Cruceiro do Casal

Cruceiro do Casal - Vilagarcía de Arousa - San Xens de Bamio

Imaxe: Vanesa Lago Somoza

Este cruceiro posúe un baseamento de planta cuadrangular, composto por dous chanzos que se elevan sobre unha plataforma de maiores dimensións. Sobre o baseamento, érguese o pedestal de forma cúbica cunha roda toroidal na parte superior; na parte rectangular posúe unha decoración en forma de casetóns en baixorrelevo, carente de ornamentación e de inscricións.

O fuste desta construción é de sección cuadrangular no seu inicio, mentres que o resto do fuste ten sección octogonal. A parte cuadrangular está decorada con rebaixes de forma rectangular, en tres dos seus lados a parte superior, está composta por un arco convexo. O rebaixe da parte frontal ten a mesma forma pero cun arco cóncavo, e dentro desta especie de ornacina, ten un baixorrelevo. Trátase dunha escena do purgatorio, onde San Francisco dálle o seu corazón ás ánimas para axudalas a saír das lapas do inferno. O capitel ten sección circular ao comezo para rematar en forma cuadrangular; cunha decoración vexetal na súa parte inferior, na que se aprecian perfectamente a representación dunhas follas nas que se poden ver os nervios (este elemento é o que dá paso á forma cuadrangular). Na parte superior, as catro esquinas están decoradas con volutas, mentres que nos lados principais apréciase o rostro dun anxo.

O conxunto está rematado por unha cruz de sección circular e ten unha forma similar á dun tronco coas pólas cortadas, posuíndo representacións nas dúas caras. No anverso aparece representado Cristo crucificado acompañado por San Francisco (en dirección sur), unha crucifixión de tres cravos (o seu pé dereito colócase sobre o esquerdo para poder colocar un único cravo nestas extremidades). A imaxe caracterízase por inclinar a súa cabeza cara a dereita (hai que facer mención á extraordinaria coroa de espiñas que descansa sobre a súa fronte). Como é común neste tipo de imaxes, sobre a súa cabeza leva unha cartela coa inscrición INRI. A imaxe de San Francisco está situada sobre unha peaña á dereita do corpo do Noso Señor e bótalle a súa man dereita a altura da cintura mentres dirixe a súa cabeza cara a de Xesús (o santo viste roupaxe de monxe). No reverso aparece representada a coroación da Virxe (en dirección norte) como raíña do ceo e da terra, erguida sobre un pedestal composto polas cabezas de tres querubíns (anxos coroados). A imaxe da Virxe caracterízase por estar de pé, en posición orante (a Virxe viste o que parece ser un hábito) mentres dous anxos localizados nos brazos da cruz, proceden a súa coroación.

Segundo a información consultada, o cruceiro non se atopa no seu emprazamento orixinal, xa que se trasladou uns 50 metros para colocalo na actual localización.

  • INFORMACIÓN
  • Código: VI-ER003
  • Outras denominacións:
  • Tipoloxía: Elementos relixiosos
  • Cronoloxía: -
  • Concello: Vilagarcía de Arousa
  • Parroquia: San Xens de Bamio
  • Lugar: O Casal
  • Acceso a pé: Bo
  • Galería de imaxes: Acceder
  • Conservación:

    -

  • Protección:

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Vilagarcía de Arousa (47 PHA)

    Rexistro de Bens de Interese Cultural (BIC)

    Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

    Decreto 571/1963, de 14 de marzo, sobre protección de los escudos, emblemas, piedras heráldicas, rollos de justicia, cruces de término y piezas similares de interés histórico-artístico

  • Referencias:

    Cruceiros de Galicia

    Marín Martínez, X. R. e González Pérez, C. Cruces e cruceiros antigos de Vilagarcía de Arousa. Editorial Galaxia, 2003

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Cruceiro da Punta Grandoiro

Cruceiro do Campanario

Cruceiro do Cemiterio do Campanario

Cruceiro da casa reitoral do Campanario