Telleira de Quintáns

Telleira de Quintáns - Rianxo - Santa María de Isorna

Imaxe: Alejandro Fernández Palicio

Localízase no lugar Agro de Telleira, entre Quintáns e A Vacariza, a uns 230 metros do Serradoiro de José Ribeiro, tamén na ribeira do Ulla.

Nada se sabe da súa construción ou orixe. A súa propiedade era da familia Rivela, da muller de Ramón Rodríguez "Roeiro". Eles a arrendaban. A primeira nova que se ten do seu arrendo foi a José María Francisco, procedente da Guarda, que viña con outros dous telleiros “portugueses”. José María casou na Vacariza, mais o matrimonio volvía cando remataba a temporada á Guarda. Estiveron varios anos até que marcharon á Telleira de Roeiro primeiro e logo á Telleira das Rañas, xa que tiñan ambas as dúas un forno de maior capacidade. Con el traballou Hipólito Castaño Tojo, irmán de Francisco, quen chegaría a ser torneiro en Caleras del Ulla, logo na cerámica de Ares e que finalmente montaría un obradoiro de cerámica en Lestrobe.

O barro viña principalmente de Dena, aínda que o mesturaban para facer os ladrillos con barro rico en xisto extraído da barreira da Mina de Quintáns. no monte veciño, ao outro lado da estrada, onde aínda hai tres covas de onde se sacaba o barro.

O forno é rectangular coa caldeira aberta ao río Ulla. Descoñécese onde estaba o pallete. Tiña unha casa para os telleiros e un embarcadoiro de pedra onde antigamente había dous barqueiros, cunha quenda cada un cada semana, unha si, unha non.

Foi traballada por José María Francisco e outros telleiros da Guarda. Hipólito Castaño Tojo de Vilar. Había moita xente, como Dorinda da Vacariza, que ía ao monte a coller toxo e corozas e levar carretadas ao forno. “Traballaban co sol cando caían os paxaros”. Tiñan un cabalo na pía.

Producíase tella grande, para ”aleros”, das que se facía menos, e tella normal. Tamén cumios. O ladrillo non sería a máquina.

Respecto do transporte e venda, foi neste momento cando José María Francisco comezou a ir ás feiras da marxe norte da ría.

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Mina de Quintáns

Telleira de Palleiro

Serradoiro de José Ribeiro

Cheminea da Praia da Torre