Necrópole dos Martores

Necrópole dos Martores - Valga - San Miguel de Valga

Imaxe: Megaliticia

No lateral sur da Capela dos Martores, e case pegados ao muro da mesma, aparecen dous sartegos, a ras de chan e semisoterrados, que semellan na súa posición orixinal. Ambos están realizados en granito, sendo a súa orientación leste-oeste, coa cabeza cara o oeste. O sartego máis próximo ao muro da capela só é visible actualmente nunha pequena parte, correspondente á zona superior, presentado este un remate redondeado, estreitándose lixeiramente a medida que descende cara os pés. O segundo dos sartegos pode verse de maneira máis completa, sendo o oco interior antropomorfo, con cabeza de remate lineal e ombreiros ben marcados, estreitándose paulatinamente até a zona interior.

As medidas máximas (ou visibles, no caso do sartego nº 1) son as seguintes:

- Sartego nº 1: cunhas medidas exteriores de 90 centímetros de longo por 61 (cabeza) e 53 (centro) de ancho.

- Sartego nº 2: cunhas medidas exteriores de 215 centímetros de longo por unha anchura de 67 (cabeza), 65 (ombreiros) e 45 (pés). As medidas interiores son 197 centímetros de longo por un ancho de 20 (cabeza), 46 (ombreiros) e 21 (pés).

Con respecto a estes dous sartegos, aparece igualmente unha tapa de dobre estola, apoiada contra o mesmo muro sur da capela, e que corresponde igualmente á necrópole medieval.

Este xacemento foi explorado superficialmente por M. Chamoso Lamas (1956, p. 441), quen menciona, ademais dos sartegos e tapas, que as fiadas baixas dos muros da capela presentan “despiezos de claro tipo prerrománico”. Este mesmo autor fai referencia á aparición xunto cos sartegos medievais, de soterramento de tégulas, que pertencerían a unha necrópole da época baixo-romana, a cal enlazaría coa posterior necrópole sueva ou alto medieval.

En relación cos achados da época romana, cabe destacar que no interior da capela consérvanse aínda varios fragmentos de tégulas, provenientes dos soterramentos devanditos, xunto cunha ara votiva dedicada ao deus Mercurio.

Debe considerarse, por tanto, que no espazo ocupado pola Capela dos Martores e a súa contorna, existe unha necrópole e outros posibles restos correspondentes a un momento situado entre o período baixo romano (ara e tumbas de tégulas) e a alto medieval (sartegos antropomorfos e tapa de estola), o cal podería datarse, de modo xenérico entre os séculos III-IV até o VII-VIII d.C.

Directamente relacionada cos sartegos localizados no exterior da Capela dos Martores, e apoiada sobre o mesmo muro sur da ermida, atópase unha tapa dun sartego. Segundo as referencias de M. Chamoso Lamas (1965 e 1967), tanto os sartegos como a tapa (o autor fala de varias), foran localizados nunha data imprecisa, cara a mediados dos anos 50 do século XX. O elemento en si está realizado en granito, presentando unha forma alongada, cos extremos superior e inferior redondeados, sendo máis ancha a parte superior, correspondente á zona da cabeza. A peza presenta na cara vista unha decoración en relevo, en forma da chamada dobre estola, sen observarse outros signos ou gravados.

As dimensións totais da tapa do sartego son de 218 centímetros de longo por unha anchura que vai entre os 46 centímetros da parte superior (cabeza) até os 33 centímetros da inferior (pés), cun grosor aproximado duns 14 centímetros. A decoración de dobre estola ten un eixo lonxitudinal que mide uns 142 centímetros e uns 10 centímetro de ancho, mentres que os brazos da estola superior teñen uns 30 centímetros de longo por uns 7 centímetros de ancho, e os da parte inferior ofrecen unha lonxitude en torno aos 28 centímetros e 6-7 centímetros de ancho. Este elemento correspondería á necrópole alto-medieval localizada nesta zona, sendo probable a pertenza a algún dos dous sartegos que poden verse actualmente no exterior da Capela dos Martores, ao lado dos cales se sitúa aínda dita tapa.

Na última restauración da Capela dos Martores atopouse unha ara romana dedicada ao deus Mercurio (século I d.C.). Descuberta en 1950 no pavimento da propia Capela dos Martores, a ara, colocada coa inscrición cara abaixo, estaba aproveitada como chanzo ante o altar. Actualmente consérvase unha reproducción no interior da capela, posto que a orixinal atópase no Museo de Historia Local de Valga. Trátase dunha inscrición votiva dedicada ao deus Mercurio, realizada nun bloque de granito de forma rectangular, coa parte superior un tanto máis estreita que a inferior. A súa transcrición, segundo o C.I.R.G., II: Mer/curio / Seve/rus / pro / vo/to. Esta dedicación que Severo fai ao deus Mercurio está realizada sobre unha ara das clasificadas no terceiro grupo, ao que pertencen aquelas que manteñen un gusto indíxena e unha técnica pouco elaborada. Esta categoría de aras votivas non soen estar traballadas pola parte traseira, sendo concibidas para estar pegadas a unha parede ou cravadas no chan. Neste caso, fíxose aproveitando a forma da propia pedra, que presenta unha superficie irregular. Aínda que descuberta fóra de contexto, é moi probable que esta inscrición proveña da mesma zona na que se atopou, e poida estar en certa relación cos restos romanos recuperados na contorna da Capela dos Martores.

Ao seu carón emprázanse dúas sobreiras (Quercus suber) de grandes dimensións que, grazas ao traballo da Asociación Cultural Os Penoucos, foron incluídas no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras en novembro de 2023.

  • INFORMACIÓN
  • Código: VA-AQ015
  • Outras denominacións:
  • Tipoloxía: Arqueoloxía
  • Cronoloxía: Época romana-Idade Media
  • Concello: Valga
  • Parroquia: San Miguel de Valga
  • Lugar: Martores
  • Acceso a pé: Bo
  • Galería de imaxes: Acceder
  • Conservación:

    A contorna da Capela dos Martores atópase ocupada en parte por carballos e sobreiras de grande porte, sen observarse grandes alteracións na mesma, mentres que os arredores inmediatos aparecen dedicados a fincas de cultivo.

    Aínda que aparentemente a tapa de sartego non presenta signos graves de alteracións, a súa situación, á intemperie e apoiada contra o muro da capela, favorece o seu desgaste paulatino. Na súa superficie proliferan os musgos, véndose ademais medio tapada pola vexetación herbácea do exterior da capela.

  • Protección:

    PXOM de Ordenación Municipal do Concello de Valga (AR-15: GA36056007)

    PXOM de Ordenación Municipal do Concello de Valga (AR-17: GA36056-ACH001)

    Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

  • Referencias:

    PXOM de Ordenación Municipal do Concello de Valga, aprobado o 15 de outubro do 2010 pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

    Os Penoucos e Os Martores, xoias de Valga | CRTVG

    Patrimonio Galego

    Historia de Galicia

    Megaliticia

    Asociación Cultural Os Penoucos

    Diario de Pontevedra

    La Voz de Galicia

    Fernando Cabeza Quiles

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Santa Comba

Túmulo da Cruz do Valado

Camiño Portugués

Mercado dos Mouros