Brañas de Laíño
Imaxe: Javier Figueroa Iglesias
Este espazo forma, xunto coas Veigas de Campaña e Cordeiro de Valga, unha das zonas húmidas máis grandes de Galicia, cunha riqueza medioambiental de primeira magnitude, protexida pola Rede Natura 2000 (Sistema Fluvial Ulla-Deza). Teñen unha importante variedade de flora e fauna presentando exemplares en perigo de extinción e endemismos da Península Ibérica como o Emberiza shoeniclus subsp. lusitanica. Nas súas xunqueiras, carrizos e pasteiros nidifican moitas aves como a folosa acuática (Acrocephalus paludicola), a garza, a aguia perdiceira, o gabián, o vichelocrego ou o cardeal. En canto á vexetación atopamos Thalictrum speciosissimun da que só existen dúas citas na provincia da Coruña, Scirpus pungens, variedade de xunco da que apenas quedan exemplares, herba salgueira, ulmaria, lirios, frundio, mentas e diferentes especies de orquídeas.
Rosalía de Castro escribiu sobre as Brañas de Laíño o seguinte:
Como chove miudiño,
como miudiño chove,
como chove miudiño,
pola banda de Laíño,
pola banda de Lestrobe.
Antes de Rosalía, xa o Pai Sarmiento, no século XVIII, falou deste espazo do Baixo Ulla. Tamén aparecen referenciadas no dicionario de Madoz, a mediados do século XIX.
No seu libro “Toponimia de Dodro e de Laíño. Os nomes na auga”, Manuel Lorenzo Baleirón conta como as Brañas de Laíño foron historicamente excelentes pastos cos que se engordaban os mellores bois de Galicia e daban de comer ás vacas dos veciños. Dodro foi terra de vacas e de leite. De feito existiu durante anos varias cooperativas leiteiras: Cooperativa de Productos de Laíño, Unión Lechera de Laíño e Cooperativa de Labaradores de Laíño. No libro fálase de que, durante anos, as ribeiras do río Ulla “foron a despensa dos pobres, unha terra de fartura nun tempo agre e miserento. Quen non tiña campías de seu sabía que podía apañar herba a esgalla nas Brañas de Laíño”. Este espazo perdeu os seus usos históricos, en boa parte polo que Manuel Lorenzo Baleirón cualifica no seu libro de “espolio” da Ley de Costas que “se apropiou sen máis da totalidade dos terreos comunais e particulares”. Existe unha copla popular que reflicte a importancia das Brañas de Laíño na economía doméstica tradicional:
As neniñas de Laíño,
Eu direi quen elas son:
Collen o xunco na braña
Vano vender a Padrón
En sesión extraordinaria de 1 de agosto de 1944 a Corporación Municipal de Dodro acordaba solicitarlle ao Instituto Nacional de Colonización, facer canles perpendiculares ao río Ulla até o límite das propiedades para que as mareas circulasen polos mesmos e non anegaran as brañas e os terreos comunais convertelos en privados para que os propietarios puideran cultivar todo tipo de forraxes e acabar coa fame. Este proxecto, que afortunadamente non se chegou a executar, suporía desecar as brañas.
Pouco antes de desaparecer, o Instituto Nacional de Colonización, levou a cabo en Dodro un proxecto inexplicable e faraónico: o regadío. Este proxecto pretendía regar as terras de Laíño e Dodro por medio de canles construídas en cemento, de moitos quilómetros, con pozos de derivación para poder levar a auga a todas as terras de labranza que, por outra parte, xa usaban métodos tradicionais e na parte das brañas xa eran inundables, cousa que facía totalmente innecesaria a obra. Aínda que realizada case ao completo nunca chegou a funcionar e a auga seguiu regando as leiras e brañas como en tempos inmemoriais.
Nos anos 70, varios proxectos de fábricas de celulosas quixeron instalarse en varios puntos de Galicia, entre eles Dodro. Promovida por Promotora del Ulla, S.A. (PROULLASA) en 1973, pretendíase a instalación dunha celulosa (fabricación de pasta de papel kraft) nas Brañas de Laíño. En contra disto, un movemento impulsado pola Asociación Cultural O Sacho de Padrón opúxose firmemente a este macroproxecto. Tamén ILEPSA, a actual Nestlé, ameazou con pechar a súa factoría de Pontecesures se este proxecto seguía adiante.
A última intervención nas Brañas de Laíño executouna a empresa pública TRAGSA e a Dirección Xeral de Costas no ano 2016 co beneplácito do Concello de Dodro, daquela gobernado polo Partido Popular. Consistiu nunha ampla talla nun dos poucos bosques inundables de Galicia que se encontra no espazo protexido pola Rede Natura 2000 e en varios camiños que transcorren polo lugar. Esta acción foi amplamente contestada polos veciños que chegaron a parar a corta, mais tamén polos colectivos ecoloxistas coma a Sociedade Galega de Historia Natural que mesmo denunciaron o feito ante a Consellería de Medio Ambiente.
- INFORMACIÓN
- Código: DO-NA001
- Outras denominacións: Veiga de Lestrobe ou Esteiro do Ulla
- Tipoloxía: Espazos naturais
- Cronoloxía:
- Concello: Dodro
- Parroquia: San Xián de Laíño
- Lugar: Brañas de Laíño
- Acceso a pé: Bo
- Galería de imaxes: Acceder
- Conservación:
-
- Protección:
Decisión da Comisión do 7 de decembro de 2004 - LIC (Lugar de Interese Comunitario)
Decreto 37/2014 - ZEC (Zona Especial de Conservación)
Decreto 37/2014 - Rede Natura 2000
Real Decreto 103/2003 - Espazo Natural do Plan Hidrolóxico Galicia Costa
- Referencias:
Laboratorio Ecosocial do Barbanza
- XEOLOCALIZACIÓN
- Coordenadas: 42.709752891516 , -8.7037312119428
-
Como chegar desde ...
- ...a Casa do Concello de A Estrada
- ...a Casa do Concello de Catoira
- ...a Casa do Concello de Dodro
- ...a Casa do Concello de Padrón
- ...a Casa do Concello de Pontecesures
- ...a Casa do Concello de Rianxo
- ...a Casa do Concello de Teo
- ...a Casa do Concello de Valga
- ...a Casa do Concello de Vilagarcía de Arousa
-
- COLABORA
-
Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?
ATOPACHES ALGÚN ERRO?
Se atopaches algún na ficha do elemento ou en calquera funcionalidade do sitio non dubides en notificar a incidencia empregando o formulario de contacto do sitio.