Cruceiro da Punta Grandoiro

Cruceiro da Punta Grandoiro - Vilagarcía de Arousa - San Xens de Bamio

Imaxe: Vanesa Lago Somoza

Este cruceiro está asentado directamente sobre as rochas do litoral, é dicir, carece de chanzos na súa parte baixa. Isto provoca que se erga directamente sobre o pedestal (carente de ornamentación), que ten unha forma cúbica e está rematado na súa parte superior en chafrán.

O fuste desta construción é de sección cuadrangular no seu primeiro terzo, mentres que o resto do fuste ten sección octogonal. Localizado xa na parte octogonal atópase unha pequena representación (mirando cara ao mar) que é identificada como a imaxe de Santiago Peregrino, unha figura que apoia a súa man dereita nun bastón mentes que a esquerda tena erguida preto do peito. Está vestido co que parece ser unha túnica e leva un sombreiro sobre a súa cabeza (vestimenta de peregrino). O capitel continúa a composición cunha sección octogonal, con volutas en catro dos seus lados, e xusto debaixo delas aparece unha representación ovalada cunha decoración de bólas no seu interior. No medio destas decoracións aparece a representación da cruz de Santiago (símbolo característico dos cabaleiros da Orde de Santiago), que semella a representación dunha espada no seu trazo vertical mentres que os seus brazos ou trazo horizontal, rematan nunha flor de lis; observándose por último, a representación dunha panela na parte superior.

O conxunto está rematado por unha cruz de sección cuadrangular coas arestas rebaixadas que remata de forma cuadrangular nos estremos do crucifixo, posuíndo representacións nas dúas caras. No anverso aparece representado Cristo crucificado (mirando cara ao mar-noroeste), unha figura de tres cravos (o seu pé esquerdo colócase sobre o dereito para poder colocar un único cravo nestas extremidades). Destaca o gran movemento das súas pernas, xa que estas se separan do marco para darlle un gran movemento a composición. A figura caracterízase por inclinar a súa cabeza cara a dereita e levar o pano de pureza (perizoma) atado na parte dereita. Como é común neste tipo de imaxes, sobre a súa cabeza leva unha cartela coa inscrición “INR”. No reverso aparece representada a figura da Virxe (mirando cara a terra-sueste), erguida sobre un pedestal que ten a representación dunha cuncha de vieira na parte inferior. Caracterízase por estar vestida cunhas pesadas roupaxes que non deixan apreciar a súa anatomía, destacando o pano que a cubre dende a cabeza até os pés. Chama a atención a posición das súas mans sobre o peito (en acto de rezo) e a súa cabeza erguida como se estivese mirando o ceo.

Este cruceiro forma parte dos cruceiros que conforman o Via Crucis do Mar de Arousa e río Ulla, localizado no litoral do río.

  • INFORMACIÓN
  • Código: VI-ER008
  • Outras denominacións:
  • Tipoloxía: Elementos relixiosos
  • Cronoloxía: -
  • Concello: Vilagarcía de Arousa
  • Parroquia: San Xens de Bamio
  • Lugar: Punta Grandoiro
  • Acceso a pé: Regular
  • Galería de imaxes: Acceder
  • Conservación:

    -

  • Protección:

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Vilagarcía de Arousa (49 PHA)

    Rexistro de Bens de Interese Cultural (BIC)

    Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

    Decreto 571/1963, de 14 de marzo, sobre protección de los escudos, emblemas, piedras heráldicas, rollos de justicia, cruces de término y piezas similares de interés histórico-artístico

  • Referencias:

    Cruceiros de Galicia

    Marín Martínez, X. R. e González Pérez, C. Cruces e cruceiros antigos de Vilagarcía de Arousa. Editorial Galaxia, 2003

    Guía de Cruceiros Xacobeos no Camiño do Mar de Arousa e Ulla

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Cruceiro do Cemiterio do Campanario

Cruceiro do Salgueiral

Cruceiro de Vilar

Cruceiro da casa reitoral do Campanario