Telleira de Roeiro

Telleira de Roeiro - Valga - Santa Comba de Cordeiro

Imaxe: Dubardu Hughes

Localízase ao pé do Monte da Cabreira, fronte á Vacariza, a poucos metros da Telleira de Padín, cara o oeste.

Esta é unha das telleiras mellor conservadas da contorna, conservándose o forno, restos do embarcadoiro e da vivenda dos telleiros. O propietario do terreo e do forno era Secundino Rodríguez Castaño, segundo conta o seu sobriño Ramón Rodríguez. Secundino ou a súa familia construírona sen coñecer a data precisa, mais o propio Secundino nunca a traballou. O dato da súa construción poida que non sexa certo, xa que este forno semella moito máis antigo, gardando semellanza co dos veciños fornos de fundición de Pedras Rubias en Boiro, que se creen de construción romana, construídos para a fundición de metais e logo transformados en telleiras. Descoñécese se esta telleira puidera ter unha orixe similar, mais sábese que estivo arrendada a Vicente Padín e familia, e despois a José María Francisco, telleiro da Guarda (con quen traballou Francisco Castaño). Non se traballou moitos anos por ningún dos dous, e cara o ano 1945 xa debía estar abandonada, posto que a súa forma circular facíaa moi traballosa.

O barro viña na súa maioría de Dena, transportado en barcos. Era mesturado para facer os ladrillos con barro do Monte da Cabreira. As tellas facíanse con barro de Dena en exclusiva.

Esta telleira é a única da zona que ten forma circular, o que a facía mais difícil de encanar, xa que non encaixan ben as tellas, “era moi traballosa”. Tamén tiña o problema de que non entraban os barcos con mareas pequenas, e había que agardar a mareas grandes para descargar, o que limitaba moito o traballo. Estes datos, que sinalan un forno cunhas condicións deficientes para a fabricación de tella, reforzan a hipótese de que, como os fornos de Pedras Rubias en Boiro, teña unha orixe antiga e que servise para a fundición de metais e non para tellas. Ademais, había unha construción auxiliar, da que quedan restos, que facía de vivenda para os telleiros. Tiña un tanque como embarcadoiro para a entrada dos barcos.

Nos seus derradeiros anos de funcionamento estivo arrendada a Vicente Padín e despois a José María Francisco.

Suponse a mesma produción que no resto de telleiras da contorna: tella pequena, tella grande e ladrillo. Ademais nun primeiro momento producíronse canais, tellas de maior tamaño.

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Telleira do Forno

Telleira da Rúa Nova

Telleira de Vilarello

Telleira de Roeiro