Telleira do Forno

Telleira do Forno - Valga - Santa Comba de Cordeiro

Imaxe: Alejandro Fernández Palicio

Telleira hoxe desaparecida que se localizaba ao carón da Hormadisa.

Aínda que podería tratarse dunha das telleiras referenciada no Catastro de Ensenada, as primeiras referencias documentadas datan da matrícula industrial de 1856, cando o telleiro Ramón Benito Vicente dáse de alta. Permanecerá até 1865. Non se terán máis novas dela até que se faga cargo, en 1896, Manuel López Figueira até 1904, segundo a matrícula industrial, aínda que Manuel traballará moitos máis anos. A telleira era propiedade de “Os Donosos”, Manuel e Concepción, chegados de América. O seu sobriño, José Victoriano López Castro traballou nela cando aínda era moi novo durante un breve período arredor do ano 1930. Manuel arrendouna despois a Vicente Padín, segundo conta a filla de Vicente, Rosa. Con Vicente traballarán primeiramente telleiros contratados en Dena. Os seus fillos tamén se iniciarán nesta telleira, como o fillo maior, Manuel, que chegaría a oficial e que daquela era “tendedor”; e José Padín, o fillo pequeno que comezou a traballar nesta telleira como pinche, segundo conta: “Na primeira, que foi a primeira que tivemos, (a do Forno) traballei de pinche. Había que peneirar de po, sequiño, para despois botarlle ao banco, para que non se apagara o banco, que é de madeira. Hai que botarlle po, que hai que lle dar cunha peneira e despois metela masa. Como no pan”.

“Os Padín” continuaron traballándoa por varios anos. Deste período é seguro que o barro xa o traían de Dena, mesturándoo co que collían no monte para abaratar os gastos. Non obstante a situación xeográfica da telleira, facía que o barro de Dena tivese que ser traído en camións en lugar de barcos, polo que o gasto era elevado. Hai que ter en conta que os camións podían traer moito menos barro de cada vez que un barco. Isto propiciou que Vicente Padín decidise trasladarse ás telleiras de Vilar (Telleira de Roeiro e Telleira de Padín) onde si era posible o uso do transporte marítimo.

A finca onde está o desaparecido forno de tella aínda se lle chama O Telleiro. Atópanse “restos de tella e ladrillo cada vez que entra o tractor”.

O barro, nunha primeira etapa, era extraído no monte en man común de Cordeiro, a pouco máis de 300 metros da telleira, e onde agora se construíron algunhas vivendas. Con posterioridade comezouse a mesturar co barro procedente de Dena, que viña en camións. Esta práctica seguramente comezou con Vicente Padín.

O forno da telleira foi destruído coa construción da actual vivenda. O manancial que levaba auga á telleira aínda se conserva, estando parte en terreos da Hormadisa.

Foi traballada por Ramón Benito Vicente entre 1856 e 1865, Manuel López Figueira entre 1896 e 1904, traballando con el entre 6 e 8 persoas dependendo do momento. Entre eles o seu fillo José Victoriano López Castro. Na derradeira etapa, Vicente Padín, cos seus fillos e traballadores de Dena.

Os traballadores desta telleira “facían sobre todo tella e ladrillo macizo” na etapa de Manuel López.

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Barreira do Monte Leveiró

Mina Porto Piñeiro

Mina Mercedes

Telleira do Forno