Casa natal de Castelao

Casa natal de Castelao - Rianxo - Santa Comba de Rianxo

Imaxe: roteirocastelao.gal

Edificación do casco histórico de Rianxo, vivenda natal de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, situada na rúa Cabo da Vila, xunto á Casa dos Alcántara.

Edificación acaroada de planta trapezoidal e dous andares, resolta con muros de cachotaría e detalles en cantaría nos recercados e na imposta. Cuberta a dúas augas de tella e fachada principal de composición simétrica de seis vanos, con fiestras balconeiras e balcón central no segundo andar. Dous accesos en planta baixa na fachada á rúa, enfuscada e pintada, e acceso lateral no muro piñón ao sur, de cachotaría vista.

Castelao naceu nesta casa, propiedade do seu avó materno, José Ramón Castelao Vidal, situada no Cabo da Vila, número 29, o venres 29 de xaneiro de 1886, ás 10 da mañá. O seu pai, Mariano Rodríguez Dios, contaba con 27 anos, e a súa nai, Joaquina Castelao Genme, con 28. O seu tío paterno, Manuel Rodríguez Dios, de oficio barbeiro, con residencia na rúa de Abaixo, número 26, foi o encargado de ir a anotalo ao xulgado. Foi bautizado ao día seguinte.

Nesta casa pasaría os primeiros anos de vida, con frecuencia escoitaba tocar as buguinas que anunciaban a chegada dos barcos cargados de peixe e as campás da igrexa chamando a xente aos actos relixiosos.

A primitiva casa foi demolida no 1900 pola avoa Teresa, viúva neses intres de José Ramón Castelao, que falecera no mes de agosto do ano anterior. Construíu unha nova, con fachada con catro ventás e dúas portas, tal como está na actualidade.

Con motivo de cumprirse o centenario do seu nacemento (1986), colocouse nesta vivenda unha placa que recorda que alí veu ao mundo o ilustre fillo de Rianxo.

  • INFORMACIÓN
  • Código: RI-AC057
  • Outras denominacións:
  • Tipoloxía: Arquitectura civil
  • Cronoloxía: Século XIX
  • Concello: Rianxo
  • Parroquia: Santa Comba de Rianxo
  • Lugar: Rúa Cabo da Vila
  • Acceso a pé: Bo
  • Galería de imaxes: Acceder
  • Conservación:

    -

  • Protección:

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Rianxo (B-056)

    Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

  • Referencias:

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Rianxo - Aprobación inicial de maio 2014

    Roteiro Castelao

    Fundación Castelao

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Pazo de Rianxiño

Casa Nº 2 de Sestelo

Casas de Quintáns

Campo de Abaixo