Alfolín da Renda do Tabaco

Alfolín da Renda do Tabaco - Pontecesures - San Xulián de Requeixo

Imaxe: Fernando Cabeza Quiles

A explosión industrial e económica, que aconteceu no século XVIII, levou á construción, por orde de Carlos IV, dun almacén ou alfolín de rendas estancadas. Isto foi propiciado polo feito de que Pontecesures xa era desde 1467, o único porto autorizado para a descarga do sal en toda a ría de Arousa, debido á súa situación estratéxica para a distribución de mercadorías. A súa construción foi froito da necesidade dun espazo onde almacenar certos produtos de valor, derivados da actividade comercial (sal, tabaco, pólvora ou xofre).

Este edificio civil con trazas barrocas está compartimentado no seu interior para acoller as distintas mercadorías. Na fachada principal destacan un escudo dos Borbóns e unha inscrición baixo a cornixa: “LOS ALMACENES DE LA RENTA DEL TABACO CONSTRUÍDOS EN EL AÑO DE MDCCXC REINANDO EL SEÑOR DN CARLOS IV”.

O feito de que Pontecesures fose o único porto autorizado a descarga do sal facía que esta tivese que ser traído ao pobo en barcos de vela dunhas vinte toneladas, procedente dos grandes cargueiros que fondeaban en Vilagarcía de Arousa, e que non podían entrar nesta vila por falta de calado do río Ulla. Sendo Vilagarcía en 1814 autorizado para o embarque e desembarque con América durante o reinado de Isabel II, e ante a diminución do calado, o porto mercante pasaría definitivamente a Vilagarcía.

O traxecto desde o porto até o almacén, facíase en cestos duns vinte cinco quilogramos portadas na cabeza por mulleres. Unhas 40-50 mulleres facían o percorrido desde o porto, pasando por diante da Casa Loureiro, atravesaban a vía do tren e baleiraban o seu contido no alfolín.

Como curiosidade tamén destacar que ademais de depósito do sal e tabaco, fai uns oitenta anos tamén se refinaba azucre, que entraba alí en forma de mestura cristalina.

No ano 1900 sufriu un incendio que durou tres días, provocado por unha cabicha ao caer sobre os cereais almacenado, es que acabou coa maioría dos compartimentos interiores e vigas que eran de castiñeiro.

  • INFORMACIÓN
  • Código: PO-AI004
  • Outras denominacións: A Factoría ou Alfolín de Rendas Estancadas
  • Tipoloxía: Arquitectura industrial
  • Cronoloxía: Século XVIII
  • Concello: Pontecesures
  • Parroquia: San Xulián de Requeixo
  • Lugar: A Factoría
  • Acceso a pé: Bo
  • Galería de imaxes: Acceder
  • Conservación:

    Nos últimos anos o edificio albergou distintos locais hostaleiros, permanecendo pechado na actualidade.

  • Protección:

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Pontecesures (PO A)

    Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

  • Referencias:

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Pontecesures, aprobado o 27 de xuño de 2003

    O Pontecesures Antigo

    Fernando Cabeza Quiles

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Finca O Telleiro

Alfolín da Renda do Tabaco

Cerámica Celta

Caleras del Ulla