Castro Valente

Castro Valente - Padrón - San Pedro de Carcacía

O xacemento denominado Castro Valente ou A Cerca atópase no límite municipal entre Padrón (Santa María de Herbón e San Pedro de Carcacía) e A Estrada (San Miguel de Barcala), na marxe sur do río Ulla. Emprázase nunha contorna de fortes pendentes. Ten un control visual importante da ría de Arousa, do cruce do Ulla en Pontecesures e Padrón, e do paso ao interior desde este punto ao val de Vea e A Estrada, pasando xusto debaixo o tradicional “camiño do sal” que pasaba por Grobas e Fenteira (Ferreira Priegue 1988:115-116; Pérez Losada 2002:108).

Trátase unha fortaleza de época romana e altomedieval de excepcionais dimensións. Ten unha superficie aproximada dunhas 11 hectáreas (111.000 m2), cunha lonxitude total da muralla que rolda os 1.200 metros. Segundo consta en documentación de finais do século XIX e comezos do XX, a muralla tería máis dunha trintena de torreóns cuadrangulares e semicirculares. Consta dun único recinto delimitado por unha muralla na que alternan grandes bloques de granito con mampostería seca de mediano tamaño. Alberga no seu interior outeiros rochosos con rebaixes para asentar algún tipo de edificación. O xacemento, polo seu emprazamento fisiográfico, domina visualmente unha ampla panorámica, o que lle permite controlar tanto o curso do río Ulla e a súa foz na ría de Arousa, como a confluencia co Sar e o val deste. Do mesmo xeito controla os accesos terrestres e fluviais á Estrada.

No 2020 levouse a cabo unha campaña arqueolóxica consistente en tres sondaxes situadas na zona noroeste do xacemento. Unha delas estaría situada no interior do recinto. Nela localizouse un muro en moi mal estado de conservación, pertencente a unha estrutura de funcionalidade, polo de agora, descoñecida e que as arqueólogas non poderán definir até ampliar a zona escavada. A intervención foi desenvolvida pola empresa Tempos Arqueólogos SL e forma parte do proxecto Castelos no aire.

Novas ameazas poñen en cuestión, unha vez máis, a conservación do Castro Valente. Existen proxectos para a instalación de catro aeroxeradores, unha subestación e o trazado dunha liña de alta tensión na ladeira do monte.

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Mámoa do Castelo Redondo

Marco dos Coutos

O Castelo

Marco da Pena das Cruces