Cerámica Celta

Cerámica Celta - Pontecesures - San Xulián de Requeixo

Imaxe: Manuel Lara

As instalacións que configuraran o conxunto da Cerámica Celta, acaroadas á que fora industria de fabricación de cal (Caleras del Ulla), localízanse na aba setentrional do Monte do Porto, na ribeira esquerda do río Ulla tras o seu paso pola vila.

En 1923 Ramón Diéguez Carlés, establecía unha fábrica de cal baixo a razón social Caleras del Ulla. Diéguez, dunha familia de pequenos comerciantes, estudara química e farmacia en Santiago de Compostela, e comezara a traballar en Madrid, no laboratorio dun dos máis importantes farmacéuticos do país, o licenciado santiagués José Casares Gil, precursor do desenvolvemento da química no estado. Na solicitude da licenza, o promotor indicaba que tiña proxectado construír dous fornos, un de cocción de baldosa e artigos análogos, e outro para calcinación de seixo pedernal e carbonato cálcico. A caleira vai ser así o embrión da futura Cerámica Celta.

En 1925, apenas dous anos despois ter aberta a Cerámica de Campaña, o empresario Eugenio Escuredo Lastra, home emprendedor e inquieto, porá en funcionamento no lugar do Cantiño, unha área tradicionalmente anegada polas cheas do Ulla, no camiño de San Xulián, un obradoiro de cerámica artística inspirado no modelo que coñecera en Sargadelos e ao que chamará Cerámica Artística Gallega. Contrataría a un artesán portugués de Brancelos e entraría en contacto co artista Francisco Asorey en Compostela, quen realizará os deseños dos primeiros moldes que saíron da cerámica: “Os tesouros”, o “Pórtico da Gloria”, a ”Naiciña”, o ”Sepulcro do Apóstol” e outras pezas fabricadas coa imaxe de Galicia. Todas as pezas serían deseñadas xunto a Víctor García García-Lozano e Oría Moreno, esta última encargada do coloreado e retocado das pezas no taller.

Aínda que chegara a vender a produción en Inglaterra e, sobre todo, en Cuba e Arxentina, a calidade do barro empregado era baixa para tal tipo de cerámica e pronto terá dificultades, polo que Escuredo abandonará a experiencia e, xa no 1927, venderá os moldes das figuras ao industrial Ramón Diéguez Carlés, quen trasladará a produción do obradoiro de cerámica ás instalacións que tiña na caleira e fundará alí a Cerámica Celta nese mesmo ano.

Ramón Diéguez, preocupado pola calidade, e grazas á súa preparación técnica, empregaría o barro das súas minas de feldespato en Valga, e introduciría a técnica do vidrado nas pezas que herdara da Cerámica Artística Gallega, dándolles un novo pulo. Ademais de continuar coa colaboración de Asorey, contrata a un artesán de Buño, Antonio Añón, que é axudado nos inicios polos artesáns Peteiro, Rafael Ochoa e Oría Moreno.

O médico Víctor García García-Lozano, un grande entusiasta da cerámica, introducirá ao seu colega Alfonso Daniel Rodríguez Castelao no obradoiro. Castelao será o artista máis interesado na cerámica de Diéguez e o que máis a influenciou, preparando numerosos deseños e bosquexos que servirán de guía para a realización de moitas pezas como a “Cabuxiña”, inspirada nunha obra do alemán Willy Züguel.

Francisco Asorey, José María Acuña, Carlos Maside, Santiago Bonone, Carlos SobrinoManuel Torres ou Carlos Bóveda aportarán tamén os seus deseños á Cerámica Celta. Outros artesáns que pasarán pola cerámica cesureña serán Francisco Ferro (moldes), Hipólito Castaño (torno), Devantier, Pepe Llerena, Arturo Jamardo, Antonio Fabeiro, “Pintacristos”, “Peteiro”, Teresa Gonzalez, Concha Vazquez (decoradores) ou Rafael Ochoa.

Antonio Fabeiro, de Extramundi (Padrón), fixo moi poucos murais de azulexos na súa vida artística, destacando o de “La Divina Pastora” que se conserva na entrada do Convento de Santo Antonio de Herbón, ou o desparecido do “Campo da Insua” que se localizaba fronte á Casa Sanmartín na Ponte (Padrón).

Na Cerámica Celta elaborarase durante case corenta anos unha artesanía ligada á natureza e inspirada na ánima galega, e chegaría a coñecerse como a “Universidade Plástica de Galicia”. Dirá Xosé Filgueira Valverde que esta experiencia única, onde converxeron unha clase empresarial ilustrada, cunha vehemente aposta pola industria de calidade ligada á artesanía, e un grupo de artistas renovadores da arte galega, atraídos por este clima favorable, foi “un chanzo intermedio entre a antiga e a nova industria de Sargadelos”.

O obradoiro artístico funcionará entre 1927 e 1963, até que o seu propietario decidiu pechalo. A produción industrial, non obstante, continuará, primeiro con un dos seus fillos ao fronte, e na actualidade como marca comercial dun grupo empresarial.

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Cerámica Artística Gallega

Cerámica Celta

Finca O Telleiro

Gaseosas Zabala