Casa natal de Carlos Maside

Casa natal de Carlos Maside - Pontecesures - San Xulián de Requeixo

Onde na actualidade está a Casa Pedreiro, existía antigamente unha vivenda na que, un 16 de marzo de 1897, nacía Carlos Maside. Segundo nos informa Daniel Seijas, a casa orixinal onde nacera foi derrubada a comezos dos anos 60.

Pintor, debuxante e gravador, Carlos Maside é considerado como o indiscutible renovador da arte galega da primeira metade do século XX. Os seus pais tiñan unha tenda de tecidos e encaixes nesta casa. Aquí viviu até 1913, ano no que morre o pai, e a familia trasládase a Santiago, onde en 1932 abre un estudio na rúa do Vilar. De mozo, os pais mandárano a Padrón, á escola de ferrado de Gende, á que tamén ía Manuel Antonio. Alí completou os estudos escolares e recibiu as súas primeiras ensinanzas artísticas.

O texto que segue a continuación foi extraído de afundacion.org, escrito por María Esther Rodríguez Losada.

A vida de Carlos Maside decorre paralela á primeira metade do século XX. Vive a etapa dos cambios que conducen á revolución española da II República. Asiste ao triunfo dos fascismos, ás dúas contendas mundiais que se prolongan na corentena das duras realidades e das longas posguerras. Maside, novecentista puro, é un artista representativo do seu tempo, os contidos de conciencia da súa pintura  reflicten a amplitude da circunstancia e nela deixa constancia do seu paso.

Acubillado na pequena tenda familiar en Cesures, onde nacera o día 16 de marzo de 1897, o neno descobre a innata aptitude para captar as formas, a precoz facilidade para fixar os conceptos por medio da liña, a maxia das cores, o poder da representación.

Na adolescencia chéganlle os debuxos con que Castelao colabora en El Barbero Municipal e a súa voz en Algo acerca de la caricatura. Á beira de Castelao, o seu mestre e mentor, toma conciencia da función ética da arte e interioriza a importancia do debuxo, coma unha arte clínica baseada na simplicidade que suprime todo o inexpresivo, unha arte que contribúe a mellorar a sociedade. O compromiso social e un mundo de afinidades compartidas presiden a relación entre ambos os artistas, que culmina nun transvasamento cultural que Castelao contempla cando recoñece no mozo Maside o seu “fillo no eido ideolóxico e artístico”.

Na segunda década do século XX,  prioridade vital de Maside é o seu entusiasmo pola pintura contemporánea, que contrasta coa visión crítica de Castelao quen, despois da viaxe a Europa, paradoxalmente, segue a amosar reticencias cos “ismos”. Como pintor, Castelao non dá o salto á pintura moderna, acomodado na estética do academicismo-naturismo imperante en Galicia. Na evidencia deste baleiro, Maside prepárase acumulando experiencia para tomar o relevo e abrir o complexo proceso teórico-práctico que o conduce ao nacemento da Arte Nova.

Carlos Maside pertence á Xeración de 1925, data en que a maioría dos intelectuais que a conforman están reunidos na sala de redacción do xornal El Pueblo Gallego, fundado en Vigo un ano antes por Portela Valladares. Son coetáneos seus os creadores españois que constitúen a Xeración de 1927 coa que mantén sintonía en múltiples facetas e tamén coñecidos intercambios, en especial con Federico García Lorca. Vicente Risco define a xeración de Maside coma a de “Os Novos” e distíngueos en orde ao seu compromiso social. Así mesmo, eles autoproclámanse “cívicos, laicos e demócratas”, e vinculan a súa sorte ao futuro da República, nacida en 1931, coa que se identifican.

Por razóns biográficas, Carlos Maside constrúe a súa pintura nas claves da cultura de entreguerras no mesmo momento que André Derain, Otto Dix, Max Beckmann, George Gross, Albert Márquez, Mario Sironi, Francisco Bores, Alberto Casarotti, Carlo Carrà, Giorgio Morandi, Salvador Dalí, Omar Calabrese, Joan Miró, Renato Gutusso, Júlio Pomar..., artistas que abordan o concepto de realismo dentro dun movemento que engloba as distintas modalidades pictóricas que se desenvolven en Europa baixo o nome de Valori Plastici, Volta á orde, Nova obxectividade, Realismo máxico, Surrealismo, Neoclasicismo  −no caso de Picasso−, e Ultraísmo, que se corresponden cronolóxica e conceptualmente coa Arte Nova que en Galicia configura Carlos Maside, produto dunha vasta información e coñecemento das tendencias do panorama internacional.

Os que o trataron por aqueles anos falan do seu poder de idealización, do seu discurso despexado e limpo, da súa poderosa personalidade e capacidade crítica. Nun principio, Maside ábrese a un mundo novo, a un novo tempo con maiores esperanzas e certo optimismo na paz e a unha sociedade  máis igualitaria, influencia das novas tecnoloxías e ideas  −a presenza redentora do marxismo, nalgúns casos− a quen se dirixe, movido pola necesidade de chegar aos sectores máis necesitados, desde a prensa diaria, de Galicia e Madrid, nos xornais El Pueblo Gallego, La Voz, Libertad, Más, El Sol e nas revistas Nueva España e Política, onde os seus gravados acadan celebridade. Antes de rematar a década dos vinte, Maside é un artista coñecido que participa na “Exposición Internacional de Barcelona” de 1929 e forma parte da “Exposición de Artistas Españoles Contemporáneos”, esta última, mostra itinerante que circula durante dous anos, de 1931 a 1932, por EE.UU..

As novas tecnoloxías da impresión, a reprodutibilidade da imaxe xunto coas novas ideas, foron creando afinidades moi salientables entre creadores de distintas latitudes, entre artistas coma Wesley Belows, Grant Wood, Edward Hopper, Antonio Berni e a mutualidade de estudantes e artistas plásticos en Arxentina e Frida Khalo e os muralistas mexicanos Rivera, Orozco e Siqueiros. Europeos e americanos amosan similitudes, paralelismos e parentescos propios da época, que fan do realismo un estilo diferenciado con caracteres comúns, coma a obsesión pola obxectividade e o amor ao oficio. En xeral, os artistas de entreguerras son grandes retratistas, expertos gravadores, mestres na execución das técnicas e moi interesados na arte popular.

Un dos proxectos máis prezados de Carlos Maside é o de facer grandes murais para os edificios públicos con representacións dos traballos, os costumes, as formas tradicionais, nun afán de valoración da cultura popular, creando vivas e atractivas escenas en que o pobo se sentise representado e as fixese propias. As “estampas” que Maside publica en branco e negro para os xornais son bosquexos de mural. Algúns óleos e augadas en vivas cores son un paso máis para elevar os seus temas aos grandes espazos coa témpera ou o fresco, técnicas que perfecciona nos obradoiros dos artesáns e albaneis que frecuenta.

A Arte Nova, o novo realismo que Maside proclama desde Galicia, permite fixar na pintura a memoria da vida ordinaria, o traballo, o lecer, as festas, a existencia que transcorre nun tempo e nun espazo, o oficio de vivir, as feiras, figuras anónimas que se volven permanentes e memorables, a loita política e económica, interiores con figuras, líricas paisaxes humanizadas, rúas e prazas con espectáculos espontáneos. Vilas mariñeiras e as súas artes tradicionais, tendas enfeitizadas, xanelas multicolores, imaxes que unidas unhas con outras compoñen o gran mural da vida moderna, da historia presente  −“toda a historia é a presente”−, imaxes que compoñen a súa utopía de Galicia e de todo o espazo-mundo. Imaxes que gardan as preferencias estéticas do seu colectivo xeracional, Rafael Dieste, Antonio Baltar, Manuel Antonio, Bal y Gay, Otero Espasandín, Paz Andrade...

Cando nos achegamos a determinados lenzos de Maside, as figuras desprenden “algo”, experimentamos a captación dunha segunda dimensión, o coñecemento do que non se ve. A razón pola que aprehendemos ese algo é máxica e descoñecida. A mesma sensación que desprenden algunhas paisaxes de Valle Inclán, de Rafael Dieste, de John dos Pasos, de Miguel Ángel Asturias, de Manuel Antonio, de Joyce, de Rosalía, de García Lorca, de Hemingway...

En 1936 a vida de Carlos Maside queda truncada pola historia política. Non volve facer gravado, perde as colaboracións nos xornais que pasan ser incautados pola prensa do movemento, a esperanza de realizar grandes murais ao xeito dos seus colegas mexicanos... En 1939 “en virtud del expediente de depuración es apartado del servicio y es dado de baja en el escalafón”.  Inhabilitado e destituído do seu posto de profesor de Debuxo, condenado a non poder expoñer, publicar ou difundir a súa obra. Un artista escindido. Un movemento cultural orgulloso de si mesmo queda paralizado. A democracia e as liberdades, substituídas.

Os homes da súa xeración que non foron vítimas directas da represión, en gran medida toman o camiño do exilio: Rafael Dieste, Luís Seoane, Antonio Baltar, Arturo Cuadrado, Otero Espasandín, Bal y Gay, Arturo Souto, Manuel Fuentes Jorge, Manuel Colmeiro, Arturo Souto. Outros foron penalizados e acabaron na cadea: Antonio Fraguas, Santiso Girón, Carvalho Calero, Paz Andrade, Antonio Ramos. Tamén os compañeiros de Madrid: Julián Zugazagoitia, Joaquín Arderius, Pepín  Díaz Fernández e, como icona absoluta da represión, Federico García Lorca.

Dentro desa atmosfera de frustración e de derrota discorre a fase máis madura de Maside, quen nesta situación desenvolve novas técnicas de distanciamento ou de estrañamento. Dentro dunha situación de soidade espiritual, reconstrúe, en condicións políticas forzadas, as formas escollidas do artista marxinado, que se aparta da reprodución dunha contemporaneidade oficial que é hostil á arte. Unido afectiva e esteticamente ás clases populares que non traizoaran as perspectivas históricas, abre a súa pintura cara a elementos utópicos onde prevalece unha inesperada e literalmente imposible harmonía e xustiza humana.

Despois da guerra dedica a súa existencia a pintar, á correspondencia co exilio americano e á lectura. A reflexión do tema artístico conflúe no famoso ensaio “En torno a la fotografía popular”, un estudo sobre a esencia do realismo que é, así mesmo, unha definición da súa propia obra. Maside apunta no seu caderno de notas conceptos filosóficos e posicionamentos estéticos, porque no seu arredor non atopa a réplica ou a confrontación que precisa: "A confusión de termos entre o realismo que é un medio de representación da realidade, e o Realismo que é a vontade de coñecer certas realidades tanto exteriores coma interiores, constitúe o obstáculo máis grande para a comprensión de toda a arte, non só a naturalista senón toda a arte moderna".

Repite, renova, perfecciona e envía a Luís Seoane a Bos Aires para Galicia Emigrante un centenar de retratos a liña que foran publicados nos xornais antes da guerra. Son retratos de personaxes coñecidos que reunía nunha sección baixo o título de "Figuras de actualidade". O xénero do retrato aparece agora coma a catarse necesaria, que sendo importante ao longo da súa produción adquire nesta circunstancia un valor capital e inusitado á categoría de actividade escollida, disciplina entre as disciplinas, que permite culminar a súa traxectoria nun dobre reto de fidelidade á recreación da realidade e á causa da historia. O retrato é a canle máis doada para dar fe da existencia dos seus contemporáneos, a súa radical resposta á ditadura.

Cultiva a paisaxe. “A mellor paisaxe é a paisaxe humana, a observación dunha multitude, procesión...”. Tamén a paisaxe urbana. Fixa nos lenzos a imaxe das cidades en que se asenta aínda dun modo temporal, coma Noia e Vigo. Santiago de Compostela é a súa cidade elixida, a cidade emblemática, onde reside. Define Compostela coma "unha cuestión de espazo". As rúas, prazas, monumentos, a cidade no seu conxunto queda fixada nun instante intemporal. A vila de Combarro merece atención; na súa última década, alí goza dunhas tempadas nos veráns de 1952 e 1953 e este contacto directo coa xente mariñeira aclara a súa paleta e o artista sente “un renacer espiritual”.

En 1951 concorre á “Exposición de Artistas Gallegos” que organiza o Centro Galego de Bos Aires; en 1953 realiza a súa última exposición na Sala de Turismo de Santiago de Compostela, en ambas pendúranse as pinturas que constitúen as súas sínteses finais.

Falece en Compostela o 10 de xuño de 1958.

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Matadoiro de Pontecesures

Antiga Casa do Concello de Pontecesures

Casa da Señora

Lazareto de San Lois