Telleira das Rañas

Telleira das Rañas - Catoira - Santa Baia de Oeste

Localízase ao pé do Monte da Cabreira, fronte á Vacariza, a poucos metros da Telleira de Roeiro e da Telleira de Padín, cara o oeste.

A telleira foi construída, segundo afirma Ramón Rodríguez, polo tío deste, Secundino Rodríguez Castaño, ou pola súa familia. O certo é que tanto a Telleira de Roeiro (Valga), máis vella, como a das Rañas eran propiedade familiar dos Rodríguez, alcumados os de “Roeiro”. Secundino nunca se dedicou á fabricación de tellas, aínda que pode que anteriormente alguén da familia si o fixera. Pola súa banda, Francisco Castaño Tojo, telleiro neste forno afirma que era propiedade de Benita López das Rañas e do seu irmán, na parroquia de Oeste, Catoira. Era ela quen a alugou a José María Francisco. O último morador da chamada casa das Rañas foi Rial, segundo afirma Pepe Castaño Dios en Oeste, cen anos de historia/s, o que explicaría que tamén fose chamada a telleira “de Rial”, como derradeiro propietario, xa que a vivenda permanece abandonada desde fai moitos anos.

As primeiras referencias falan de cando Vicente Padín as comezou a arrendar. Viña procedente da Telleira do Forno e decidiu vir para estas debido a maior facilidade no transporte de barro e produtos, por estar a telleira á beira do Ulla. Os Padín, axudados por telleiros contratados procedentes de Dena traballaron algúns anos as dúas telleiras até decidir facer unha propia preto delas.

Despois dos Padín arrendouna José María Francisco, telleiro da Guarda, casado na Vacariza de onde cruzaba en gamela ás telleiras. Xa traballara anteriormente a Telleira de Quintáns. No ano 43 entrou a traballar con el Francisco Castaño Tojo (o seu irmán Hipólito traballara antes que el, para ir despois a Caleras del Ulla). Tamén entrou outro telleiro de Vilar. O resto de telleiros eran do Baixo Miño e viñan con José María Francisco, marchando á Guarda durante o inverno. Á morte de José María Francisco, o seu fillo Isidoro, famoso acordeonista da comarca, estivo un ano máis de patrón, mais logo non tornou. Despois deles a arrendaron aos “Fariña” que a traballaron até que se trasladaron á Telleira de María Antonia en Catoira. Un dos Fariña, Manuel, casou en Santa Baia de Oeste e quedou a vivir alí. A telleira funcionou até arredor do ano 1955.

Había barro local, frouxo, extraído do monte próximo que se mesturaba con barro procedente de Dena para facer ladrillos. O barco traía dúas calidades: barro do monte de Dena e barro do mar. O do mar era máis forte, mais difícil de romper e de picar. As tellas facíanse exclusivamente con barro de Dena. O barro viña en barcos desde Dena até a telleira. Un dos transportistas era José Antonio Rial Rivela, familiar de Ramón Rodríguez “Roeiro”.

O forno é de forma rectangular, con vestidura de ladrillo, levaba 10 daghas de tella (con máis de 4000 tellas cada dagha). O pallete estaba acaroado en dúas caras do forno. Había unha construción auxiliar a poucos metros que servía como vivenda aos telleiros. Tiña un tanque como embarcadoiro para a entrada dos barcos.

Foi traballada por Vicente Padín e os seus fillos: Manuel, José e demais. Tamén Francisco Castaño Tojo, que comezou pagando 6,50 pesetas, logo subiu a 10, logo cobraron 15 pesetas, e finalmente 20 pesetas "eran cartos". Os serradores naquel tempo gañaban 18 pesetas. El tamén coidaba o cabalo durante o inverno e ademais facía o pan (moía e enfornaba) para a comida dos telleiros. Tamén foi traballada polos Fariña: Manuel Fariña Tojo e os fillos del Antonio e Manuel Fariña Moldes, que xa traballaran en Dena noutras telleiras. Outros traballadores de Dena traballaron tamén nesta telleira.

Producíase tella grande, para ”aleros”, das que se facía menos, e tella normal. Tamén cumios. No tempo de José María Francisco facíase ladrillo con máquina de dous buracos. Os Fariña, pola contra, facían os ladrillos manualmente.

A tella producida levábase en carro para Dimo, Catoira, Cordeiro… para toda a zona. A maioría ía en barco: a Boiro, a Taragoña, a Torre (Ribeira). José María Francisco ía ás feiras onde lle encargaban a tella. Francisco contrataba un barco de Vilarello. “Padín tiña tella todo o inverno, José María Francisco, en 15 días de rematar a tempada a vendía toda”. Coñecía a moita xente na marxe norte do Ulla. Tamén vendían tella a contratistas. Os “Fariña” vendían a tella normalmente a distribuidores. Tamén a deixaban a vender na casa de Milagros de Xamardo, muller de Antonio Fariña Moldes. Ademais cargaban tella en barco, que era enviada a lugares como Rianxo.

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Serradoiro de Pereira

Serrerías Industriales de Catoira

Telleira de Rodríguez

Instalacións náuticas