Casa de Manuel Antonio

Casa de Manuel Antonio - Rianxo - Santa Comba de Rianxo

Imaxe: Casa Museo Manuel Antonio

Edificación do casco histórico de Rianxo. Casa natal de Manuel Antonio, que data do século XIX, situada na rúa de Abaixo.

Construción de planta rectangular e tres andares, realizada con muros de cachotaría de pedra e cantaría nos elementos nobres. Cuberta a dúas augas de tella, que se prolonga sobre o corredor de granito do andar superior, con varanda e montantes de ferro. Fachada de composición simétrica de tres vanos, con acceso desde a rúa a través dun portón de madeira central con arco rebaixado. Ventás das mesmas características nos laterais da planta baixa e fiestras balconeiras nas dúas seguintes, con tres balcóns de ferro no andar intermedio. Fachada traseira a patio interior.

Hoxe é a Casa Museo Manuel Antonio, propiedade do Concello de Rianxo. Esta foi a Casa dos Pérez, familia do poeta Manuel Antonio (1900-1930). Recrea nos seus tres andares unha casa vilega e amosa nos seus andeis a biografía do alcumado Poeta do Mar. Alberga no primeiro andar unha colección de fotos de Rianxo de comezos do século XX feita polo seu curmán, o fotógrafo Pepito Pérez. No segundo recrea unha das habitacións co seu mobiliario e no terceiro andar vense os cadernos de bitácora da súa navegación náutica no Constantino Candeira ou no Gelria. Tamén se pode ollar unha escolma da biblioteca, cos libros e revistas ás que se subscribiu, as cachimbas, a súa relación coas Irmandades da Fala, así como publicacións en diversas revistas literarias. Tamén se pode ver o célebre pacto de sangue co seu compromiso co galego ou o manifesto Os Novos.

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Casa das Miráns

Casa Nº 1 de Sestelo

Casa Nº 2 de Sestelo

Casa reitoral de Santa Baia do Araño