padrón tamén levaba a tella. En Cesures tamén, a do Lameiro, onde está hoxe a de Moncho. E á do Roxo”. Moitos destes eran comerciantes grosistas que facían de intermediarios cos particulares. O pai ademais ía cunha bicicleta ás feiras para vender a tella.
- INFORMACIÓN
- Código: VA-AI005
- Outras denominacións:
- Tipoloxía: Arquitectura industrial
- Cronoloxía: 1942
- Concello: Valga
- Parroquia: Santa Comba de Cordeiro
- Lugar: O Texar
- Acceso a pé: Regular
- Galería de imaxes: Acceder
- Conservación:
Esta telleira, xunto coa de Roeiro, foron restauradas polo Concello de Valga no ano 2022.
- Protección:
Non
- Referencias:
Ruta das telleiras e da cerámica do Baixo Ulla
Laboratorio de Tecnoloxías Apropiadas
Fernández Palicio, A. As Telleiras de Valga e comarca e as fábricas de cerámica (1850-1965)
Tejas rotas al final del río | El País
- XEOLOCALIZACIÓN
- Coordenadas: 42.688654539341 , -8.7239003659809
-
Como chegar desde ...
- ...a Casa do Concello de A Estrada
- ...a Casa do Concello de Catoira
- ...a Casa do Concello de Dodro
- ...a Casa do Concello de Padrón
- ...a Casa do Concello de Pontecesures
- ...a Casa do Concello de Rianxo
- ...a Casa do Concello de Teo
- ...a Casa do Concello de Valga
- ...a Casa do Concello de Vilagarcía de Arousa
-
- COLABORA
-
Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?
ATOPACHES ALGÚN ERRO?
Se atopaches algún na ficha do elemento ou en calquera funcionalidade do sitio non dubides en notificar a incidencia empregando o formulario de contacto do sitio.