Cruceiro da casa reitoral do Campanario

Cruceiro da casa reitoral do Campanario - Vilagarcía de Arousa - San Xens de Bamio

Imaxe: Vanesa Lago Somoza

Este cruceiro posúe un baseamento de planta cuadrangular composto por catro chanzos (actualmente estes catro chanzos só están visibles na zona noroeste xa que na zona sueste só se distinguen dous chanzos) sobre o cal se ergue un pedestal bastante baixo (carente de ornamentación), que ten unha forma cadrada e está rematado en aresta rebaixada. No pedestal, máis concretamente no rebaixe, posúe unha inscrición que segundo a bibliografía consultada pon “ESTE CRVSERO / ICOALONSOD / […] IOSIALVERTA / DObVSTOSMvR / ANO. 1683”. Débese pois este cruceiro ao matrimonio formado por Alonso de Dios (?) e Alberta do Busto cuxa inscrición citada localízase no pedestal, distinguíndose perfectamente “ANO 1683” debido a que os trazos se atopan resaltados en cor negro, mentres que o resto da inscrición consérvase, mais xa non é tan doada a súa lectura.

O fuste desta construción é de sección cuadrangular ao seu comezo e posteriormente pasa a estar formado por unha sección octogonal. Nesta transición da planta cuadrangular a octogonal pódense apreciar uns pequenos ornamentos. Localizado xa na parte octogonal atópase unha pequena representación (mirando cara terra) que se identifica coa imaxe dun santo bispo. É posible que esta representación sexa San Martiño de Tours. A figura leva sobre a cabeza a mitra e na man esquerda o báculo, mentres que a man dereita tena erguida cara arriba en posición de bendicir. O capitel continúa a composición cunha sección octogonal ao comezo para rematar en forma cuadrangular, cunha decoración conformada por volutas nos ángulos superiores e inferiores, a cal acaba conformando unha representación moi similar á dunha cuncha.

O conxunto está rematado por unha cruz de sección cuadrangular cos ángulos rebaixados e cun lixeiro engrosamento nos extremos, con representacións nas dúas caras. No anverso aparece representado Cristo crucificado (mirando cara ao mar-noroeste), unha figura de tres cravos (o seu pé dereito colocase sobre o esquerdo para poder colocar un único cravo nestas extremidades). A imaxe caracterízase por estar bendicindo coas dúas mans (ten a man pechada mentres estende os dedos índice e corazón), ter xirada lixeiramente a súa cabeza cara a dereita e levar o pano de pureza (perizoma) atado na parte dereita. Como é común neste tipo de imaxes, sobre a súa cabeza leva unha cartela coa inscrición “INRI”. No reverso aparece representada a figura da Virxe das Angustias, erguida directamente sobre a base do crucifixo. A imaxe da Virxe (mirando cara terra-sueste) caracterízase por levar no colo o corpo do seu fillo morto, coa súa man dereita colocada debaixo do pescozo do seu fillo (a cabeza de Xesús está cara a dereita), mentres que á esquerda colócalla sobre o peito. En total, o conxunto conta cunha altura de 4,60 metros. 

Como dato anecdótico débese mencionar o feito de que antigamente a xente que se casaba en Bamio adoitaba ir a este cruceiro a facer as fotografías do enlace.

  • INFORMACIÓN
  • Código: VI-ER006
  • Outras denominacións:
  • Tipoloxía: Elementos relixiosos
  • Cronoloxía: 1683
  • Concello: Vilagarcía de Arousa
  • Parroquia: San Xens de Bamio
  • Lugar: O Campanario
  • Acceso a pé: Bo
  • Galería de imaxes: Acceder
  • Conservación:

    -

  • Protección:

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Vilagarcía de Arousa (44 PHA)

    Rexistro de Bens de Interese Cultural (BIC)

    Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

    Decreto 571/1963, de 14 de marzo, sobre protección de los escudos, emblemas, piedras heráldicas, rollos de justicia, cruces de término y piezas similares de interés histórico-artístico

  • Referencias:

    Cruceiros de Galicia

    Marín Martínez, X. R. e González Pérez, C. Cruces e cruceiros antigos de Vilagarcía de Arousa. Editorial Galaxia, 2003

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Cruceiro do Campanario

Cruceiro de Vilar

Cruceiro do Casal

Cruceiro do Cemiterio do Campanario