Casa da nenez de Rosalía de Castro

Casa da nenez de Rosalía de Castro - Padrón - Santiago de Padrón

Foi nesta casa da rúa do Sol (actual rúa Juan Rodríguez do Padrón) onde Rosalía pasou a etapa máis decisiva da súa infancia, cando menos desde os 4 até os 10 anos. O inmoble era unha edificación humilde cunha planta baixa e un andar. A fachada común das vivendas era corrida. Tiñan ventás vidreiras no sobrado, dese tipo que chaman portas de aire, cun varandal no interior. Nestas casas estivo despois a escola de ferrado de Gende á que asistiron o poeta Manuel Antonio e o pintor Carlos Maside, entre outros. Cara o nacente quedaba unha das portas de acceso á cidade medieval amurallada, a Porta do Sol, que lle deu o nome antigo á rúa. Hai un debuxo de Pier Maria Baldi, que pasou por aquí acompañando a Cosme de Médici en 1669, no que se poden entrever as feituras da murada vila.

As noticias que tíñamos dos primeiros anos da escritora procedían exclusivamente por tradición oral da familia paterna. Sempre segundo esta versión, Rosalía viviu na chamada casa do Castro coa familia de seu pai José Martínez Viojo, que exercía como capelán na Colexiata de Iria. Agora temos novas de outras fontes. Nun apuntamento redactado o 16 de xullo de 1885, o mesmo día que se enterrou a escritora, o farmacéutico Ángel Baltar asegura que Rosalía se criou coa súa nai nesta casa dos avós maternos.

Desde outubro de 1842, hai constancia de que residen as dúas aquí. Tamén sabemos que en Padrón tivo a mellor amiga da súa infancia e xuventude: Arminda Giménez. Andarían a enredar as dúas cos outros pícaros por estes enxidos primeiros que quedaron pintados nunha acuarela nas “tintas puras” dos seus versos:

 

Inda vexo onde xogaba
cas meniñas que eu quería,
o enxidiño onde folgaba,
os rosales que coidaba
i a fontiña onde bebía.

 

O 22 de decembro de 1963, o ano no que tamén se celebrou por vez primeira o Día das Letras Galegas, unha abundante representación da Real Academia Galega desprázase até Padrón para participar na descuberta dunha placa, na casa onde Rosalía pasara a súa infancia.

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Praza das Travesas

Pazo da Inquisición

Escola de Arretén

Pazo do Barco