Petróglifo Nº 1 do Porteliño

Petróglifo Nº 1 do Porteliño - Padrón - Santa María de Iria Flavia

Imaxe: Colectivo A Rula

Este petróglifo, xunto co Petróglifo Nº 2 do Porteliño, o Petróglifo da Chanciña, o Petróglifo Nº 1 do Monte Lomba e o Petróglifo Nº 2 do Monte Lomba, forman un conxunto de cinco gravados prehistóricos no Monte Lomba localizados no ano 2021 polo Colectivo A Rula, a partir dos traballos de investigación de Xoán Guitián e o seu fillo Jorge hai máis de 20 anos.

As superficies gravadas localízanse no tramo baixo da ladeira sur-sur leste do Monte Lomba ou Monte Castrelo, que protexe polo norte a poboación de Herbón e, a Iria polo leste. O Monte Castrelo, na parroquia de Santa María de Iria Flavia, é unha modesta elevación que acada os 174 metros de altitude. Na súa cima localízase un recinto fortificado coñecido como Castro do Castelo. A superficie protexida polo recinto ten un diámetro de 110 metros no seu eixo norte-sur e uns 35 metros no leste-oeste, e está delimitado por un parapeto e un foxo. A ficha do catálogo dálle unha cronoloxía xenérica da Idade do Ferro e/ou medieval. A poucos metros ao norte consérvase a Mámoa do Castelo, un enterramento neolítico de boas dimensións.

Os petróglifos concéntranse no tramo inferior da pedregosa aba que descende cara a chaira aluvial que conforma o río Sar. Multitude de pequenas rochas de granito fino espalladas por toda a ladeira presentan numerosas evidencias de actividades extractivas, proba do intenso traballo dos canteiros no pasado.

O Petróglifo Nº 1 do Porteliño localízase no último tramo da ladeira sur do Monte Lomba, no límite entre as parroquias de Santa María de Iria Flavia e Santa María de Herbón, nun afloramento granítico pouco destacado nun pequeno outeiro a uns 30 metros do camiño que discorre en dirección leste-oeste ao pé do monte. Trátase dunha superficie regular inclinada situada a rentes do chan, orientada ao sur.

Ten unhas dimensións de 4 metros de longo por 3 metros de ancho. Encadrado entre diáclases obsérvase un conxunto de motivos formado por até seis círculos simples, un círculo cunha cruz inscrita no seu interior, unha agrupación de coviñas e varias formas indeterminadas. Os círculos teñen un diámetro aproximado de 18 centímetros. A maioría dos motivos son pouco visibles polo desgaste que presentan. Semella que a técnica empregada para a súa realización é a do piqueteado, sen que pareza que se procedese a continuación ao habitual proceso de abrasión posterior tan característico dos nosos petróglifos, o que fai pensar para este panel na posibilidade dunha cronoloxía diferente a das restantes estacións.

  • COLABORA
  • Queres colaborar no proxecto? Tes algunha imaxe, comentario ou texto que aportar?

    Quero colaborar!

Máis elementos do catálogo


Curuto do Castro

Mámoa da Chansa

Mámoa do Castelo Redondo

Túmulo do Castelo