Castelo da Rocha Branca

Castelo da Rocha Branca - Padrón - Santa María de Iria Flavia

Imaxe: flickr PAISA

As diferentes denominacións deste xacemento (Castro de Arretén, A Barronca, A Rocha ou A Raíña Lupa) describen o lugar onde estivera o Castelo da Rocha Branca. Tratábase dunha fortaleza artellada en torno a un recinto circular, delimitado por unha muralla pétrea e circundada por un foxo. Ao norte deste recinto existen outras estruturas, posiblemente habitacionais, aínda que a súa configuración orixinal está parcialmente alterada. Tamén se conserva a plataforma de asentamento e a zona de acceso, ademais de cantarías espalladas e algún perpiaños soterrados, partes dos muros de contención e o propio terreo.

O Castelo da Rocha Branca foi destruído durante a II Guerra Irmandiña, así como outras fortalezas, arredor dos primeiros anos do derradeiro cuarto do século XV, sendo rei de Galicia, León e Castela, Henrique IV de Trastámara, coñecido como O Impotente. No século XV, Padrón padeceu os avatares da Revolta Irmandiña, loita entre o arcebispado e os cabaleiros, constituíndose na vila unha Irmandade no 1467, que levou á destrución do Castelo da Rocha Branca e da Torre Moucha, atalaia defensiva acaroada á Igrexa de Santiago de Padrón. O crego Rui Vasques, autor da Crónica de Santa María de Iria, conta que pola "maa vivenda" dos cabaleiros que as habitaban "que non fazian senon furtar e roubar".

A fortaleza fora residencia do Arcebispo de Santiago don Lope de Mendoza, entre 1400 e 1445, quen encargou restaurala e decorar profusamente a súa vivenda para destacar o seu rango social. Engalanou de laranxeiras os patios e corredores na lembranza dos días pasados na súa Sevilla natal. O palacio tiña recubertos de azulexos os chans, os alizares dos apousentos, as soleiras e os antepeitos das fiestras. Azulexos brancos e verdes, de azul cobalto sobre estanníferos esmaltes, que agora sabemos elaborados nos obradoiros valencianos de Manises, figurando zurróns e chapeus de peregrino decorados con vieiras e enmarcados por roleos vexetais.

Entre os elementos que chegaron até a actualidade foron anacos de azulexos, traídos desde Manises, e de pavimentos e zócalos da vivenda do arcebispo. Ademais foi residencia do tamén Arcebispo de Santiago Rodrigo de Luna, entre os anos 1451 e 1460, na que morrería en circunstancias nunca explicadas, aínda que supostamente envelenado.

No Preito Tabera-Fonseca aparece mencionada coma unha das fortalezas totalmente derrocadas, xunto coas da Rocha Forte en Santiago, as Torres de Oeste, a fortaleza de Melide e outros pazos arcebispais composteláns. O preito comezara en 1525 e fora unha arbitraxe que tivo lugar entre o Arcebispo Alonso III de Fonseca e o seu sucesor no cargo Juan Tabera, como indemnización polos danos sufridos nos castelos e casas pertencentes á mitra compostelá durante os gobernos de Alonso II de Fonseca, a causa das loitas cos seus inimigos señoriais nas revoltas irmandiñas. Tabera preiteaba contra ambos os dous Fonseca por non arranxar ditas fortalezas, coma si fixeran outros señores da nobreza.

Na pregunta 15ª do interrogatorio presentado polo Procurador do Arcebispo de Santiago, pódese ler: ”Si saven que la dicha Rocha Blanca de par de la villa de Padrón antes y al tienpo quel dicho señor Patriarca ubo el dicho arçobispado de Santiago e despues mucho tiempo estubo llebantada en pie y era casa fuerte y de plazer y la mas hermosa e deleitosa que abia en todo el Reino e que tal bino a su poder y la tubo mucho tiempo e que abía en ella una bara de casa muy alta e muy fremosa con sus sobrados y rico aposiento, tellada, almenada y engalanada con sus casas y barbacanas alderredor y muchas torres, cubos y baluartes y garatas en la çerca todas almenadas y enguirnaladas y labradas de piedra de grano y con sus puertas y conpuertas y ponte lebadizas y dentro y de fuera de la dicha casa abía muchos hedifiçios y aposiento y serbiçio altos y baxos, ricos y fermosos dorados y pintados y ladrillados todo el suelo de azulejos y con sus huertos, naranjales, bosque, fuentes y estanques y otras cosa para deleite y fortaleza y muniçión de la dicha casa e si saben que la dicha casa hera muy importante al estado de la dicha Sancta Iglesia para defender sus basallos de los henemigos de la iglesia que biben en la dicha comarca usurpadores de los vienes della para asegurar los caminos deredor de la dicha Rocha fuerte y para efetos. Digan e declaren lo que cerca dello saben a que hedifiçios e muniçión y cosas solia aber en la dicha casa y si saven e creenque no se tornarían hazer otra talpor diez quentos demarabedis”.

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Petróglifo da Chanciña

Marco dos Coutos

Mámoa da Chansa

Petróglifo Nº 2 do Porteliño