Hórreo da Miguensa

Hórreo da Miguensa - Dodro - San Xoán de Laíño

Imaxe: Concellería de Cultura e Patrimonio | Concello de Dodro

Tamén coñecido como "do Arco" ou "Pontello", está localizado no centro da aldea de Castro.

Magnífico exemplar de hórreo mixto, tanto por tamaño como, sobre todo, por factura. A cimentación é unha espectacular repisa de perpiaño de granito, de gran altura e coa particularidade de presentar no centro un gran arco de medio punto, a xeito de pasadizo, para deixar paso aos carros co millo. Este pasadizo daba a un pequeno curral interior que servía de acceso ao propio hórreo e a outras dependencias e servía de parapeto defensivo. Non ten soportes, asentando o tornarratos directamente sobre a repisa. O tornarratos é corrido ao longo do corpo de todo o hórreo. Ten catro claros, con balaústres de madeira e dúas cintas, coa madeira reforzada no terceiro claro. Ten as portas de acceso no lateral sur, de madeira. Non ten linteis. As columnas son de pedra e a cornixa de madeira. Os dous penais son de perpiaños de granito, sen ventilación. Ten sobrepenas nos dous pinches, ambos de pedra. Cubrición de tella do país sobre armazón de madeira. Non conserva os remates. Orientado ao L-W. Na parte interior (lateral sur) están as escaleiras de pedra para subir ás portas de cada claro, acceso facilitado por unha gran lousa de pedra. Debaixo das escaleiras había un alpendre doméstico. Mide 8 metros de longo, 3 de ancho e 3 de alto.

Data, aproximadamente, do ano 1750. Hórreo que  presenta peculiaridades moi salientables, como o pasadizo na plataforma. Formidable exemplo pétreo que, pola aparencia, indica a súa potencia económica Vinculado á figura de Xan Quinto, famoso bandoleiro do Araño de comezos do século XX.

  • INFORMACIÓN
  • Código: DO-HO010
  • Outras denominacións: Hórreo do Arco, hórreo Pontello ou hórreo da Pontella
  • Tipoloxía: Hórreos
  • Cronoloxía: 1860
  • Concello: Dodro
  • Parroquia: San Xoán de Laíño
  • Lugar: Castro
  • Acceso a pé: Bo
  • Galería de imaxes: Acceder
  • Conservación:

    Restaurado en 2020, grazas á doazón de Carmen Tourís, das herdeiras de María Otero e Cándido Tourís, e das herdeiras de Josefa Rodríguez Castro.

  • Protección:

    Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Dodro (CP-61)

    Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia

    Rexistro de Bens de Interese Cultural (BIC)

    Decreto 449/1973, de 22 de febrero, por el que se colocan bajo la protección del Estado los «hórreos» o «cabazos» antiguos existentes en Asturias y Galicia

  • Referencias:

    Traballo de inventariado feito por Beatriz Pereiras en 2010 (Nº 214)

    Concello de Dodro

    Sendeiros de Dodro

    Historia de Galicia

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Hórreo de Manselle

Hórreo de Reboiras

Hórreo de Bustelo

Hórreo de Vigo